Distribuir

Distribuir contido
IGADI 30 de Xullo de 2015 Ríos

O internacional no local: un espazo de oportunidades

dscn4551.jpg

O mapa do poder local resultante do 24M abre posibilidades practicamente inéditas para articular unha acción exterior específica neste ámbito territorial. Non é unha extravagancia como algúns puideran pensar, senón unha política pública máis igualmente necesaria para captar recursos e identificar oportunidades, xestionando propostas económicas, socioculturais, políticas e de solidariedade, ademais de sinalar e aproveitar experiencias exteriores en temáticas susceptibles de mellorar as nosas capacidades de resposta a desafíos comúns e influír na evolución dos marcos inmediatos. En definitiva, unha ferramenta para o desenvolvemento que precisa de ideas e instrumentos adaptados para aproveitar todo o seu potencial fomentando alianzas internas, sinerxías e a participación en redes.

A proxección internacional é un concepto que debe ser incorporado á xestión local, de conformidade cun espazo propio definido por límites, contidos e metas que sinalen un proxecto coherente, efectivo e durable. Para comprendelo, mais que mil discursos e razóns, os escépticos que crucen o Miño e verán que do outro lado da raia calquera Cámara minimamente solvente dispón de estratexias de inserción internacional que  optimizan as súas posibilidades neste eido. Isto é así non de agora senón de hai moitos anos, como tamén acontece noutras partes do Estado, de Europa e do mundo, tanto que ata podermos falar dunha ruta local do internacional que conta con estruturas propias que alcanzan ata Nacións Unidas.

É por iso que a abordaxe desta liña de acción é unha cuestión o suficientemente madura como para tomala en serio agora que persoas e movementos con novos azos e conciencia dos novos tempos semellan dispostos a combinar unha mellor xestión dos recursos coa asunción de posicións de vangarda que requiren transcender a suma de relacións puntuais co estranxeiro mediante o sinalamento dun marco estratéxico e integral que teña en conta unha implicación vinculada coas prioridades locais.

Cada concello é un mundo, por iso debemos dotarnos de diagnoses e estratexias que sinteticen e expresen a identidade territorial de cada quen. Precisamos actuar no mundo desde o local en clave municipal e en clave de país. No primeiro, debemos ter en conta unha proposta que redunde na xeración de capacidades tanto para solucionar problemas locais a partir de experiencias internacionais como para xerar máis comercio, investimento ou turismo, mellorar a oferta cultural ou internacionalizar o tecido asociativo local a todos os niveis. No segundo, nun momento de deliberada ausencia autonómica no plano exterior en practicamente todo canto non estea relacionado coa economía nun sentido restrinxido, debemos pular por dotármonos de políticas que atendan aos nosos intereses colectivos e estratéxicos en ámbitos prioritarios superando os localismos.

O internacional debe formar parte do organigrama local asegurando a súa coordinación e coherencia, a súa transversalidade, esixíndose resultados concretos en relación coas prioridades, o cal só é posible cunha planificación estratéxica. A acción exterior ven lastrada por un déficit de comunicación e experiencias limitadas. Unha revisión crítica do pasado axudaranos a acertar. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais