Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
A Nosa Terra 30 de Abril de 2009 Gonzalves Vicente

O goberno independentista escocés gaña forza

O Scottish National Party (SNP), partido nacionalista que goberna Escocia desde 2007, cumpre neste mes 75 anos de vida, desde que un 7 de abril de 1934 fora creado a partir da unión do National Pary of Scotland e o Scottish Party. E, a poucas semanas de cumprir o seu segundo ano no executivo de Edimburgo, parecera que ten motivos para a celebración.

O SNP definiu o avance hacia un Estado propio como obxectivo explícito e prioritario para a súa primeira lexislatura no goberno. A intención é conseguir a celebración dun referendum sobre o particular en 2010. O resultado debería de constituír un aval político fundamental perante o goberno de Londres e o mundo.

O apoio social para a independencia de Escocia non é menor. De feito, segundo un inquérito de ICM Research publicado no Sunday Telegraph cinco meses antes das eleccións septentrionais de maio de 2007, o 52% das e dos escoceses con dereito a voto eran favorables. Resaltable é, tamén, que o mesmo inquérito sinalaba aínda un maior apoio á independencia de Escocia entre a poboación inglesa, que a favorecía nun 59% dos casos.

A aposta independentista do SNP é arriscada e, de feito, impediu que puidese forxar algunha alianza que paliase a súa debilidade parlamentar no momento de formar goberno, contando apenas co apoio estable de 47 dos 129 membros do poder lexislativo de Edimburgo. Isto xa lle valeu un fracaso notable no presente ano, ao ter visto rexeitada a súa proposta orzamentaria inicial, que houbo de ser rectificada.

Mais, á vista dos resultados en recentes comicios celebrados en Escocia, o SNP está a aumentar o seu apoio social de modo sensible. Isto probablemente implique a confluencia de dúas tendencias: o gaño de novos adeptos para a causa independentista; a concentración no SNP de votos independentistas que até agora ían parar a outras forzas políticas. A forza de cada unha delas é difícil de calcular. Cabe aínda especular coa posibilidade de que o SNP estea a gañar votos non independentistas, mais esta última hipótese con certeza servirá para explicar poucos casos.

Os comicios aos que aquí se está a facer referencia son as dúas by-election que tiveron lugar en Escocia durante o ano 2008. As by-election son citas electorais que teñen lugar nun distrito electoral cuxo representante electo para un parlamento, neste caso no de Londres, deixa o posto vacante antes de terminar a lexislatura por algunha razón. O seu obxectivo é, pois, a elección democrática dunha persoa substituta, que poderá ser do partido do seu predecesor no cargo ou de calquera outro.

Ambas as citas mostran dúas tendencias cuxa xeneralización no territorio escocés é, do meu punto de vista, máis que probable e claramente favorable ao SNP. Dun lado, o voto concéntrase nos laboristas e SNP. A by-election de Glasgow East, celebrada en xullo, supuxo que ambas as forzas pasaran a concentrar o 84,8% dos votos, fronte ao 77,7% que xuntaban nas eleccións xerais de 2005. Os datos da de Glenrothes, que tivo lugar no mes de novembro, eran aínda máis espectaculares: 91,6% dos votos repartidos entre os de Gordon Brown e Alex Salmond, fronte ao 75,3% de 2005.

Doutra banda, a concentración do voto é desigual: os laboristas perdían un 19% dos seus votos en Glasgow East e gañaban só un 3,2% en Glenrothes. Os nacionalistas, que aumentaban os seus votos nas dúas circunscricións, facíano en 26,1% en Glasgow East e 13,1% en Glenrothes.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais