Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 1 de Febreiro de 2017 VV.AA.

O Centro Sur centroamericano: radiografía das tendencias migratorias en Nicaragua, Costa Rica e Panamá

(Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC)
Fonte: The Wall Street Journal

A situación migratoria do Centro Sur centroamericano caracterízase pola converxencia de diversas dinámicas que configuran unha realidade ben diferente a dos seus veciños do Triángulo do Norte Centroamericano (TNC). Distanciados da endémica deriva de violencia e inseguridade que asola o triángulo, conforman unhas pautas migratorias propias e dispares. Costa Rica e Panamá encárnanse como países receptores ou de tránsito de inmigrantes, ofrecendo unhas tendencias relativamente baixas en materia de emigración. Se ben é certo que Nicaragua si localiza sangrías migratorias de importante calado, nin as súas motivacións nin os seus fluxos seguen as pautas establecidas polos seus análogos do norte.

Ante esta desigual natureza e dado que analizala como bloque podería ser problemático, parece conveniente revisar as particularidades mais significativas de cada espazo.

Costa Rica

Cunha situación socioeconómica relativamente favorable e estable para o seu contexto, se ben viuse afectada dende o 2009 pola crise económica e a dependencia do comercio e turismo estadounidense, continúa a situarse como unha opción de forte atractivo para a captación do interese migratorio rexional (un 8,77% da súa poboación é inmigrante)

Co turismo e o sector agrícola actuando como motores do seu desenvolvemento, a demanda de man obra pouco cualificada mantense constante dende as dúas últimas décadas, demanda só satisfeita parcialmente co censo propio. Esta circunstancia serve de especial reclamo para a poboación nicaraguana, onde estes salarios son significativamente máis baixos (en Costa Rica o salario/hora dun peón agrícola ascende a  US$ 1,63, en Nicaragua de US$ 0’37)(1) e a situación socioeconómica é máis precaria.

Esta combinación de factores vai definir a Costa Rica como a maior área receptora de inmigración da rexión. De igual modo, resulta salientable a súa importancia como zona de tránsito migratorio provinte de Panamá e con destino a EUA.

Pola contra, o recente aumento dos índices de violencia supón un novo reto para o executivo do presidente Guillermo Solís. Se ben e certo que relaciónase con temas de disputas entre bandas e focalízase en áreas moi concretas (especialmente no cantón de Limón)(2), un aumento desta deriva podería afectar negativamente ao sector turístico, así como a percepción de Costa Rica como destino laboral e mesmo actuar como impulso para a propia emigración (a nivel interno e externo). Hai que resaltar que a situación non é alarmante, mais convén prestarlle a debida atención mentres a problemática estea en fase embrionaria.

Panamá

Cunha dinámica socioeconómica similar á de Costa Rica, baixos índices de emigración (3,6% da poboación panameña) e niveis de violencia por debaixo do seu entorno, non se presenta tanto como una país receptor de inmigración (4,6%) se non de tránsito na ruta cara  EUA.

Neste contexto, cobra especial relevancia un territorio situado na marxe sur panameña, porta de entrada de facto a Centroamérica vía terrestre: o denominado “tapón de Darién”.

Neste abrupto territorio, cunha área selvática onde nin a carreteira panamericana conseguiu abrirse camiño,  atopámonos cunha das rutas migratorias máis perigosas do mundo e un novo desafío migratorio. A cifra de migrantes chegados a esta área multiplicouse por tres dende 2014 e, contra o que cabería esperar, cobra especial relevancia a presenza de inmigrantes do ámbito internacional (rexións asiáticas como Nepal ou oriúndos do Corno de África)

A confluencia nesta ruta de inmigración internacional e rexional (Venezuela, Colombia, Cuba ou Haití) vai vir determinada polas dificultades actuais das rutas clásicas (ruta marítima de Florida) e a chegada de inmigrantes doutros continentes a zonas como Brasil e Ecuador.

Impulsados pola crise migratoria da zona mediterránea, que resta atractivo á ruta europea, fomentado polas redes captadoras, que se encargan de tramitar as pasaxes aéreas ou marítimas, o número de migrantes internacionais que se encamiña por esta ruta aumenta cada ano.

A incapacidade das autoridades panameñas para controlar este paso, en contraposición coa zona marítima que agora está sometida a unha forte vixilancia, revalida esta localización como corredor de tránsito habitual. Neste espazo, o crime organizado atopa un recuncho predilecto para operar e obter beneficios a través dos migrantes, aumentando os non poucos perigos(3)  inherentes á ruta e presentando un novo reto para o goberno de Panamá.

Nicaragua

Neste caso si atopamos unha situación migratoria comparable á da zona norte centroamericana, non tan vinculada á inestabilidade e a inseguridade (rexistra uns dos índices de homicidio máis baixos de Centroamérica), senón a factores laborais e socioeconómicos.

O fluxo migratorio nicaraguano amósase constante dende as últimas décadas, produto dunha conxunción de factores socioeconómicos e políticos (fortes cambios estruturais na década dos oitenta e as transformacións no sistema produtivo dos noventa), contando actualmente con preto dun 10% da súa poboación residindo no estranxeiro.

Con perfís moi diferentes, os principais destinos migratorios son EUA e Costa Rica. O primeiro caso, máis significativo entre as décadas de 1970 e 1980, é motivado polas escaladas bélicas derivadas da Revolución Sandinista e a súa consolidación. Caracterízase por unha significativa “fuga de cerebros”, de persoal cualificado (140.000 segundo datos da Organización Internacional para as Migracións).

O fluxo predominante na actualidade tórnase cara Costa Rica, atraendo un perfil de menor capacitación, destinado a suplir a demanda de man de obra nos sectores da construción, industria agrícola ou servizos.

Esta corrente iníciase na década dos noventa, derivada dos cambios estruturais do período de “transición”, onde a privatización de servizos básicos e a redución de programas sociais e de emprego público consolidou un modelo económico que agravou a situación de grupos xa historicamente marxinais (poboación rural e pequenos produtores agrícolas). Cunha situación económica precaria, con salarios inferiores aos ofertados polo país veciño, a migración laboral (estacional ou permanente)(4) preséntase como a alternativa de preferencia.

Frear esta fuga de capital humano e reducir a dependencia das remesas (10% PIB) préstase como condición indispensable para evitar se converter nunha sociedade asistida. Nesta liña parece avanzar o goberno de Daniel Ortega,  impulsando programas de desenvolvemento rural coma o Plan Nacional de Nicaragua para o Desenvolvemento Humano (PNDH)(5). Dende 2009 a 2014 experimentouse unha baixada dos niveis de pobreza (42,5% a 29,6%. Enquisa Nacional de Nivel de Vida, 2014) e os datos de emigración cara Costa Rica mostran unha lixeira redución nos últimos dous anos (6% segundo a Dirección General de Migración y Extranjería, DGME).

Sen embargo, o ámbito rural continúa a rexistrar índices de pobreza demasiado altos, falta de oportunidades e pouco acceso ao sistema educativo. Continuar e reforzar medidas de desenvolvemento rural nunha perspectiva a medio e longo prazo, fomentar a creación de emprego (no mundo rural e urbano) e promover o retorno dos migrantes (en especial dos máis cualificados) son os principais desafíos a abordar polo executivo nicaraguano.

Recomendacións e retos comúns

Á marxe das especificidades de cada un dos Estados analizados, a crecente relevancia da ruta migratoria que atravesa a rexión (con destino cara EUA), de continuar con esta dinámica, vai esixir unha maior cooperación para a aplicación de políticas migratorias coordinadas. Abordar o desafío de forma conxunta, compaxinando recursos e tecendo lazos de colaboración en lugar de disputas e devolucións “en quente” dunha fronteira a outra, parece condición sine qua non para poder responder a este novo desafío de forma eficaz e garantindo o cumprimento da lexislación internacional en materia de dereitos humanos.

Do mesmo xeito, unha resposta común dificultaría que a criminalidade organizada transnacional estenda as súas raíces a través dos fluxos migratorios (utilizando os espazos baleiros para establecerse como estruturas para-estatais) e que se consolide como un actor belixerante na rexión.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Máster “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

Citas bibliográficas:

(1) Organización Internacional para las Migraciones (OIM): Informe Costa Rica: flujos migratorios laborales intrarregionales, 2011, pp. 18.   https://www.iom.int/jahia/webdav/shared/shared/mainsite/media/docs/reports/Informe-Costa-Rica-Flujos-Migratorios-Laborales-Intrarregionales.pdf

(2) Coincide coa ruta caribeña da cocaína e sitúase como área de paso, polo que existe presenza de bandas relacionadas co crime organizado e concentra maiores índices de homicidio, relacionado con axustes de contas.

(3) Condicións insalubres e risco de contaxio de enfermidades infecciosas como malaria ou encefalites equina, abusos e agresións de grupos paramilitares e bandas locais etc. http://www.acnur.org/noticias/noticia/cidh-expresa-profunda-preocupacion-por-situacion-de-migrantes-en-colombia-cerca-de-la-frontera-de-panama/

(4) Destacan as migración por campañas temporais determinadas no sector agrícola e asociadas a temporadas das colleitas. Dende o goberno de Costa Rica expéndense visados de tres meses, que se renovan ao volver a Nicaragua.

(5) Obxectivo de reducir a desigualdade mediante o aumento do combate da pobreza e incremento da inversión en sectores sociais e na infraestrutura rural. Actualizado no 2016 http://www.pndh.gob.ni/

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais