Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 19 de Xaneiro de 2016 Mansilla Blanco

O estado de Obama

Obama despídese tralo seu discurso sobre o Estado da Unión o pasado 11 de xaneiro

Consciente de entrar no seu derradeiro ano de mandato presidencial nun contexto polarizado polos comicios presidenciais de novembro próximo, o último discurso do Estado da Unión realizado polo presidente Barack Obama o pasado 11 de xaneiro definiron unha serie de ideas matrices enfocadas en delimitar o tradicional legado histórico que todo mandatario estadounidense desexa ver reflectido. Así, e persuadido por ofrecer unha imaxe de optimismo ante a necesidade de recuperar a iniciativa global estadounidense, en particular ante escenarios específicos (crise económica, Siria, Estado Islámico), unha lectura do discurso de Obama deixa entrever en qué medida o obxectivo estratéxico de Washington está cada vez más concentrado na contorna de Asia-Pacífico e do sueste asiático, legado inamovible que deberá acometer a súa sucesión presidencial na Casa Branca.

Saltan á vista, neste sentido, a xerarquización de escenarios traducidos polo discurso dun Obama que preferiu concentrar a súa atención “no futuro, nos próximos cinco, dez anos”. A recuperación da estratexia de loita contra o terrorismo yihadista  propia da era Bush deu paso a que Obama outorgara unha prioridade especifica ao Estado Islámico no seu discurso sobre o Estado da Unión. O obxectivo retórico era, obviamente, conter calquera tipo de presión por parte do Partido Republicano, con maioría lexislativa desde 2014, fomentada por unha perspectiva pesimista en determinados ámbitos (inmigración, refuxiados, intervención en Siria) que denota unha radical “dereitización” con incidencia chave de cara aos comicios presidenciais 2016.

Con prudencia, Obama recuperou un tema esquecido e convenientemente  marxinado da súa axenda exterior, o peche da base militar de Guantánamo, promesa incumprida dende a súa chegada á presidencia en 2009 pero que foi contextualizada como apéndice dos avances da apertura diplomática con Cuba, única mención específica dos asuntos hemisféricos durante o seu discurso e que evidencia o desprazamento da atención estratéxica de Washington sobre os asuntos latinoamericanos. Neste apartado, o presidente demócrata adiantou a súa petición ante o Congreso de “pechar a guerra fría” con Cuba, instando aos congresistas a “levantar o embargo”, aspecto que denota cómo o desxeo coa Habana será a súa principal prioridade de cara ás relacións de Washington con América Latina ao longo de 2016.

A insistencia de Obama por concentrar a súa atención “nos próximos anos”, pormenorizando outros temas controvertidos nun ano electoral (Siria, Medicare, Seguridade Social, recuperación económica, cambio climático) que poden complicar a candidatura demócrata nas presidenciais 2016, suxire igualmente a sutil concreción dunha estratexia orientada a focalizar os futuros intereses estratéxicos de Washington.

Tanto como a apertura cubana definirá a política hemisférica de Washington, os intereses estratéxicos exteriores focalízanse na contorna do Pacífico, paulatinamente degradando a atención estratéxica de Oriente Próximo, cuxa atención para Obama estará concentrada en 2016 na posibilidade de reproducir con Irán a histórica apertura que ven establecendo con Cuba. Redefinir un novo equilibrio estratéxico nesa rexión, coa inclusión de Teherán como presumible actor emerxente, implicará para Washington unha especie de “saída diplomática” dun Oriente Próximo precisamente convulsionado polos erros estratéxicos cometidos por EUA nos derradeiros anos.

Neste sentido, a xustificación da Asociación Transpacífica (TPP) tivo un eco esencial no seu discurso, estipulando en qué  medida este mecanismo de integración permitiría fomentar os intereses estadounidenses, relativos á apertura comercial, a protección dos dereitos laborais e do medio ambiente, pero principalmente o fortalecemento “do liderado de Estados Unidos en Asia”.

Así como durante o seu discurso instou ao Congreso a enterrar o embargo con Cuba, Obama defendeu con vehemencia a aprobación parlamentaria do TPP esgrimindo un elemento chave: “co TPP, China non determina as regras do xogo nesa rexión (Asia-Pacífico) senón nosotros. Queren demostrar a nosa forza neste século? Fagan que se aprobe este acordo”. Unha declaración de intencións que revela claramente as bases do seu legado.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais