Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 18 de Decembro de 2020 Ríos

O fin de “un país, dúas moedas”

descarga.jpg

Cuba anunciou recentemente un novo paquete de medidas económicas que inclúen un reordenamento monetario e cambiario. A reforma, que iniciará a súa andaina o 1º de xaneiro, contempla, entre outros, unha importante suba de salarios e pensións e a desaparición, despois dun cuarto de século de vixencia, desa anomalía que representa o peso convertible, os CUC, agora en paridade co dólar, fixándose a taxa de cambio de 24 pesos por cada billete verde cando o proceso se complete.  O anuncio foi realizado a dúo polo presidente Miguel Díaz-Canel, acompañado polo primeiro secretario do PCC, Raúl Castro.

As reformas procuran o rexurdir da economía cubana, moi golpeada pola crise mundial, o impacto da pandemia e a volta atrás na normalización das relacións cos EUA tralas esperanzas desatadas durante a Administración Obama. A estimación da Comisión Económica para América Latina e o Caribe (CEPAL), é que a caída do PIB este ano será do 8 por cento. Segundo fontes oficiais, dende que o novo coronavirus apareceu na illa hai case nove meses faleceron 137 persoas e menos de 10.000 resultaron contaxiadas. Coma sempre, un balance sorprendente da sanidade e sociedade cubanas especialmente á vista de que a rexión é unha das que presentan un peor desempeño no mundo ante a Covid-19.

O contexto xeopolítico que asoma no horizonte permite á Habana considerar unha certa expectativa de mellora que podería materializarse ao longo dos próximos dous anos. Sen dúbida, a política de Joe Biden cara Cuba será menos belixerante ca do seu antecesor. Así o preanuncia o perfil do seu equipo para esta cuestión (Juan González e Daniel Erikson con Anthony Blinken na Secretaría de Estado) que dará forma aos anuncios de reversión das políticas de Trump contra Cuba. Non pasemos por alto tampouco que Jill Biden visitou La Habana e Camagüey en 2016.  E entre os países veciños, trala vitoria progresista en Bolivia e outras que poden materializarse no futuro inmediato, sopran ventos máis favorables. Isto xera unha atmosfera idónea para que as reformas vaian collendo xeito cun forte acompañamento rexional e brindando argumentos favorables para que a Casa Branca poña rumbo á cooperación sumándose ao diálogo xa establecido pola UE.

Non obstante, se ben ese entorno constitúe un feito positivo para aliviar a economía cubana, as claves do rexurdir seguen dependendo da capacidade para lograr unha maior eficiencia, unha hipoteca que lastra cronicamente a competencia do sistema empresarial estatal, condicionando a súa efectividade e idoneidade e impedindo unha maior inserción global pola vía da potenciación das exportacións. O impulso á Zona Especial de Desenvolvemento Mariel quedou de manifesto coa visita de Díaz Canel e Raúl Castro un par de días despois do primeiro anuncio.

A mellora do poder adquisitivo da poboación, acompañada do establecemento dun salario mínimo maior (cun aumento de 5,25 veces en relación ao actual) que garanta a satisfacción das necesidades básicas xunto á regularización do sistema monetario dálle forma ás promesas formuladas no VI Congreso do PCC (2011), cando se formulou a necesidade de introducir cambios no sistema económico, unha reforma adiada dende entón, hai case unha década, por causas diversas.

O titular de Economía e Planificación e viceprimeiro ministro, Alejandro Gil, contextualizou o alcance destas reformas ao significar que "entramos nun período de profundas e necesarias transformacións, polo ben de todos", dixo. Un tanto cripticamente deixou entrever que chegou o momento de actuar con decisión e sen panos quentes para lograr que as medidas teñan un impacto directo e positivo entre a maioría da poboación. En verdade, falta fai.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais