Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 15 de Xaneiro de 2014 Mansilla Blanco

O derradeiro Falcón

Ariel Sharon (dereita) co entón ministro israelí de Defensa, Moshe Dayán, durante a guerra de Yom Kippur en 1973.

A morte clínica de Ariel Sharon, en estado de coma desde 2005, non deixa de ser un feito simbólico e sintomático do que é Israel. O seu deceso pecha a etapa histórica labrada polos fundadores do Estado de Israel, agora baixo unha conxuntura sumamente complexa para os seus intereses en Oriente Medio. Unha conxuntura condicionada polos cambios políticos na rexión; pola notoria incapacidade israelí para lexitimarse como Estado, para alcanzar unha paz duradeira cos seus veciños árabes e para adaptarse ao seu entorno; polo inédito achegamento (pacto nuclear mediante) entre Occidente e Irán; e pola sórdida configuración dunha vórtice de alianzas que poden condicionar tanto a integridade e o futuro do Estado israelí como a propia xeopolítica rexional. Todo isto corresponde a unha dinámica de cambios probablemente imprevista para o turbulento e pernicioso legado de Sharon.

Con todo, poucos líderes israelís foron tan polémicos e controvertidos como Ariel Sharon. Dalgunha ou outra forma, o seu legado marcou unha pauta decisiva nos acontecementos vividos en Oriente Medio no último medio século, aínda que visiblemente dun xeito máis ben pernicioso, unha visión que contrasta coa preponderancia das imaxes condescendentes cara Sharon ofrecidas nestes días polos principais mass media.  

Un “heroe” con legado “criminal”

Como sucede cos personaxes controvertidos, a súa imaxe e legado aborda diversas perspectivas. Alcumado “O León de Israel”, precisamente para os israelís, Sharon erixiuse como un indubidable heroe nacional, un “falcón” da política dura que contribuíu á creación e a integridade do Estado israelí desde 1948 e, principalmente, polo seu labor como xeral de división, principalmente nas guerras de 1967 e 1973.  Amparado pola aureola militar, o labor político e estatal de Sharon afirmou diversas etapas, como líder do dereitista partido Likud, tristemente célebre ministro de Defensa (1982-83) e primeiro ministro (2001-2006).

Pero aquí abordamos outra perspectiva, obviamente menos favorable, e que con seguridade xulgará a un político intransixente. Neste sentido, a percepción de Sharon, obviamente, é diametralmente oposta no mundo árabe, entre os palestinos e diversas organizacións de dereitos humanos, cuxa percepción do seu indubidable legado “criminal” constitúe igualmente unha dura realidade.

O legado “criminal” de Sharon comezou nos mesmos tempos da creación de Israel como Estado, particularmente trala matanza na aldea palestina de Qibya (Cisxordania) en 1953, como represalia por unha acción de comandos palestinos. Pero non foi a única: en 1970 volveu a liderar outra operación, desta vez en Gaza, que causou numerosas vítimas civís palestinas.  

Diversas ONGs imputaron en 2001 a Sharon por crimes contra a humanidade, especialmente pola súa responsabilidade como ministro de Defensa na matanza de refuxiados palestinos nos campos de Sabra e Chatila en setembro 1982, considerada a peor matanza de civís palestinos (calcúlase en 2.000 aproximadamente) cometido por falanxistas cristiáns libaneses baixo o total aval da ocupación militar israelí liderada por Sharon nos anos máis acérrimos da guerra civil libanesa. A impunidade do seu caso, lastrada polo infame “informe Kahane” sobre esa matanza, permitiulle finalmente a Sharon poder sortear á xustiza.

Con iso, Sharon foi protagonista chave da inquietante historia de Oriente Medio no último medio século. A súa posición intransixente cara aos palestinos e os veciños árabes levou á constante paralización de procesos de paz e de negociación, así como á ampliación dos asentamentos de colonos xudeus en Gaza e Cisxordania, modificando a xeopolítica rexional nunha especie de reprodución do soño do “Gran Israel”, cuxos cimentos dalgunha ou outra forma víronse preservados na xestión dos seus sucesores Ehud Olmert (á fronte do partido Kadima, escisión do Likud) e do actual primeiro ministro Benjamín Netanyahu (Likud).

En setembro de 2000, e probablemente aproveitando a conxuntura de tensión entre israelís e palestinos, Sharon realizou unha visita á Explanada das Mesquitas de Xerusalén que foi considerada polos palestinos e árabes como unha evidente “provocación”. A súa acción foi un catalizador máis da inminente segunda Intifada palestina, reforzando o poder dos partidos islamitas Hamas e Yihad Islámica, quizais un exercicio indirecto de realpolitik por parte de Sharon para xustificar o seu regreso á política e a adopción dunha doutrina de seguridade aínda mais severa.

Esta acción de Sharon permitiulle alcanzar cotas de popularidade en Israel así como para gañar as eleccións xerais de 2001, manténdose como primeiro ministro ata  2006. Nesa etapa, coincidindo co 11-S de 2001 e a presidencia de George W. Bush fillo na Casa Branca, Sharon tivo completa “carta branca” para asestar golpes retaliativos contra a dirixencia islamita palestina, particularmente tralos asasinatos do xeque Yassin e doutros líderes islamitas radicais, no marco dunha política de seguridade avaliada por Occidente. En 2002, Sharon volveu a estar no centro da controversia pola matanza de civís palestinos en Jenín (Cisxordania)

Igualmente, Sharon iniciou as bases de construción do ilegal “Muro de Seguridade” en Cisxordania, que os palestinos denominan o “Muro da segregación racial” e que o propio Tribunal Internacional da Haia declarou como ilegal en 2004.

Non obstante, e curiosamente, foi Sharon quen ordenou en 2005 o definitivo retiro dos colonos israelís de Gaza, un exercicio de realpolitik  para os intereses israelís ante a constatación da imposibilidade de seguir manténdoos nun territorio dominado polo islamismo político de Hamás e Yihad islámica.

Precisamente, o obxectivo de Sharon moi probablemente foi deseñar a política actual de atroz illamento internacional contra Gaza, coa pretensión de crear unha correa de afogo a Hamas e Yihad Islámica. Aínda que, curiosamente, tralos asasinatos do xeque Yassin e outros líderes islamitas, o islamismo político palestino foi orientándose cara o liderado de políticos máis pragmáticos, abrindo os canles dunha verdadeira revolución política no escenario palestino co triunfo de Hamas nas eleccións lexislativas palestinas de xaneiro de 2006.

Entre outras perspectivas, Sharon foi observado, desde diversos ángulos, en niveis de aceptación e de comprensión por parte dos diversos gobernos estadounidenses que coincidiron con el durante o seu prolífica etapa política. Durante décadas, pero especialmente desde Reagan ata Bush fillo, Sharon contou co tácito beneplácito de Washington, aínda que o momento actual, coa presidencia de Obama e o notable distanciamento estadounidense cara ao seu aliado estratéxico israelí, denota tamén outras expectativas e claroscuros.

Outro Israel, outro Oriente Medio

O momento actual parece máis ben anunciar o peche dunha etapa histórica. Con Sharon desaparece un símbolo da xeración que construíu o Estado de Israel en 1948, salvo a única preservación aínda con vida do ex presidente e ex primeiro ministro Shimon Peres.

Aínda que amparado oficialmente na visión mesiánica do sionismo, o Israel actual é notablemente diferente ao solidificado pola visión de Sharon e doutros tantos líderes históricos israelís, como David Ben Gurión, Moshe Dayan e Yitzhak Rabin. A sociedade israelí segue atomizada pola supervivencia da súa integridade estatal situado no medio dunha rexión maioritariamente hostil.

Aínda que é posible matizar esa perspectiva, a grandes resgos Tel Aviv fracasou visiblemente á hora de propiciar a diplomacia necesaria para alcanzar a paz co mundo árabe e musulmán. Desde 1949 só logrou o recoñecemento oficial de países como Turquía, Exipto, Xordania, así como da Autoridade Nacional Palestina, oficialmente a entidade semiestatal recoñecida como voceiro do pobo palestino.

Afianzado no seu poderío militar e a inescrutable alianza estratéxica de Washington, o seu principal benefactor militar, político e económico, Israel preséntase agora ante grandes disxuntivas. Por tomar un exemplo: o actual nivel de distanciamento do goberno de Obama cara a Tel Aviv ten a súa reprodución rexional en Turquía, outro aliado militar israelí, principalmente desde 1996, e cuxo goberno islamita moderado en mans do primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan e do partido AKP manifestou fortes críticas e rupturas con Israel nos derradeiros anos, tanto como o inédito e momentáneo achegamento turco cara rivais rexionais israelís, como é o caso de Irán.

A Primavera árabe que se expandiu rexionalmente desde 2011 determinou para Israel un notorio e maior illamento, incluso observando como colateralmente inimigos históricos como o islamismo político (neste caso a Irmandade Musulmá), chegaban democraticamente ao poder en aliados clave como Exipto. Velaí que o golpe militar exipcio de mediados de 2013 supuxo para Israel unha ganancia evidente.

Curiosamente, Israel sacou taxada da crise exipcia, toda vez os funerais de Sharon coincidían coa posta en marcha das eleccións lexislativas nese país, que darían paso a un proceso constituínte moi probablemente orientado a lexitimar o status quo post-golpe militar e a ilegalizar á Irmandade Musulmá.

As negociacións de paz cos palestinos víronse estancadas nun tira e afrouxa que non arroxa grandes expectativas, malia os recentes esforzos do secretario de Estado estadounidense John Kerry. Ao mesmo tempo, a crise económica, en gran medida solidificada pola preponderancia de elites tecnócratas de cariz neoliberal, acentuou a pobreza tanto entre os palestinos como nunha sociedade israelí cada vez máis atomizada e dividida, incluso tomando en conta aspectos aparentemente irrefutables como a identidade nacional.

Así e todo, os cambios políticos rexionais levaron a contrastes para os intereses israelís. O réxime de Bashar al Asad en Siria segue en pé malia a cruenta guerra civil que xa chega ao seu cuarto ano, mentres que o pacto nuclear entre Occidente e Irán, con clara implicación estadounidense, deixa a Israel nunha delicada posición. O mesmo entrará en vigor o próximo 20 de xaneiro e anuncia, sen non menos incertezas, un histórico e inédito achegamento entre EUA e Irán.

Só o igualmente inédito e indirecto achegamento de intereses entre Israel e Arabia Saudita ante as diversas crises rexionais (Irán, Siria, Exipto) deixa unha perspectiva de ganancia media para Tel Aviv. Sen esquecer que outro dos seus inimigos históricos, o réxime de Saddam Hussein, caeu desde a guerra de 2003, ata coa execución do propio Hussein. Pero o caos iraquí, tanto como o sirio, implica considerar a posibilidade de rupturas e cambios na xeografía política e na integridade estatal rexional, nas que Israel vese inevitablemente arrastrada.

A perspectiva de eventual creación dun Estado curdo independente, co Curdistán iraquí como presumible eixe de concreción, contaría cunha tácita aceptación de Israel, tomando en conta a implicación israelí a través de investimentos e adestramento militar. Ó mesmo tempo, isto permitiría a Tel Aviv asestar golpes estratéxicos a rivais e inimigos como Turquía, Siria e Irán e preservar esa inalterable visión de “seguridade” que domina practicamente as esferas da vida pública israelí.

EUA marca distancia

No entanto, o cambio máis estratéxico que Israel observou é ver como Washington parece ir decantándose pola retirada de atención xeopolítica e militar en Oriente Medio, degradando a súa atención cara á preponderancia de Asia-Pacífico e, particularmente, de China.

Coa constatación deste distanciamento nas relacións entre Tel Aviv e Washington, así como a degradación das prioridades estadounidenses en Oriente Medio, Israel enfróntase ao seu maior dilema histórico e estratéxico, pendente da súa integridade e supervivencia. De feito, nos funerais de Estado de Sharon celebrados en Xerusalén o pasado día 13, Washington enviou unicamente ao seu vicepresidente Joseph Biden.

Por tanto, e aínda que Washington e Tel Aviv seguen mantendo relacións estratéxicas definidas polo feito de que EUA segue observando a Israel como o seu bastión xeopolítico en Oriente Medio, o feito de que o goberno de Obama distanciásese desta realidade fai prever para Israel tempos difíciles en canto ao seu lexitimación estatal a nivel rexional.

Non era este, por suposto, o soño dos “pais fundadores” de Israel nin tampouco do propio Sharon, cuxo último “voo de Falcón” foi, ironicamente, ordenar a retirada israelí de Gaza. Obsesionado pola seguridade e amparado pola preservación mesiánica do sionismo, Sharon contribuíu mais ben a afondar os temores e os dilemas existenciais de Israel.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais