O factor “Pepe”

O semanario uruguaio de análise e información Brecha (1), reflectía no seu último número de agosto unha curiosa radiografía do presidente José “Pepe” Mújica, ilustrando  cómo a súa popularidade no exterior contradicía con determinados índices de desaprobación interna. De feito, a mediados de agosto, unha enquisa da consultora Equipos Mori(2) informou que un 40% dos enquisados desaprobaban a xestión de Mújica (por un 38% a favor), toda vez que para os votantes dentro da coalición gobernante Fronte Ampla (FA), a popularidade de Mújica rexistraba un sólido 75%. Non obstante, este índice amósase por detrás do 80% de popularidade acadado polo ex presidente frentista Tabaré Vázquez, quen recentemente presentou a súa candidatura dentro da FA para os comicios presidenciais de 2014.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Na presidencia desde 2010, Mújica (78 anos), un ex guerrilleiro cuxa elección presidencial consolidou institucionalmente a transición democrática uruguaia, imprimiu un estilo moi persoal á presidencia do seu país. Cun estilo sobrio raiando na modestia e na austeridade (considérase que dona un 90% do seu salario para fins sociais) (3), incluso transmitindo unha imaxe informal e “desaliñada”(4), Mújica recada notables empatías e simpatías no exterior, ofrecendo unha cara amable e de confianza cuxos paralelismos poden establecerse co ex presidente brasileiro Lula da Silva, precisamente un referente moi próximo para Mújica.

Probablemente tomando en conta o peso que supón a súa condición de ex guerrilleiro (na década de 1960 participou no Movemento de Liberación Nacional-Tupamaros), Mújica estase a converter nun hipotético actor chave na mediación internacional do proceso de paz en Colombia, unha vez ofrecera a Montevideo como sede alternativa dos diálogos de paz que levan a cabo en Cuba o goberno colombiano de Juan Manuel Santos coa guerrilla das FARC. Esta oferta de diálogo foi incluso ampliada cara o ELN, a outra guerrilla colombiana. Con todo, convencido da necesidade de concreción de intereses con Brasil no marco do MERCOSUR, Mújica non escapa dos tradicionais roces e tensións existentes nas relacións bilaterais coa veciña Arxentina.

Noutros aspectos, Uruguai foi noticia recentemente nos medios internacionais pola adopción gobernamental de políticas de corte progresista como a legalización da marihuana e do matrimonio homosexual. Pero a xestión de Mújica inclúe un amplo abano de medidas como a promoción de políticas de formalización laboral, o compromiso pola integración rexional con carácter social  (aproximadamente o 90% das súas visitas exteriores foron a países suramericanos, especialmente Arxentina, Brasil, Venezuela, Perú e Chile) e a súa aposta pola Cooperación Sur-Sur. Con este bagaxe, diversas ONGs e entidades internacionais acaban de promover a Mújica como candidato para o Premio Nobel da Paz 2013, unha proposición tomada precisamente con cautela polo propio Mújica(5).

Quizais o contexto preelectoral 2014, co retorno de Tabaré ao centro da escena política uruguaia, así como a imposibilidade constitucional de reelección presidencial, sexan factores que lle resten a Mújica certo nivel de protagonismo, eclipsando internamente esa imaxe de aprobación e simpatía coa que conta dende o exterior. Así e todo, o talante modesto e conciliador de “Pepe” fuxe claramente de calquera pretensión de protagonismo e de ambicións políticas hexemónicas. Sen dúbida, un presidente sumamente peculiar en momentos tan críticos para a política.

(1) LANZA, Edison, “El Mújica Global”, Brecha (Uruguai), Nº 1.447, 16 de agosto de 2013.

(2) “El 40% desaprueba gestión de presidente Mújica”, Infolatam (España), 25 de agosto de 2013. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/08/25/el-40-desaprueba-gestion-de-presidente-mujica/

(3) CAPELLI, Dino; “Mújica, el presidente más pobre”, El Mundo (España), 25 de maio de 2012. Ver en: http://www.elmundo.es/america/2012/05/25/noticias/1337961914.html

(4) “El Mújica global”, op.cit.

(5) Ibid.