O fenómeno Sanders

Pese a que gran parte da atención mediática relativa ás primarias estadounidenses centra os seus focos no republicano Donald Trump, o certo é que o senador Bernie Sanders, 74 anos, é o candidato revelación. O primeiro parece que chegará á nominación; non obstante, as posibilidades de Sanders son menores. E aínda así, o feito de conseguir tantos apoios reivindicándose como candidato dunha esquerda posible non deixa de sorprender alá onde vai, colectando un significativo entusiasmo a pesares dunha cobertura informativa claramente desequilibrada e tendenciosa.

Apartados xeográficos Estados Unidos
Idiomas Galego

Natural de Brooklyn, Sanders sabe que as posibilidades de acceder á Casa Branca son practicamente nulas pero as simpatías que está a recoller en numerosos estados, desde Iowa en febreiro ao seu natal New York en abril pasado indican a existencia dun fenómeno socio político que se nutre tanto do apoio da mocidade (en Iowa, un 84 por cento dos situados na franxa 17-29 anos votou por el) como das boas vibracións resultantes do seu discurso e conduta.

“Goldman Sach´s ama a Hillary”, dicían os manifestantes que protestaban ante o poder do diñeiro na política estadounidense, pero poderían sinalar igualmente a Wal-Mart, BP ou ExxonMobil. A candidata demócrata fixouse como obxectivo recadar 2.500 millóns de dólares para a súa campaña. O seu rival avoga pola transparencia do financiamento que é sostido por modestas contribucións de particulares, rexeitando o apoio do mundo empresarial e das finanzas. Sanders asegura ter o apoio dos que se autodenominan o “99 por cento”, en alusión á denuncia de que a primeira potencia do mundo é dirixida polo 1 por cento situado no cume da escala social. A elección presidencial en EUA vai camiño de se converter nunha competición entre ricos e elites, xa se chamen republicanos ou demócratas. Cabe lembrar que as tres últimas presidencias  foron ocupadas por algún membro cos clans Clinton ou Bush. Esta dimensión familiar do poder presidencial é algo que tamén irrita a moitos electores cansos desa apropiación parental.

Mentres os donantes poderosos exercen o seu poder mediante o financiamento das campañas presidenciais para así influír despois na elaboración de políticas, os cidadáns de a pe ven minguadas as súas posibilidades efectivas de condicionar cos seus votos particulares o sentido das accións do goberno. Isto é un feito asumido universalmente.

Sanders está lonxe de acadar os delegados precisos. Non é moita a distancia que lle separa de H. Clinton pero o peso do aparato do partido será decisivo ata a convención que debe celebrarse en xullo. Pese a todo, a súa mensaxe en contra das desigualdades e a xustiza social calou nas novas xeracións que admiran a súa integridade e coherencia. Aínda que  Hillary Clinton segue á cabeza, a existencia dun electorado queimado, farto do circo político, da compravenda de vontades e ansioso dun cambio mantén as expectativas de Sanders e a esperanza da sorpresa.