Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
7 de Abril de 2021 Álvarez Ares

O deporte como propulsor do intercambio cultural

A práctica do judo é un catalizador de aproximación a Xapón

O restablecemento dos Xogos Olímpicos Modernos implicou unha evolución cara a universalidade do deporte, sendo a promoción dunha corrente internacional e internacionalizada das relacións humanas, que xerase coñecemento e comprensión entre os pobos unha das ideas básicas da restauración Coubertiana, e que avanzou da man coa constante evolución do deporte ata o escenario globalizado actual.

O intercambio cultural dentro das sociedades: camiño á interculturalidade

Un dos aspectos máis estudados pola socioloxía do deporte son aqueles compoñentes que fan deste unha ferramenta socializadora e transcultural capaz de fomentar o dialogo e o desenvolvemento de identidades plurais e inclusivas. Xeralmente analizan os seus beneficios nunha perspectiva interna, baseada na capacidade de loitar contra o racismo, integrar ás minorías étnicas e avanzar no camiño dunha educación intercultural dentro das sociedades. O deporte ofrece un escenario cunhas regras comúns, unha relativa importancia do idioma, unha competencia baseada na igualdade e un rendemento independente ao orixe; o cal favorece un campo eficaz de socialización e intercambio entre iguais. Esta ferramenta e cada día máis utilizada en sociedades cunha ampla diversidade cultural, destacando proxectos deportivos dirixidos a poboacións de refuxiados de diferente orixe étnico como sucede en Tanzania.

Ademais, ten a capacidade de xerar referentes e ofrece un altofalante para as reivindicacións de igualdade, que ten unha grande importancia dende a loita contra a segregación racial nos EUA de mediados século pasado, con grandes figuras e activistas como Muhammed Ali ou o “Black Power” de John Carlos e Tommie Smith.

O intercambio cultural nos eventos internacionais

A pesar da indubidable importancia que ten esta vertente interna no intercambio cultural e o enriquecemento das sociedades, non é a única. Partindo de aquela idea das olimpíadas como punto de encontro dos pobos do mundo, o propio acto de reunir deportistas de diferentes países supón un contacto e intercambio entre eles. As veces parece que só son relevantes as estrelas deportivas, mais a actividade deportiva reúne (ou reunía antes da Covid-19) unha multitude de atletas de todo o globo en todo tipo de eventos, sexan amateurs, de categorías inferiores ou profesionais.

Nestes encontros prodúcense contactos tanto dentro dos terreos de xogo, onde o deporte exerce de idioma universal, como fora del, pois é habitual que distintos combinados compartan espazos, residencia ou transporte. Neste contexto afloran conversacións e contactos entre atletas que poden chegar a coñecer aspectos da súa cultura. Ademais, o modelo de deporte actual, onde nalgunhas disciplinas os deportistas desenvolven gran parte da tempada viaxando a competir ou adestrar, favorece contactos periódicos que poden derivar no establecemento de vínculos ou amizades internacionais entre aqueles que dentro da pista son rivais.

As competicións e adestramentos ofrecen tamén un intercambio cultural do deportista co lugar sede do evento. Mediante o turismo, a gastronomía, ou o contacto coa xente local, os deportistas xeran uns coñecementos e unhas ideas acerca do país que compartiran cos seus achegados, e o que alí aprendan repercutirá en termos de retorno nas súas sociedades á volta.

¿Pode o país de orixe dun deporte ter influencia nos seus practicantes?

Existen outras formas de intercambio cultural que non adoitan a ser tidas en conta, como o que se pode producir entre o país de orixe dun deporte cos seus practicantes. Todos os deportes nacen cun compoñente cultural intrínseco das sociedades nas que se desenvolve, aínda que a universalización da práctica deportiva mitigara os seus efectos, foi moi utilizada nos procesos coloniais, como sucedeu co cricket na India. Na actualidade, a práctica dun deporte supuxo en ocasións un punto de interese dos seus practicantes co país do que xurde, e xeralmente logra ter un maior impacto no caso das artes marciais orientais, posto que adoitan a ter unha grande implicación cultural e filosófica.

Dada a falta de bibliografía dispoñible ao respecto máis aló de experiencias persoais, decidín facer un estudo de caso dun deporte caracterizado pola influenza da tradición e os costumes do país de orixe: o Judo. Mediante unha enquisa realizada a máis de 120 persoas vinculadas con este deporte, pretendín comprobar se tiña unha influenza nun aumento dos coñecementos, interese e vínculos co Xapón que supoña unha divulgación cultural do país e puidera ser utilizado con fins diplomáticos. Os participantes tiñan entre 13 e 75 anos, e inclúe dende practicantes recreativos, competidores, mestres, árbitros ou staff medico da selección, algúns deles co luxo de ter visitado o país.

Nos extensos e interesantes resultados, destaca que un 87% amosábanse “completamente” ou “bastante de acordo” con que practicar judo fixo que aumentara o seu interese por Xapón, un 82% con que fixo que coñecera máis sobre o país nipón, especialmente sobre a cultura, gastronomía e a historia, e un 79% con que mellorou a súa percepción sobre este, tendo o número de anos de vinculación ao judo unha correlación positiva. Nas respostas abertas cualificaban que para eles Xapón representaba “o berce”, “a orixe”, “valores”, “respecto” ou “disciplina”, e algunhas persoas explicaron que “intento imitar e transmitir os seus valores” ou “as veces síntome parte desa cultura sen tan sequera ter pisado a illa” Ademais atopamos un 78% “completamente de acordo” con que un dos seus soños é viaxar a Xapón, e entre os que xa o fixeron incluíanse descricións da viaxe como “unha conexión especial”, “único” ou “enriquecemento persoal e deportivo”.

Podemos afirmar neste caso que o deporte establece unha ponte cultural directa entre o país de orixe e os practicantes, que beneficia en termos de enriquecemento a sociedade receptora, e exerce unha diplomacia pública para a emisora, xa que aumenta o coñecemento e a percepción dos públicos estranxeiros sobre o país. Isto pode abrir unha ampla gama de oportunidades, máis tendo en conta que é o quinto deporte con máis licencias en España, 8.923 delas en Galicia. É dicir, case 9000 persoas cunha predisposición a saber sobre Xapón, aprender da súa cultura e incluso a viaxar ás illas. As embaixadas non son alleas a este fenómeno, a acostuman a ter contactos cas federación de judo ou asistir a eventos. Aínda que isto podería potenciarse mediante, por exemplo, a realización de actos culturais en torno as competicións mais importantes que achegue aos judokas outras perspectivas do país, a promoción turística que inclúa unha vinculación co deporte, ou intercambios en idades escolares que permitan progresar nos estudos e practicar o deporte; que deriven tamén nunha mellora das relacións bilaterais.

Estes resultados quizais non sexan aplicables directamente a outras disciplinas ao ser un caso paradigmático, mais pode ofrecer unha pequena perspectiva de como nas sociedades actuais existe unha enorme gama de posibilidades de exercer unha diplomacia pública ou de establecer vínculos grazas a multitude de actores que pasan habitualmente desapercibidos.
 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais