Artigo extraído do Libro Homenaxe a Xulio Ríos Paredes "Unha vida de compromiso para unha Galicia universal"
Libro homenaxe a Xulio Rios Paredes

O internacional nos medios CORTE E CONFECCIÓN

En que medida os medios de comunicación son un espello fiel do mundo? Quen se fai esta pregunta é o escritor e reporteiro polaco Ryszard Kapunscinsky nun momento do discurso co que agradecía en Estocolmo a concesión do premio Stora Jurnalstpriset. A resposta tamén é súa: os medios de comunicación reflectan o mundo dun modo moi superficial e fragmentario.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

En que medida os medios de comunicación son un espello fiel do mundo? Quen se fai esta pregunta é o escritor e reporteiro polaco Ryszard Kapunscinsky nun momento do discurso co que agradecía en Estocolmo a concesión do premio Stora Jurnalstpriset. A resposta tamén é súa: os medios de comunicación reflectan o mundo dun modo moi superficial e fragmentario.

De ser así, estaríase dando unha grande contradición: lonxe de afrontar con recursos e con modelos de produción xornalística que sexan quen de abarcar a complexidade na que se manifesta un mundo sen fronteiras, os medios subordinan o xornalismo ao negocio, e informan baixo criterios de rendibilidade económica, non de rendibilidade social. Non importa tanto a verdade dos feitos -para acceder a ela é imprescindible botar man de procesos interpretativos que encarecen a produción de información- como a súa acomodación aos estándares comunicacionais que facilitan o consumo rápido (xornalismo fast food).

As consecuencias para o chamado xornalismo internacional son demoledoras. Porque todo iso leva a que os medios de comunicación asuman na práctica das redaccións estratexias e técnicas profesionais certamente perversas. Entre elas:

  •  buscar o ámbito de negocio máis seguro, o nacional e o local, envorcando recursos humáns e técnicos nas distancias curtas, adaptando a oferta informativa de cada día ás necesidades e demandas máis inmediatas das audiencias locais
  • reducir ao máximo os espazos e ámbitos xeopolíticos de cobertura para a produción e comunicación diaria de información internacional e transnacional
  • reducir ao máximo o equipo de profesionais dedicado a esta especialidade e, xa que logo, a cobertura que dos feitos internacionais ou transnacionais poden levar a cabo os seus propios xornalistas
  • fiarlles maioritariamente esa cobertura do internacional, do transnacional e do global/glocal, ás grandes axencias internacionais de noticias, que producen e distribúen esa información sometida a un único patrón construtivo e a fórmulas xornalísticas básicas, ou exclusivamente obxetivistas (non interpretativas), adaptada para ser consumida por igual por todos e cada un dos seus clientes.

A combinación desas circunstancias, que teñen na progresiva supresión de correspondentes propios nos lugares máis significativos do mundo unha das súas máis explícitas constatacións, é a que induce de entrada a unha gradual desaparición das novas de internacional nas axendas dos grandes e medianos medios de comunicación, por unha banda, e a producir as informacións que pasan ese filtro descargadas de sentido e significado, pola outra. Quérese dicir, sometidas a canons de adelgazamento e consumo fácil. A iso se debe o alto grao de superficialidade (ou simplificación) a que se refería o sempre admirado Kapunscinsky. Hai excepcións, naturalmente, pero aínda confirmarían máis a realidade dese outro común denominador.

E que dicir a respecto do máis popular dos medios audiovisuais, a televisión? É certo que as televisións xogan de maneira máis flexible coa cobertura dos acontecementos internacionais -bastante menos que os de natureza transnacional e global-. Porén, fano baixo parámetros que serven máis ao soporte -por mor da súa propia natureza, a televisión demanda produtos/entretemento, ou que vaian dirixidos máis ás sensacións que ao coñecemento- que aos receptores que buscan nos seus programas informativos as claves do que está sucedendo a milleiros de quilómetros de distancia. Tan é así, que as televisións apenas dedican o 5% das noticias ao que por deformación seguen considerando estranxeiro, termo que se xa está sendo cuestionado cada vez máis enfrontado ao global, non ten xustificación algunha cando, por caso, as novas ou os acontecementos que se narran teñen o seu centro de referencia xeopolítica no territorio UE. Nesa porcentaxe, ademais, están integradas as historias contadas baixo a ditadura da imaxe, que se recrea forzando a miúdo unha versión da realidade telefalsificada do mundo.      

A selección dos feitos de actualidade para a axenda internacional ten por todo o dito un amarre previo que favorece a preferencia polos acontecementos visualmente máis conflitivos ou explosivos, silenciando ou relegando outros que, malia teren un grande potencial informativo ou comportar consecuencias de grande calado político, económico, social ou cultural, non garanten o impacto (e as audiencias) desexado.

A experiencia nos medios

 É polo que desde finais dos anos 90 do século pasado primaron e seguen primando nas axendas dos medios, nos audiovisuais pero tamén nos escritos, os acontecementos internacionais relacionados coa alta política (cumios de xefes de Estado, sinatura de acordos entre grandes potencias, eleccións norteamericanas, cumios de Davos, etc.), cos atentados terroristas e coas guerras. Con outras realidades menos ligadas á confrontación directa de poderes (políticos, militares, económicos, relixiosos…) e a canto desencadea procesos que levan ao límite a capacidade de resistencia e de subsistencia de millóns de persoas, os grandes medios de comunicación veñen mantendo un comportamento ambivalente. Podemos englobar neste apartado as crises humanitarias. Por caso, a que representan os movementos migratorios, ou os movementos de refuxiados.

Esa ambivalencia queda ao descuberto en canto eses movementos tocan de cheo políticas e ámbitos de responsabilidade nos países do Norte (occidentais) ou do Sur. Cando, ao contrario do que sucede actualmente cos refuxiados que buscan seguridade en Europa, esas crises teñen o seu foco en países do “arrabalde” mundial, o habitual é o seu silenciamento (a subliñar o silencio informativo ao que está sometida África, como estamos comprobando, alarmados, a respecto dos dramáticos efectos que sobre ese continente está producindo a pandemia sanitaria da Covid-19).    

A lonxanía do que sucede non facilita precisamente o contraste das noticias que maioritariamente chegan aos medios a través das catro grandes axencias internacionais. O oligopolio que esas axencias representan xa comporta un alto grao de indución que lle deixa escaso marxe de manobra ao xornalista que recibe os seus servizos a diario. As novas xa chegan seleccionadas, e tamén chegan co enfoque que esas axencias lle quixeran dar, sempre tan condicionadas polas estratexias dos gobernos (o estadounidense polo que respecta á Associated Press (AP) e United Press International (UPI), e os europeos inglés (Reuters) e francés (France Press) que en grande maneira contribúen a sostelas.

Por outra parte, as noticias proceden de países afastados aos que xulgamos desde a nosa propia perspectiva sociocultural, moitas veces sobrecargada de prexuízos, e sen podermos botar man dun contexto que nos permita acabar formando acadados xuízos de valor. Nesas circunstancias, non é aventurado dicir que estamos máis indefensos fronte ás estratexias de comunicación inzadas de desinformación e manipulación.

Velaí os desaxustes observados nos medios en relación, por caso, coa cobertura durante tantos anos do conflito palestino-israelí. Ou coa cobertura de canto ten no Islam e no islamismo un foco permanente de atención por parte da comunidade internacional. A destacar a mistura de conceptos utilizando unha linguaxe que identifica realidades diferentes: eis a confusión entre términos que aínda que derivados do Islam, non teñen o mesmo significado -islámico, islamismo e islamista-, ou entre términos que son utilizados indistintamente polos medios obviando as grandes diferenzas que hai entre eles -terrorismo, integrismo, yihadismo, fundamentalismo-.

Tamén podemos situar nos sucesos terroristas esa observancia crítica, e decatarémonos igualmente dos déficits cos que son presentados nos medios, en boa medida debido a fortes condicionantes externos. Os medios e os xornalistas corren sempre o perigo de deixarse envolver polos efectos do que o filósofo Jean Baudrillard chamou “exceso de realidade”. Os efectos dunha estratexia ideada e planificada polos servizos policiais e de intelixencia que empeza por redimensionar o suceso ata xerar un estado de emerxencia social e emocional, e remata coa Action Patriot, ou o enrolamento de medios e xornalistas no proceso vingativo contra os supostos autores da masacre. Sucedeu tras os atentados do 11-S contra o Pentágono e as Torres Xemelgas de Nova Iorque. Os medios asumiron como un deber patriótico alinearse coa cruzada armada pola administración Busch, e acabaron alimentando o exceso de realidade -a dramatización da traxedia-, facendo moi difícil que os receptores foran quen de conectar os atentados e o seu entendemento.

As técnicas de manipulación e propaganda

Os reporteiros que relatan a súa experiencia na cobertura de grandes eventos internacionais deron conta de como evolucionaron esas técnicas de control utilizadas por fontes investidas de poder. Aluden en concreto a como a censura de antes ten agora unha aplicación menos visible, pero non menos eficaz, mediante as técnicas de propaganda e manipulación coas que ese tipo de fontes fan chegar as súas informacións a medios e reporteiros.

As técnicas de manipulación máis habituais son as seguintes: silenciamentos, frivolización, desvío da atención cara asuntos menores, mentiras, utilización de falsos expertos. Porén, existe a convicción de que para exerceren a censura os actores do conflito nin sequera botan xa man das técnicas de manipulación habituais, porque teñen moi ben organizados os aparatos de propaganda, con xente que está especializada en producir información sesgada: amosan a súa eficacia censora cos recortes da realidade que ofrecen como única verdade, e gratis, a medios e reporteiros.

A propaganda forma parte dos procesos de comunicación internacional e constitúe un importante instrumento da política exterior dos países. Unha definición de propaganda, entre as moitas que se teñen dado, podería ser a seguinte: deliberado intento por parte de algún individuo ou grupo para formar ou alterar as actitudes de outros individuos ou grupos mediante o uso de instrumentos de comunicación, coa intención de que, nunha situación determinada, a reacción dos así influidos sexa a desexada polo protagonista.

Aplicando esa definición ao ámbito concreto da información xornalística, comportaría a existencia dunha manipulación deliberada da información destinada a influir nas actitudes e opinións de certos públicos e, de maneira indirecta, a condicionar as súas condutas co obxeto de adecualas aos obxetivos ou fins pretendidos polo protagonista.

Catro características da propaganda: é deliberada, parcial, selectiva (dos medios aos que se dirixe, das mensaxes e dos públicos aos que vai destinada), e condicionante para os públicos (porque facilita unha información incompleta ou deformada que dificulta o proceso de conformación das propias opinión, valores e actos)              

No tempo da globalización, constátase a existencia dunha verdadeira explosión propagandística realizada principalmente por organismos internacionais e gubernamentais, empresas multinacionais, organizacións non gubernamentais e os exércitos en tempos de guerra.

Son actores que recurren habitualmente ás técnicas propagandísticas (cada vez máis sofisticadas grazas ao potencial das novas tecnoloxías da comunicación e da información) como un instrumento decisivo para as súas estratexias internacionais, co obxetivo de: a) vencer as resistencias que suscitan as súas actuacións; b) acadar adhesións que reforcen o seu protagonismo internacional

O profesor Alejandro Pizarroso, un dos teóricos da evolución dos procesos de propaganda, aporta unha completa clasificación dos tipos nos que os podemos identificar. Reproduzo o seu esquema por completo e esclarecedor:

1.  Segundo sexa o grao de exposición da fonte propagandística:
a) propaganda branca (o emisor está perfectamente identificado)
b) propaganda gris (aínda que o emisor non está de entrada correctamente identificado, pode chegar a estalo)
c) propaganda negra (a fonte propagandística está deliberadamente falsificada para evitar ser recoñecida ou identificada)

2.  Segundo a orixe da fonte propagandística:
a) propaganda oficial
b) propaganda privada

3.  Segundo o obxetivo perseguido pola fonte propagandística:
a) propaganda lexitimadora (co obxetivo de manter o estatu quo internacional)
b) propaganda transformadora (co obxetivo de propiciar cambios nun sistema, estrutura ou actor internacional.  

A propaganda de guerra pode acoller todos e cada un dos tipos descritos polo profesor Pizarroso. Ademáis da que se coñece tecnicamente como guerra psicolóxica, cos seus elementos de distorsión, manipulación e desinformación.

Non falamos de memoria. Escollo como un caso paradigmático o sucedido coa suposta heroicidade da soldado Lynch en Doha (Qatar), da que o The Wasington Post informou a partir do titular en portada “Ela combateu ata a morte”. O relato oficial facíaa protagonista dun combate corpo a corpo cos “fedayin”, as famosas forzas paramilitares de Sadam, recibindo múltiples feridas de bala, sendo apuñalada no momento da súa captura. Un reporteiro da BBC desconfiou da fonte oficial que exerceu de portavoz da coalición anglo-norteamericana (en rolda de prensa convocada ás 4,30 da madrugada) e viaxou ata o hospital do que finalmente, segundo esa fonte oficial, tería sido rescatada por un comando do exército aliado. Confirmáronlle os médicos que non tiña ningunha ferida de bala nin feridas cortopunzantes, e que as contusións eran produto dun accidente nunha estrada.

Como concluiu a BBC, a historia da soldado Lynch presentada polo exército e polo Pentágono foi “un dos casos máis sorprendentes de administración das noticias nunca executadas”. Manipulación en sentido puro. (Hai un documental sobre o caso: War Spin, traducido como Efecto de guerra).

O traxe co que os medios revisten os feitos que protagonizan cada día o acontecer do mundo segue a ter nos vellos patróns dos obradoiros tradicionais de corte e confección informativa que idearon os Murdoch de cada época o molde unisex que mellor responde ás esixencias do superficial, fragmentario e simplificador que describimos. Sen que os abandeirados do chamado novo xornalismo -de antes e despois da revolución tecnolóxica- conseguiran renovalos. 

Sobre o autor: Luís Álvarez Pousa, nado en Viladerrei, Ourense foi profesor titular de Xornalismo Especializado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. É licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago.

Tamén colaborou durante 23 anos como xornalista en La Voz de Galicia, o seu paso por este xornal foi significativo pois foi o primeiro cronista político da transición e creou e dirixiu até 1984 o primeiro Suplemento de Cultura deste. Na década dos 90, neste mesmo diario, redactaba xunto co debuxante Miguelanxo Prado a sección de opinión “A contratempo”.

Entre as súas obras principais destacan Prensa Ameazada. Desde a transición ó fraguismo, A identidade fronte á rede. O reto mediático de Galicia na Sociedade da Información, A contrapelo e Figuracións. Mais tamén foi coautor dos libros Periodismo de Fuente e Periodismo especializado, entre outros.

Foi galardoado con numerosos premios, entre eles destacan o premio da Crítica-2000 ó ensaio pola súa obra A identidade fronte á rede, o Café del Bolengo (1985) ao mellor labor de opinión en Galicia e o Atlántida-2003 pola súa trayectoria como promotor e xornalista cultural. Este último concedido polo Gremi d’Editors de Catalunya.

Foi fundador das revistas Teima e Tempos Novos. É asemade membro do consello asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación internacional) e participa nos consellos de redacción das revistas Tempo Exterior e Criterios. Tamén realizou traballos no medio audiovisual: cómpre destacarmos ás súas achegas na TVG dirixindo e presentando Encontros e o programa semanal Extramuros.

Durante o 1983 e o 1985 foi Director Xeral de Cultura, na Xunta de Galicia, e entre as súas propostas destacan a creación do Centro Dramático Galego e o Arquito da Imaxe. Na Xunta de Goberno correspondente ao período 2004-2008 exerceu como vogal e é o director do Observatorio Galego dos Medios (OM).