Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 23 de Xaneiro de 2017 VV.AA.

O drama migratorio no TNC: aproximación a unha situación de risco

(Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante da USC en prácticas no IGADI)
Fonte: Contacto Hoy (México)

A situación migratoria do Triángulo Norte Centroamericano (TNC), se ben non é un fenómeno novedoso, sufriu un salto cuantitativo nos últimos tempos. Se nas décadas finais do século XX estaba fortemente ligada aos conflitos civís que asolaron a zona, hoxe en día está determinada polo aumento da inestabilidade e da  inseguridade. Froito da expansión da criminalidade organizada e das bandas urbanas, sumado a unha situación económica e social complexa, onde  a falta de oportunidades converxe cunhas débiles institucións, un amplo espectro da poboación vese condenado a desprotección e ao desamparo. Botando unha ollada a datos coma os relativos ás solicitudes de asilo, que entre 2011 e 2016 aumentaron un 658%(1), podemos achegarnos á alarmante situación na que se atopa esta rexión.

Sen dúbida é un dos principais retos aos que se deben enfrontar os gobernos da zona, prestando especial atención a un dos colectivos máis vulnerables e afectados, que ademais representaría o futuro motor de desenvolvemento socioeconómico da rexión: a poboación xuvenil. Unha mellora nos deficientes servizos de educación, saúde e seguridade, integración e impulso das oportunidades laborais, así coma unha redución significativa da corrupción e da violencia resultan esenciais para frear a sangría migratoria e reducir o poder de captación e coacción que a criminalidade organizada ten na rexión.

Tendencias, rutas e perfiles

O perfil do emigrante do TNC caracterízase polo protagonismo da poboación nova e masculina (83’3-16’7% H/M entrada sur de México, EMIF 2014), cun amplo porcentaxe de menores non acompañados (28.387-EUA, baixo custodia das autoridades en 2015) e, en menor medida, mulleres con fillos pequenos. Cunha escolarización básica ou inexistente, oriéntanse cara sectores ocupacionais de baixa capacitación (construción, agropecuario, servizos etc.).

Se ben existe un tránsito temporal por motivos laborais (significativo no caso Guatemala-México), a tendencia maioritaria enfócase cara un asentamento definitivo. Serve de gran impulso o “efecto chamada” relativo a familiares xa establecidos nos principais destinos que, buscando a reunificación familiar, en moitas ocasións achegan o capital necesario para a viaxe.

O principal fluxo migratorio encárase en dirección á zona norte, absorbendo a meirande parte do volume: en torno ao 85% (aproximadamente 70% EUA, México 7% e 8% Canadá). O destino predilecto sitúase, polo tanto, no xigante  estadounidense, onde as estimacións calculan unha poboación actual de entre 4-5 millóns de residentes orixinarios no TNC, o que representaría preto do 8% da súa comunidade hispana. A ruta terrestre Guatemala-EUA segue a presentarse como a de referencia, configurando o principal corredoiro migratorio do mundo, pese as dificultades e perigos que lle son inherentes.

Unha mención aparte merece a inseguridade destas rutas, pois representa un drama propio, onde os abusos e as vulneracións dos dereitos humanos son a tónica imperante. Os riscos contemplan un amplo abano, que vai dende as condicións inhumanas propias da viaxe (nas zonas desérticas da fronteira EUA-México faleceron 2700 persoas en 2015), a posibilidade de caer en mans das redes criminais(2) que actúan na zona, ou as consecuencias xurídicas da evasión de controis fronteirizos. A situación agrávase no caso dos menores que viaxan sen acompañante. 

Doutra banda, o ámbito rexional tamén parece rexurdir coma unha opción destacada, producíndose un aumento exponencial no número de inmigrantes asumidos. Destaca coma destino Costa Rica, onde o número de peticións de asilo tamén aumentou, ao redor dun 72% no período 2014-2015.

Migración coma idiosincrasia do TNC

A migración e a situación socioeconómica da rexión son fenómenos que, dun xeito catastrófico, tenden a realimentarse. Por unha banda, a perda de capital humano (preto dun 19% no caso do Salvador) é dramática e rompe o tecido social impedindo a construción de programas de desenvolvemento significativos. Pola contra, existe unha fortísima dependencia do capital aportado por estes expatriados, mediante  remesas, que chegan a supoñer ata o 19-17% do PIB do país (Honduras/O Salvador).

Esta interdependencia, este círculo vicioso, supón un risco de colapso real, remitíndonos as significativas palabras do analista salvadoreño Joaquín Villalobos: “La región corre el riesgo de convertirse en el equivalente de una sociedad asistida, viviendo de remesas y del consumo que generan, de las ventas al menudeo que satisfacen esa demanda, pero condenada a la pobreza[…]Las remesas de los migrantes están modificando el carácter de las economías de la región y convirtiendo a los propios habitantes en producto de exportación.”(3)

As medidas e políticas públicas aplicadas polos gobernos do TNC non parecen mostrarse efectivas para suplir as deficiencias que forzan ao éxodo demográfico, pois parte do problema radica na debilidade e “mala praxis” dos propios organismos estatais. No ámbito da seguridade, as habituais iniciativas de “man dura” resultan pouco efectivas e non conseguen deter a expansión das mafias e “pandillas” que operan na zona. Este feito alíñase coas citadas deficiencias institucionais, creando espazos nos que estes actores armados non estatais apodéranse do lugar que tradicionalmente ocuparían as estruturas dun Estado. 

    Se ben o denominado Plan Alianza(4), firmado entre os países do TNC e coa colaboración dos EUA, supuxo unha aposta de grande calado para frear os procesos migratorios nun curto-medio prazo, a excesiva dependencia dos estímulos económicos externos e as dificultades para a súa implantación nunhas disfuncionais e, con demasiada frecuencia, corruptas institucións, lastran as posibilidades de efectividade no ámbito temporal que lle foi determinado.

Futuro incerto

A problemática migratoria, polo tanto, parece reclamar novos enfoques, sendo necesario abordala cunha perspectiva a medio-longo prazo e que vai esixir, como núcleo básico, unha reformulación e fortalecemento das estruturas dos Estados implicados. Carentes dunhas condicións mínimas de seguridade, sen oportunidades laborais e de desenvolvemento humano básicas e con fortes tendencias cara a desigualdade e a exclusión social, a emigración non deixará de ser a alternativa de preferencia.

Para máis inri, os ventos que sopran dende o norte poderían desatar treboadas na rexión. Se ben é certo que é pronto para facer previsións alarmistas, pois a incerteza marca a axenda política. Estaremos atentos.  

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

 

 

NOTAS

(1)  Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (ACNUR): Respuesta regional a la situación del Triángulo Norte de Centroamérica,  Xuño 2016, pp.5. http://www.acnur.org/t3/fileadmin/Documentos/BDL/2016/10665.pdf

(2) Secuestros e asasinatos sistemáticos  reportados con frecuencia, gran relevancia mediática de casos coma a Masacre de Tamapulias en 2010 con 72 vítimas mortais a mans do cartel dos Zetas (principal flaxelo dos inmigrantes centroamericanos). https://goo.gl/q7qv9q

(3) VILLALOBOS, Joaquín, “Trump y el infierno Centroamericano” Nexos, Xaneiro 2017. https://goo.gl/nHE28L

(4)  Plan Alianza para la Prosperidad del Triángulo Norte  (2015) Busca establecer as prioridades sociais e económicas dos tres países e obter os recursos necesarios para  paliar as necesidades e deficiencias das zonas de maior necesidade. Orzamento estimado de US$ 15 mil millóns para cinco anos, dos que EUA achega un 20% e o resto repártese entre os gobernos da rexión, ámbito privado e doazóns.

 

 

CONSULTAS DE INTERESE

-          PEW RESEARCH CENTER. Hispanic Trends  http://www.pewhispanic.org/

-          MIGRATION POLICY INSTITUTE (MPI)  http://www.migrationpolicy.org/regions/central-america-caribbean

-          INTERNATIONAL ORGANIZATION FOR MIGRATION http://www.iom.int/

 

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais