O exemplo islandés

En dous referendos Islandia negouse a pagar aos especuladores ingleses e holandeses as estafas e fraudes dos seus bancos e do FMI. Ademais, levou aos tribunais aos culpables, nacionalizou a banca e promoveu unha Asemblea Constituínte coa finalidade de que o país se redefina constitucionalmente.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

En dous referendos Islandia negouse a pagar aos especuladores ingleses e holandeses as estafas e fraudes dos seus bancos e do FMI. Ademais, levou aos tribunais aos culpables, nacionalizou a banca e promoveu unha Asemblea Constituínte coa finalidade de que o país se redefina constitucionalmente.

A sociedade islandesa decatouse de que estaba sendo sometida a un trato inxusto (como Grecia, Irlanda e Portugal), o que a levou a un enfrontamento radical cos banqueiros, organismos internacionais e potencias estranxeiras. Algo semellante ao que fixo Arxentina cando se negou a pagar a súa débeda ao FMI.

Non se pon en dúbida que os islandeses fixeron unha verdadeira revolución (da que case nin se fala na prensa mundial), xa coñecida por “revolución silenciosa”, nun país sen tradición revolucionaria, moi equilibrado economicamente, cun paro practicamente inexistente e alto nivel educativo e tecnolóxico.

Ao cabo, a sociedade islandesa negouse á privatización dos beneficios e socialización das perdas e demostroulle aos defensores do neoliberalismo que o Estado segue existindo e que é bo que exista. Islandia non pertence á zona euro –se ben estaba prevista a súa incorporación para este ano ou para o que vén-, polo que non lle foi moi difícil adoptar medidas tan radicais.

Por suposto que Islandia, dunha maneira ou doutra, vai pagar a súa débeda, pero non de calquera maneira, nin  moito menos constrinxida polas brutais medidas que se lle pretendían impoñer. Paréceme que esa é a gran lección, unha extraordinaria lección, dese pequeno país para todos os demais queimados polos especuladores. Unha lección de viva, fresca  e edificante rebeldía.