O final do “Consenso de Washington”

Sen consensos. Esta parece ser a tónica que identifica o remate do VI Cumio das Américas celebrado o pasado fin de semana en Cartaxena de Indias (Colombia), e que clausurouse, por vez primeira, sen unha declaración final conxunta

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Sen consensos. Esta parece ser a tónica que identifica o remate do VI Cumio das Américas celebrado o pasado fin de semana en Cartaxena de Indias (Colombia), e que clausurouse, por vez primeira, sen unha declaración final conxunta.

A cita tiña significativas prioridades. A principal, obviamente, a da inserción de Cuba, definida durante semanas nun sostido pulso hemisférico, con visita incluída á illa caribeña do anfitrión do cumio, o presidente colombiano Juan Manuel Santos. Salvo o consabido rexeite de EUA e Canadá, os demais países amosaron a súa vontade de que Cuba participe activamente nas próximas citas continentais. Por tanto, Washington xa sabe de antemán que un factor de éxito para futuros cumios será a inserción de Cuba no sistema hemisférico.

Por tanto, Cuba foi a protagonista central dun encontro que tampouco contou coa participación do presidente ecuatoriano Rafael Correa, solidarizado pola exclusión cubana. Antes do remate formal do cumio o pasado domingo 15, Arxentina, Bolivia e Venezuela abandonaron formalmente a reunión, probablemente motivados non só pola falta de consenso sobre a participación cubana senón, obviamente no caso arxentino, por non prosperar a súa reclamación de soberanía sobre as Illas Malvinas e ante as vicisitudes suscitadas co goberno español trala decisión da presidenta Cristina Fernández de Kirchner de nacionalizar a industria enerxética YPF.

Paralelamente, o cumio veuse empanado polo escándalo sexual no servizo de seguridade do presidente estadounidense Barack Obama, tras solicitar a contratación de prostitutas, un aspecto sintomático que revela a fenda cada vez maior entre EUA e América Latina. Así, o cumio de Cartaxena de Indias serviu simbolicamente para certificar a defunción do denominado “Consenso de Washington” iniciado en 1989, fraguado na falta de consensos ante o caso cubano, a política antidrogas o as estratexias ante a crise económica mundial, así como a recente irrupción de diversas experiencias de integración (CELAC, ALBA, UNASUR, etc), afastadas da preeminencia  estadounidense. Por tanto, este cumio certificou o illamento hemisférico de Washington.

Noutro aspecto, o anfitrión presidente Santos, cuxo país constitúe xunto con México o principal aliado estadounidense na rexión, tampouco logrou imprimir neste encontro un peso relevante para a diplomacia colombiana a nivel rexional. Pola súa banda, a presidenta brasileira Dilma Roussef defendeu unha maior paridade no comercio EUA-América Latina, así como un maior peso dos países emerxentes como Brasil, noutro apartado que intensificou as diferenzas latinoamericanas con Washington.

Antes do cumio de Cartaxena de Indias, o ex presidente brasileiro Lula da Silva identificou a este encontro como o “cumio de Obama”. Concentrado na súa reelección presidencial de novembro próximo, Obama tentou ofrecer infrutuosamente unha axenda positiva finalmente superada polos históricos reclamos persistentes na relación entre EUA e América Latina. De cara a futuros cumios, o único cambio substancial será observar en qué medida Washington modificará as súas perspectivas a favor dun enfoque mais plural e aperturista das demandas latinoamericanas.