Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
30 de Novembro de 2020 Sáez Ponte

O galego, un barco para navegar o mundo

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística
No libro online

Nos duros tempos dos dous últimos séculos moitos galegos tiveron que emigrar, baleirando o espazo rural que non podía manter toda a poboación que tiña. Espalláronse por América e despois por Europa. Na diáspora americana confluíron con españois doutras zonas; agás no caso do Brasil, onde case toda a emigración española procede da Galiza, porque adaptámonos cedo a un país cuxo idioma é moi parecido ao noso.

En canto se manexan algunhas diferencia léxicas e o ouvido afáise ao acento da zona, o galego permite comunicarse con normalidade nos países de fala portuguesa. Comprobeino cando viaxei ao Brasil como directivo do Banco Pastor. Tocoume tamén ser responsábel dos negocios do Banco en Portugal, que tiñan base no Porto, onde o galego serviume de apoio para traballar no idioma local. Unha experiencia compartida por moitos dos nosos paisanos que traballan en espazos lusófonos.

Os falantes en galego e portugués teñen facilidade natural para a comunicación oral, por riba de diferencias ortográficas e da influencia de procesos da evolución de linguas que comezaron a afastarse a principios do século XV. Como nolo explica Fernando Venâncio nun traballo recente (Assim nasceu uma língua).

A afinidade entre o galego e o portugués é unha oportunidade estratéxica que compre aproveitar mellor. Mergullados nun Estado no que existe unha clara divisoria entre a  lingua común e as demais, ese obxectivo non é doado. Todo está programado para que o castelán ou español sexa considerada a única lingua útil para andarmos polo mundo. Daquela, a moitos, mesmo aquí, élles difícil admitir que o noso idioma ten proxección exterior.

Os que observamos a evolución do país desde o plano económico, tentando usar a visión aberta que aprendemos de Alfonso Castelao, Plácido Castro, Valentín Paz Andrade e outros que nos precederon, comprobamos que o proceso de apertura exterior que supuxo  a entrada na Unión Europea foi moi bo para esta Terra. Despois de séculos confinados nunha España pechada, onde somos periféricos, a integración no espazo europeo veunos moi ben. Axudounos decisivamente a abandonar o pelotón de cola das comunidades autónomas máis atrasadas e aspirar a formar parte do norte desenvolvido, ao que pertencemos de xeito natural.

Foi fundamental a recuperación da conexión co sur, con esa fachada atlántica da que somos parte, coa que volvemos ter unha fluída relación económica, ao compartirmos un espazo europeo sen fronteiras, e da que obtemos un saldo comercial moi favorábel. Témolo que agradecer á UE, que tamén financiou a autovía que conecta o eixo de cidades costeiras. Só se bota en falta un camiño de ferro propio do século XXI, que, ao parecer, non entra nas prioridades de Madrid e Lisboa.

O desafío máis importante, en termos estratéxicos, que Galiza ten diante é desenvolver un sistema educativo que promova que os estudantes galegos se acheguen ao coñecemento do portugués -300 millóns de falantes nos 5 continentes - desde a súa propia lingua. É a maior e máis barata oportunidade de desenvolvemento coa que contamos: converternos no único espazo  do mundo no que se falan simultaneamente as dúas grandes linguas de América Latina. Un bilingüismo que ademais dotará aos nenos e nenas galegos de flexibilidade mental para seren eficaces tamén na aprendizaxe doutras linguas.

Xa teño escrito algo sobre isto no informe anual do IGADI (Nós no mundo) do 2017, pero non avanzamos, máis ben ao contrario. Compre insistir sobre a grave irresponsabilidade que supón desaproveitarmos o activo de relación internacional que ofrece a lingua que partíllamos, no esencial, con tanta xente.

O principal obstáculo son os límites mentais que impón un Estado xestionado en español. A súa visión contáxianos sen darnos conta. A Lei Valentín Paz Andrade, aprobada no Parlamento de Galiza por unanimidade no 2014, debería ter sido o instrumento para aproveitar as vantaxes ás que me refería antes. Pero a norma ten unha eiva fundamental que non lle permite acadar os seus obxectivos. Establece (art.2) que a Xunta promoverá o estudo do portugués no ámbito das competencias en linguas estranxeiras. Ese artigo desactiva a eficacia da lei para acadar os seu obxectivos.

Estanse aumentando os profesores de portugués nos centros de ensino pero os alumnos apúntanse pouco, moito menos que , por exemplo, na Estremadura, unha rexión que, con bo criterio, promove o estudo dunha lingua veciña moi importante. É normal, a xente ten máis sentidiño que os políticos. Para os estremeños o portugués é lingua estranxeira, pero as nosas mozas e mozos resístense a perder catro ou cinco anos estudándoo, como se fora alemán ou ruso, porque saben que poden manexalo, máis ou menos ben, en poucas semanas.

Na Galiza, o portugués é unha lingua semipropia que non encaixa en ríxidos moldes legais, burocráticos e corporativos, lexitimamente ocupados en defenderen postos de traballo e horas lectivas en tal ou cal materia. Somos un país con moita historia, que non é quen de establecer unha nova posición exterior proxectando a súa cultura cara un mundo cada vez máis interconectado. Temos diante, desde sempre, un camiño doado para reforzar o noso peso internacional e sermos máis competitivos. Faltan liderado e imaxinación, sobran falar barato e curtidade de miras.

E compre argumentar, ademais, que a proxección internacional do galego, a través da súa conexión co portugués, tamén sería moi proveitosa para reforzar o papel de España no mundo. Se os seus dirixentes fosen capaces de superar o proceso seguido desde “a escorialización, coa súa secuela de escuridade e o seu eixo de Madrid, hipertrofiado e antimarítimo”, Valentín Paz-Andrade dixit.

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística) no seu 29º aniversario, coa vontade de impulsar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, de maneira específica e desde a natureza do IGADI, na análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais