Este artigo fai parte do Informe anual da acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
O IGADI no www.twitter.com/info_igadi

O IGADI, 30 anos de diplomacia pública galega

O pasado 10 de setembro do ano 2021 o IGADI cumpría 30 anos de vida coma asociación sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo social era a comprensión do mundo desde Galicia e a proxección de Galicia na sociedade internacional. Celebrámolo o 1 de outubro no Consello da Cultura de Galicia, aínda coa resaca pandémica e as restricións presentes, contamos cun auditorio cheo e representantes das distintas matrioskas do IGADI,  desde o Consello Reitor e o Consello Científico da revista Tempo Exterior, representantes do Fondo Galego, da Fundación Plácido Castro ou do Observatorio de la Política China, investigadores asociados, socios, colaboradores e amigos...
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

O acto serviunos como celebración da traxectoria do IGADI e do seu fundador e  Presidente de Honra, Xulio Ríos. O traballo do IGADI destaca por enriba de todo desde a orixinalidade galega que pensa o mundo en global. Así cómpre subliñar a incidencia histórica do IGADI nas políticas públicas de acción exterior da Xunta de Galicia, coa celebración dos Foros Bilaterais coa diáspora durante os anos 90, a creación do Fondo Galego ou o Libro Branco de acción exterior de Galicia do ano 2004. Ao tempo impresiona o impacto iberoamericano e europeo do IGADI e o Observatorio de la Política China, que coma binomio posicionaron a Galicia nos estudios internacionais e chineses, desde unha panorámica de 360 graos, que vai de Beijing a Taipei, o que agréganos capacidades construtivas e sempre o reclamo da independencia intelectual e o coñecemento.

Nestes tres décadas do IGADI, inauguradas co final da Guerra Fría, o mundo cambiou moito e Galicia non foi allea á velocidade de cruceiro dos cambios. As tres décadas do IGADI retrataran, ademais dun mundo en cambio que medra por Asia e a orixinalidade chinesa, o perfil internacional da Autonomía galega e a nacionalidade histórica, combinando éxitos e fracasos en políticas de acción exterior, que nun balance comparado no ámbito do Estado español ten que ser de luces e sombras, valorando especialmente ser a única Comunidade Autónoma con Lei propia de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento funcionando.

Algo ten que ver o IGADI con isto, ademais do entusiasmo da sociedade en xeral, e de funcionarios, técnicos e representantes políticos en particular. Ademais, elementos da última década coma o apoio do Goberno da Xunta á Lei Paz Andrade ou o apoio ao sector das ONGD e a cooperación internacional, debuxan un ecosistema que aínda que desconectado e desarticulado é capaz de recoñecerse. O IGADI é un elemento sólido e permanente que pemite falar dunha acción exterior de Galicia real, con vontade de coordinación e coherencia sobre os protagonismos, e máis alá das lexítimas estratexias de cada quen. Esa misión fundacional levámola ao marxe dos procesos electorais, o que nos permite, cando menos, intentalo.

Somos así sociedade civil, o proxecto IGADI fai parte da esfera, do movemento, da galeguidade, cun pé na oficialidade e a academia mais noutro na sociedade, nunha moi particular andaina histórica. No corazón desa tradición de diplomacia pública galega e cidadá, permítanme vernos tirando da corda que deixou o legado da Revista Nós, as emisións en galego da BBC, ou ao ánimo de universalidade da sociedade galega que se organiza na diáspora, na histórica e na actual, que tantos produtos especiais é capaz de xerar… O legado do Xulio faise máis espectacular pensando o conxunto da trama.

O IGADI é hoxe un think tank de diplomacia pública galega, unha asociación de estudos internacionais, que teima por fiscalizar e mellorar a acción exterior de Galicia, promovendo un pensamento estratéxico para a nosa paradiplomacia, sempre cun ollo tan crítico como educado, que desde a independencia partidaria quere sempre sumar en positivo.

Nese combustible simbólico que nos permite camiñar nas arañeiras vellas e nas redes modernas que constrúen a galeguidade actual, cando en xaneiro deste 2022 as Tanxugueiras fixéronse omnipresentes aledámonos de ser parte dese berro global de Terra, -viñemos para quedar. Longa vida, somos de fondo cantar. Por trinta anos máis de diplomacia pública galega!

Podes decarregar o Nós No Mundo 21-22 aquí