Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Revista ZETA (Venezuela) 21 de Xuño de 2013 Mansilla Blanco

O fracaso de Afganistán

A reunión de Qatar pode servir de marco para un implícito recoñecemento de EUA aos Talibáns

A certificación do fracaso político e militar de Washington en Afganistán confírmase ante a perspectiva de iniciar negociacións e contactos directos co seu tradicional inimigo Talibán, eventualmente a celebrarse en Doha (Qatar), como tentativa inevitable orientada a garantir un marco de estabilización e pacificación no caótico Afganistán gobernado desde finais de 2001 por Hamid Karzai. Estas negociacións constituirían unha especie de “acto final” da guerra de Afganistán iniciada a finais de 2001, focalizando a súa atención en dous escenarios imprescindibles que definirán o futuro de Afganistán: o retiro da misión militar da OTAN e da ONU a realizarse durante o primeiro semestre de 2014; e, principalmente, o marco político previo ás eleccións presidenciais afgáns a celebrarse na segunda metade do próximo ano. 

Non obstante, os primeiros obstáculos xurdiron debido a cuestións de carácter protocolario, principalmente focalizados ante posibilidade de que, a través destas negociacións, Washington eventualmente estaría outorgándolle aos Talibáns un especie de status político de recoñecemento. A razón estriba en que os Talibáns abriron a mediados de 2012 unha delegación en Doha baixo o nome de “Oficina Política do Emirato Islámico de Afganistán”. O goberno de Karzai protestou por esta denominación aínda non oficial, por considerar que os Talibáns non representan a Estado algún, razón que motivou a que o goberno de Karzai aparentemente decidira non participar nestas negociacións.

Así e todo, esta eventual reunión entre representantes de EUA e dos Talibáns en Qatar, en principio estipulada para comezar a partir do 20 de xuño, eventualmente arroxará unha inédita saída política que conta coa anuencia e participación doutros actores con intereses estratéxicos, en especial Paquistán e Qatar, este último un emirato petroleiro cunha cada vez máis activa presenza diplomática e política no mundo islámico, dende Siria ata Afganistán.

Dende Belfast (Irlanda do Norte), no marco da reunión do G-8, o presidente estadounidense Barack Obama cualificaba esta eventual reunión de “importante”, lexitimada como parte dun “proceso paralelo”. Desde a súa chegada á presidencia en 2009, Obama deu unha importancia estratéxica a Afganistán como eventual epicentro de atención da seguridade nacional estadounidense. Pero a súa atención cara o país centroasiático veuse paulatinamente debilitando por mor da crise económica e da necesidade de redución do gasto militar en misións internacionais (que implica o retiro das tropas estadounidenses en Afganistán previsto para 2014), así como trala caza e posterior morte de Osama bin Laden en Paquistán no 2010, interpretado en Washington como unha especie de “punto culminante” do conflito afgá.

A práctica certificación de que, por primeira vez desde o inicio da guerra en Afganistán en 2001, Washington veríase persuadido a propiciar unha reunión directa cos Talibáns da a entender as carencias dunha estratexia de transición post-Talibán sumamente deficiente, incapaz de estabilizar un país con caóticas infraestruturas e débil arquitectura estatal, fragmentado pola proliferación de rivalidade tribais, étnicas e territoriais, certificadas polo poderío de feito de diversos “señores da guerra”.

Deste xeito, negociar co Talibán suporía, igualmente, traducir un cambio de perspectivas no corredor estratéxico que abarca Asia Central e Oriente Próximo. Esta perspectiva de incluír aos Talibáns e a actores externos como Paquistán e Catar ben puido fraguarse trala visita de Karzai a Washington a comezos de ano. 

“Man a man” co Talibán

A responsabilidade de converterse no enviado de Washington para as conversacións cos Talibáns en Doha recaerá en James Tobbins, quen a comezos de maio pasado asumía o cargo de representante do Departamento de Estado de EUA para Afganistán e Paquistán. Tras Doha, o obxectivo é retomar o contacto cos Talibáns en Kabul, a capital afgá.

Diversas fontes consideran que Washington xa realizara contactos con anterioridade cos Talibáns, a través de contactos secretos destinados a propiciar intercambio de prisioneiros. En 2012, o Exército estadounidense realizou negociacións (finalmente infrutuosas) cos Talibáns para transferir cinco prisioneiros da base de Guantánamo a Catar a cambio da entrega do sarxento Bowe Bergdahl, aparentemente o único militar estadounidense en mans dos Talibáns.

Non obstante, o marco das negociacións ven precedido por ameazas de violencia por parte de redutos Talibáns, os cales ameazaron cunha masiva campaña de atentados e secuestros en Afganistán contra cidadáns estadounidenses e de países aliados, probablemente coa finalidade de incidir con forza nas negociacións de Catar sen menoscabar o seu obxectivo central, focalizado na expulsión definitiva de Afganistán do seu “inimigo” estranxeiro, a misión da OTAN liderada por EUA, e propiciar a recreación dun Emirato islámico no país.

Paralelamente, está por ver se estes contactos permitirán acordar unha solución de entendemento entre os Talibáns e o goberno de Karzai. O descoñecemento mutuo da súa respectiva lexitimidade foron levemente superados por incipientes e curtas reunións entre Karzai e os Talibáns para concretar aspectos relativos ao control de territorios dentro do país, a fin de garantir un mínimo de estabilidade nun país cuxas perspectivas se encamiñan a recrear unha eventual anarquía toda vez as forzas da OTAN e da ONU aceleren o definitivo traspaso de poderes en Kabul a partir de 2014.

O peso de Paquistán e Qatar

Neste marco de eventuais reunións de Doha, débese igualmente considerar o peso de dous actores externos: Paquistán e Qatar. O primeiro sempre foi o principal “benefactor” dos Talibáns, especialmente pola procedencia dos mesmos da etnia pashtuna, maioritaria na porosa fronteira afgano-paquistaní. O goberno paquistaní recoñeceu esta semana o importante papel de altos cargos do seu Exército á hora de convencer aos Talibáns para propiciar as negociacións con EUA en Doha.

Paquistán, o único país musulmán con armamento nuclear, foi no período inmediatamente posterior á caída do réxime Talibán o factor externo de maior influencia en Afganistán, así como un aliado estratéxico para Washington, principalmente pola súa potencialidade militar. Con todo, este país tamén sufriu internamente a inestabilidade afgá a través de diversos grupos islamitas radicais conectados con afgáns refuxiados en Paquistán e que, en diversos momentos, tentaron tomar o poder en Islamabad.

No caso de Qatar, potencia “emerxente” no escenario de Oriente Próximo e o mundo musulmán, o seu papel diplomático para albergar estes contactos lle pode conferir eventualmente unha maior potencialidade económica no futuro de Afganistán.

O rico emirato petroleiro tenta impulsarse como unha especie de “neopotencia” dentro do mundo musulmán con capacidade política e en materia de investimentos. Un caso concreto ten que ver coa implicación qatarí na guerra de Siria iniciada en 2011 a través de apoio loxístico e financeiro aos rebeldes que loitan contra o réxime de Bashar al Asad. Coa cooperación saudita, Qatar tamén tentou moderar a evolución da Primavera árabe coa finalidade de evitar eventualmente unha radicalización islamita a nivel rexional, especialmente en Exipto e no Magreb.

A implicación qatarí en Afganistán tampouco é nova. Durante a ocupación soviética de Afganistán (1979-1989), Arabia Saudita e Qatar deron apoio financeiro e loxístico a diversas milicias posteriormente reconvertidas no Talibán, dando a entender que este emirato sempre tivo liñas de contacto en Afganistán. Coa apertura en 2012 da oficina Talibán en Doha, o emirato correu cos gastos de instalación dos mesmos e das súas familias. En particular, a reunión en Doha entre representantes estadounidenses e Talibáns é observada en Qatar como unha oportunidade chave para relanzar a imaxe internacional do Emirato como eventual polo emerxente a nivel político e diplomático.

En todo caso, a relevancia desta reunión estribará en que, por primeira vez, EUA e os Talibáns “daranse a man” tras doce anos de guerra en Afganistán. Pero as consecuencias desta reunión, así como o seu incerto éxito para contribuír na estabilidade afgá, resultan completamente incertas tomando en conta a caótica transición post-Talibán en Afganistán liderada por Washington, así como a súa incapacidade para xerar un marco de lexitimidade e de estabilidade igualmente danado pola súa perda de credibilidade polas constantes violacións de dereitos humanos derivada da fatídica “loita contra o terrorismo global”.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais