O deporte na loita polos dereitos humanos e o desenvolvemento

Os principios do Olimpismo, definen o deporte como unha filosofía de vida, asociada á cultura e a formación, que busca crear un estilo de vida baseado na alegría do esforzo, o valor educativo do bo exemplo e o respecto polos principios éticos universais, co fin de establecer unha sociedade pacífica e comprometida coa dignidade humana. A práctica deportiva é un dereito humano, toda persoa debe ter a posibilidade de practicar deporte sen discriminación, condenando rotundamente calquera tipo desta baseada en consideracións de raza, relixión, política, sexo ou de outra clase. Estes principios fan del unha potencial ferramenta na loita polos dereitos humanos, a paz e o desenvolvemento sostible.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Os principios do Olimpismo, definen o deporte como unha filosofía de vida, asociada á cultura e a formación, que busca crear un estilo de vida baseado na alegría do esforzo, o valor educativo do bo exemplo e o respecto polos principios éticos universais, co fin de establecer unha sociedade pacífica e comprometida coa dignidade humana. A práctica deportiva é un dereito humano, toda persoa debe ter a posibilidade de practicar deporte sen discriminación, condenando rotundamente calquera tipo desta baseada en consideracións de raza, relixión, política, sexo ou de outra clase. Estes principios fan del unha potencial ferramenta na loita polos dereitos humanos, a paz e o desenvolvemento sostible.

Isto non pasaría desapercibido para estados e organizacións, como a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, onde o COI ten estado de observador permanente. Dende que en 1992 aprobou a “Resolución da Tregua Olímpica”, emitiu mais dunha vintena de resolucións formulando un chamamento á inclusión sistemática do deporte nos esforzos de pacificación e desenvolvemento sostible a nivel internacional.

Xa puidemos ver nalgúns exemplos dos anteriores artigos como o deporte tivo un impacto positivo ao longo da historia, mais se queremos ver o súa influencia na actualidade podemos analizar como axuda ao acordo referencia do desenvolvemento no presente: A Axenda 2030.

O deporte e a Axenda 2030

A Axenda 2030 é unha estratexia global para traballar conxuntamente na consecucións de 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Adoptados en 2015 por todos os estados da ONU, teñen a finalidade de, para o ano 2030, poñer fin a pobreza e a desigualdade, protexer o planeta e garantir que tódalas persoas gocen de paz e prosperidade. O deporte pode influír en distinta medida, pola propia natureza da actividade física, grazas ao efecto e capacidade de difusión que supón ser un foco mediático, ou mediante unha planificación a conciencia del.

Obviamente, a meta sobre a que por definición ten máis impacto o deporte é o ODS. 3: “Saúde e Benestar”, dado que o deporte contribúe enormemente a mellorar a saúde fisiolóxica, mental e social das persoas, ademais de promover hábitos de vida saudables como a alimentación, a hixiene ou o non consumo de alcol e drogas.

Dende a orixe do olimpismo moderno o deporte foi da man coa promoción dunha “Educación de Calidade” (ODS.4). As actividades deportivas inclusivas foron utilizadas para fomentar a coeducación, poden servir como elemento motivador para a asistencia a escola, e apoian o aprendizaxe fomentando o seu rendemento académico, habilidades de liderado e capacidade de concentración.

Nos anteriores artigos puidemos intuír a súa utilidade para os ODS. 16: “Paz, Xustiza e Institucións Sólidas” e 17: “Alianzas Para lograr os Obxectivos”. O deporte, ademais de ofrecer un punto de encontro distendido entre líderes e outros actores, pode ser un catalizador na reconstrución de sociedades en pos-conflito e na rehabilitación de comunidades e persoas afectadas por esta, como os “nenos-soldado” ou os refuxiados. A multitude de actores que involucra o deporte permite construír e fortalecer redes e alianzas entre distintos sectores e niveis organizativos para a consecución de diversos obxectivos e programas de acción social.

Unha adecuada utilización do deporte pode colaborar na consecución dos ODS.1: “Fin da Pobreza” e 2: “Fame Cero”. Principalmente logrouse mediante a sensibilización e a mobilización do público en xeral en programas de promoción e mediante iniciativas deportivas dirixidas a xerar fondos contra a pobreza e a fame. Tamén hai que ter en conta que pode ser unha industria produtiva coa capacidade de sacar as persoas da pobreza grazas ao emprego e a súa contribución as economías locais, polo que neste sendeiro, o sector deportivo ofrece tamén unhas interesantes opcións para os ODS.8: “Traballo decente e desenvolvemento económico”, e 9: “Industria, innovación e infraestruturas”.

É inherente ao espírito deportivo a loita pola “Redución das Desigualdades” (ODS. 10) e a promoción da inclusión de todos, sen importar idade, raza, relixión, estado económico ou de calquera tipo. O deporte promove a pluralidade, celebra e valora a diversidade social e o entendemento mutuo, e pode previr a xeración de prexuízos. Achega programas deportivos a poboacións que historicamente foron marxinadas desta actividade, como grupos en risco de exclusión ou o compromiso co deporte paralímpico dende 1948; e incluso ofrece un altofalante para as súas reivindicacións, como está a suceder dende fai meses coas protestas deportivas en apoio ao “Black Lives Matters”.

Dentro desta loita, faise especial énfase á Igualdade de Xénero (ODS.5), na que o deporte leva mais de un século colaborando: dende a primeira participación da muller nos Xogos Olímpicos de París 1900 ata Londres 2012, onde tódolos países enviaron representación feminina. Aínda que a igualdade de momento é formal e non se traslada a moitas manifestacións deportivas, especialmente en termos de difusión e retransmisión, estanse a dar grandes pasos, que permiten xerar mulleres referentes e apoderadas, que loitan contra os estereotipos de xénero e inspiran as futuras xeracións de líderes na igualdade.

Pero si hai un tema que cobrou importancia nos últimos anos, plasmado na Axenda 2030, é a preocupación polo cambio climático, adicando ata 7 ODS a metas relacionadas con este (“Auga Limpa e Saneamento”, “Enerxía Asumible e non contaminante”, “Cidades e Comunidades Sustentables”, “Produción e consumo responsables”, “Acción Polo Clima”, “Vida Submarina” e “Vida e Ecosistemas Terrestres”). E tamén precisamente onde o deporte máis pode prexudicar: construción e mantemento de infraestruturas, transporte e impacto ambiental do turismo deportivo, utilización de recursos e paisaxes naturais... Porén, deportistas e organizacións foron tomando conciencia da importancia de coidar o noso planeta e dende a década dos 90, o COI e a Carta Olímpica recoñecen a importancia do medio ambiente e o desenvolvemento sostible. Tomáronse diversas iniciativas como a “Axenda 21 do Movemento Olímpico”, guía de referencia para a comunidade deportiva e dende a cal tódalas cidades que aspiren a organizar os xogos deben presentar un plan de sustentabilidade. Pese a non obter sempre o éxito desexable, o mundo do deporte seguiu a apostar por esa vía, aprobando no 2018 xunto con ONU Cambio Climático o “Marco da Acción Climática para o Deporte”, e amosando un forte compromiso das vindeiras cidades olímpicas por facer uns xogos “máis ecolóxicos que nunca”.

Nos últimos anos vimos unha proliferación de accións sociais dedicadas á consecución destes obxectivos a través do deporte: “Fight for Peace”, “Fútbol para a esperanza”, “Xoga, vive”, “Proxecto ConDeporte” nos campos de refuxiados, programa de embaixadores deportivos de UNICEF... Levadas a cabo por multitude de actores nacionais, supranacionais, entidades deportivas, OING´s e deportistas, poñen de relevo a capacidade asociativa que ten, e a utilidade de facer un uso planificado, transversal e dirixido a accións concretas, das que xa se están a obter resultados moi positivos.