O “default” arxentino

Arxentina apréstase a confrontar un período de complexidades financeiras con notorias consecuencias políticas, principalmente de cara aos comicios presidenciais pautados para 2015 así como na súa tradicionalmente tensa relación cos organismos financeiros internacionais. Este escenario vese contemporizado pola crise derivada das demandas de acredores estranxeiros que non se acolleron á reestruturación da débeda pública arxentina entre os anos 2005 e 2010, e cuxo vencemento cumpriuse este 30 de xullo. O fracaso da negociación en Nova York incrementa agora as preocupantes perspectivas sobre a economía arxentina, en particular ante as expectativas derivadas das presións exteriores por unha eventual bancarrota financeira.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Arxentina apréstase a confrontar un período de complexidades financeiras con notorias consecuencias políticas, principalmente de cara aos comicios presidenciais pautados para 2015 así como na súa tradicionalmente tensa relación cos organismos financeiros internacionais. Este escenario vese contemporizado pola crise derivada das demandas de acredores estranxeiros que non se acolleron á reestruturación da débeda pública arxentina entre os anos 2005 e 2010, e cuxo vencemento cumpriuse este 30 de xullo. O fracaso da negociación en Nova York incrementa agora as preocupantes perspectivas sobre a economía arxentina, en particular ante as expectativas derivadas das presións exteriores por unha eventual bancarrota financeira.

O centro da crise debeuse á decisión dun xuíz neoiorquino, Thomas Griesa, de obrigar a Bos Aires a abonar unha débeda valorada en US$ 1.500 millóns, particularmente derivadas da presión das cualificadoras crediticias e dos denominados “fondos voitres”(1). Esta conxuntura coloca ao goberno de Cristina Fernández de Kirchner nunha difícil situación, constantemente referida nos medios de comunicación como similar á crise do “corralito” de 2001-2002. Nesta marea de negociacións de ida e volta nas derradeiras semanas, Arxentina tenta equilibrar a crise comprometéndose a prorrogar o prazo de pago das débedas reestruturadas para o próximo 31 de decembro, cando venza a cláusula dos bonos.

A presidenta Fernández de Kirchner xa asegurou esta semana que o seu goberno abonou 500 millóns de euros no Bank of New York, comprometidos para este pago antes de que vencera o seu prazo a finais de xullo. Non obstante, diversas fontes gobernamentais advirten que o xuíz Griesa presuntamente bloqueou o pago destes fondos, mantendo a presión sobre os prazos e pedindo ó mesmo tempo o pago dos referidos US$ 1.500 millóns de euros. Tomando en conta que a negociación en Nova York finalmente estancouse, para finais de 2014 poderían acelerarse reclamacións de pago valoradas en aproximadamente US$ 120.000 millóns. Así e todo, fontes estadounidenses cuestionan a capacidade real do xuíz Griesa para acometer este caso, inducindo que descoñece ou non está ao tanto de diversos pormenores da negociación, practicamente dando a entender que presuntamente obedece ás presións dos acredores.

As alternativas de Cristina K

Todo isto repercute nun tenso pulso entre Arxentina, o xuíz Griesa  e os “fondos voitres”, cuxas repercusións alcanzan o plano hemisférico e global. Previo á negociación en Nova York, a presidenta Cristina K e o seu ministro de Economía, Alex Kicillof, recibiron frontais apoios en diversos cumios por parte de organismos como o G77 + China, os BRICS (Cristina K chegou a pedir un préstamo de US$ 5.000 millóns), a UNASUR, a OEA e o MERCOSUR. A pesar destes apoios, os acredores, comunmente cualificados pola presidenta Cristina K como “fondos voitres”, aceleraron as súas presións con embargos a activos arxentinos no exterior.  

Esta presión dos “fondos voitres” complican un panorama económico preocupante para Arxentina, intensificada polas sinais de estanflación económica suscitadas pola combinación de recesión e elevada inflación, estimada en aproximadamente 35%. Con todo, e se ben os acredores apresuráronse (con velado interese) en anunciar a inminencia dun default “selectivo” tralo fracaso das negociacións en Nova York (tal e como declararon o mediador Daniel Pollack e a cualificadora Standard and Poor´s)(2), a situación actual non semella reproducir a derivado da dramática situación social acontecida co “corralito” de 2001, curiosamente a crise de default e cesación de pagos que derivou no posterior acceso ao poder dos Kirchner a partir de 2003.

Nos derradeiros meses, o goberno de Fernández de Kirchner acelerou as tentativas para gañar a confianza dos investidores e dos mercados internacionais, en particular ante o Club de París, organismo que desembolsou esta semana US$ 650 millóns(3), e Repsol á hora de solucionar o tema YPF. Tentativas observadas desde diversos ángulos como “tardías” e escasamente previsibles, pero que dan a entender que o goberno arxentino posúe ferramentas alternativas para sortear a crise dos “fondos voitres”.

A pesar do fracaso das negociacións en Nova York, o marxe de manobra para Bos Aires segue considerablemente en pe, tomando en conta a posibilidade de retomar as negociacións de forma bilateral cos bancos privados e os acredores a partir de xaneiro de 2015. Debe igualmente compensarse a consecución de novas fontes de financiamento, tal e como se visualizou cos acordos de investimentos con China e Rusia acadados tralas recentes visitas de Xi Jinping e Vladímir Putin a Arxentina, así como a oferta de financiamento outorgada por un grupo de bancos privados arxentinos, valorado en US$ 250 millóns.

No caso chinés, compre observar o crédito do Banco Central de China valorado en US$ 11.000 millóns, para reforzar as reservas internacionais arxentinas, actualmente estimadas en US$ 30.000 millóns(4), se ben as mesmas rexistran a súa peor caída desde 2006.

Un factor inevitable: o efecto electoral

Con todo, a perspectiva en chave electoral desta crise de eventual default terá unha repercusión inevitable de cara aos comicios presidenciais pautados para finais de 2015, en particular na tensión política derivada da sucesión da presidenta Cristina K dentro do “kirchnerismo” así como das expectativas de retorno ao poder por parte da oposición.

Simultánea ás negociacións cos “fondos voitres”, Arxentina veuse sacudida polas acusacións de presunta corrupción emitidas contra o vicepresidente Amado Boudou, moi próximo á presidenta Cristina K, e quen algúns sectores consideraban como eventual candidato do “kirchnerismo” a pesar de non provir das filas oficialistas.

Descartada calquera opción electoral para Boudou, Cristina K deberá sopesar unha sucesión con garantías dentro do “kirchnerismo”, tomando en conta o avance da candidatura de Sergio Massa, un disidente peronista con candidatura propia, a Fronte Renovador, así como a do opositor e conservador e xefe de Goberno de Bos Aires, Maurico Macri (PRO). Macri ven sendo o máis crítico con Cristina K polo seu manexo da crise dos “fondos voitres”.

Se Cristina K logra eventualmente renegociar con relativo éxito cos “fondos voitres”, restando levemente os seus efectos sobre a economía arxentina, estaría por ver en qué medida a eventual candidatura “kirchnerista” lograría reforzarse de cara aos comicios de 2015. Con todo, as perspectivas semellan concluír que a próxima presidencia arxentina decidirase nunha ballotage de segunda volta, cunha marxe estreita de votos.

Pero as expectativas dos acredores exteriores eventualmente focalízanse nun hipotético fait accompli sobre o fin de ciclo gobernamental do “kirchnerismo”, alimentado igualmente polos efectos do escándalo Boudou. As súas presións supoñen efectos colaterais nesa dirección. De fortalecerse esta perspectiva, Cristina K deberá acometer diversas frontes no pouco máis dun ano de goberno que lle resta na Casa Rosada, moitas delas con expectativas pouco optimistas. E quen sabe se o hipotético final de ciclo do “kirchnerismo” remate ironicamente por onde comezou: cunha crise de cesación de pagos, como ocorreu en 2001-2002.

 



(1) Os denominados “fondos voitres”, cualificativo endilgado pola presidenta Cristina Fernández de Kirchner, aparecen como un actor decisivo neste entramado, erixíndose como lobbies financeiros de carácter especulativo. Unha definición sucinta supón catalogalos de fondos de capital de risco que invisten en bonos de débeda pública dunha determinada entidade ou país que estea a piques da bancarrota ou de default financeiro, polo xeral comprando un 20 ou 30% do seu valor, para posteriormente premer polo pago do 100% do seu valor. No caso que compete actualmente a Arxentina, a crise espallouse a partir de 2012, cando os reclamos das empresas de capital de risco NML Capital y Aurelius Capital Management contra o goberno arxentino polo pago de US$ 1.500 millóns en bonos de débeda pública, foron amparados polo fallo do xuíz de primeira instancia da Cámara de Apelacións de Nova York, Thomas Griesa, de 83 anos, e posteriormente ratificados pola Cámara de Apelacións e a Corte Suprema de EUA. Arxentina defende que ten pagado o 93% do que piden os acredores, negándose a pagar o 100% baixo indicacións de que estas entidades compraron os bonos a prezos moi reducidos por mor da crise do “corralito” de 2001. En EUA, o lobby máis importante que exerce presión contra o goberno de Fernández de Kirchner é a American Task Force Argentina (ATFA), moi vinculados ao sector agropecuario estadounidense e con notables contactos no mundo político e financeiro. A ATFA impulsou un boicot á carne arxentina baixo a demanda de presuntamente ter utilizado aftosa. A mediados de xullo, os copresidentes de la ATFA, Nancy Soderberg e Robert Shapiro, visitaron Bos Aires e foron posteriormente os “mediadores” que recibiron en Nova York ao ministro arxentino de Economía, Alex Kicillof, co prazo a piques de vencerse o pasado 30 de xullo. Para maior información sobre cómo funciona a AFTA e as súas conexións de alto poder en EUA, consultar o artigo de Marcelo Justo, “Cómo opera el lobby de los ‘fondos buitres’ que se enfrentan a Argentina”, BBC Mundo, 30 de xullo de 2014. Ver en: http://www.bbc.co.uk/mundo/noticias/2014/07/140728_economia_argentina_lobby_fondos_buitre_atfa_yv.shtml     

(2) Polo contrario, destaca o silencio oficial dos acredores litigantes tralo fracaso da negociación con Kicillof, toda vez ó mesmo tempo estas entidades negociaban a eventual venda dos bonos da débeda a bancos privados arxentinos. As suspicacias sobre o silencio dos “fondos voitres” pode consultarse no artigo “El llamativo silencio de los holdouts”, Clarín (Arxentina), 31 de xullo de 2014. Ver en: http://www.clarin.com/politica/llamativo-silencio-holdouts_0_1184881543.html

(3) Tomás Lukin, “No fue un default, no saben ni cómo llamarlo”, Página 12 (Arxentina), 31 de xullo de 2014. Ver en: http://www.pagina12.com.ar/diario/economia/2-251928-2014-07-31.html

(4) Ignacio de los Reyes, “Argentina: cinco razones para sobrellevar un default”, BBC Mundo, 31 de xullo de 2014. Ver en: http://www.bbc.co.uk/mundo/noticias/2014/07/140730_economia_argentina_default_msd.shtml