Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 13 de Xaneiro de 2020 Ríos

O desquite de Tsai Ing-wen

p04-200112-taiwanmap.jpg

A presidenta taiwanesa Tsai Ing-wen desquitouse este sábado da severa derrota padecida nos comicios locais de novembro de 2018. Naquel entón, o seu partido, o Minjindang, de corte soberanista, foi literalmente varrido de municipios e condados onde os pan-chineses do Kuomintang lograban recuperar e alargar o seu poder. Con esa poderosa base local, estaban convencidos de que a vitoria ía sorrirlles nos comicios presidenciais e lexislativos de 2020. Non foi así. Tsai logrou o 57,1 por cento dos votos, cunha diferenza de case vinte puntos respecto ao seu inmediato rival Han Kuo-yu, e conseguiu reter a maioría absoluta no parlamento.

A vella Formosa, cunha extensión semellante á de Galicia pero oito veces máis poboada (e aínda así cun gravísimo problema de natalidade), Estado de feito apenas recoñecido por 15 países en todo o mundo, afronta un período histórico clave para definir o seu futuro. China mira con receo os intentos dos soberanistas de perennizar o statu quo e urxe a definición de fórmulas para materializar a reunificación dun territorio fóra do seu control dende hai varias décadas, primeiro baixo o dominio nipón (desde 1895 ata 1945) e despois do Kuomintang (1949 en diante) tralo fin da guerra civil.

En clave de aproximación ou distanciamento de China, a vitoria de Tsai incide no segundo. A diferenza do anterior período en que o Minjindang gobernou Taiwán (2000-2008), hoxe conta co aval máis incisivo e o apoio dos EUA, quen considera a illa como o corazón da estratexia do Indo-Pacífico, concibida para conter a China. Certo que un entendemento entre Beijing e Washington pode deixar ao pairo a Taipéi en calquera momento, pero as posibilidades inmediatas de que isto suceda son escasas en tanto permaneza a tensión estratéxica entre China e os EUA, que tendería a se incrementar nos próximos anos.

A vitoria de Tsai dáse no contexto dunha certa remodelación do mapa político taiwanés. Catro partidos lograron superar o limiar do 5 por cento, coa irrupción do Partido Popular de Taiwán que lidera o alcalde da capital Ko Wen-je e a varrida dun histórico da política taiwanesa, James Soong, en tempos secretario de Chiang Ching-kuo, fillo do Xeneralísimo Chiang Kai-shek, que non só obtivo un pésimo resultado nas presidenciais senón que quedou sen representación no Parlamento.  

Na noite electoral, Tsai apelou a Beijing ao diálogo incondicional, interrompido dende 2016 por mor do seu rexeitamento do principio da existencia de unha única China. É pouco probable que o Partido Comunista recolla o guante. Non parece, por outra banda, que a actual estratexia do continente sexa a adecuada para convencer aos taiwaneses das súas boas intencións. Mudar é imperativo pero o severo xustillo da actual conxuntura impón lindes difíciles de superar.    

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais