O iuán e o seu contexto

A decisión de depreciar o iuán por parte de China, pouco despois de anunciarse unha caída do 8,9 por cento nas súas exportacións en xullo, foi interpretada de diferente signo.

Para uns, poñía de manifesto o grao de preocupación existente con respecto á desaceleración do crecemento na segunda potencia económica. Para outros, sen descoñecer ese problema, a medida alentaba o paso a un novo réxime no que o mercado tería mais influencia na determinación do tipo de cambio da moeda. É dicir, que pese ás dificultades, a reforma proseguía.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

A decisión de depreciar o iuán por parte de China, pouco despois de anunciarse unha caída do 8,9 por cento nas súas exportacións en xullo, foi interpretada de diferente signo.

Para uns, poñía de manifesto o grao de preocupación existente con respecto á desaceleración do crecemento na segunda potencia económica. Para outros, sen descoñecer ese problema, a medida alentaba o paso a un novo réxime no que o mercado tería mais influencia na determinación do tipo de cambio da moeda. É dicir, que pese ás dificultades, a reforma proseguía.

Beijing alega que o iuán estaba máis forte do que indicaba o mercado e a ancoraxe establecida co dólar agravaba as súas dificultades económicas. Deste xeito, con tal medida, o goberno chinés orientaba a solución de dous problemas. A “corrección técnica”, que non depreciación, podería expandirse ata estabilizarse nun tres por cento. Non podemos falar dunha tendencia de desvalorización da moeda chinesa ou, mais aínda, dun afundimento, senón dun axuste co pano de fondo da progresiva prevaleza do mercado.

O iuán gozou dunha estabilidade razoable tendo en conta as alteracións que viñan padecendo tanto o euro como o ién (as depreciacións arrancaron en 2009) e as moedas das economías emerxentes. China estaba mellor en virtude do seu superávit en conta corrente –a pesar da caída das exportacións- ,enormes reservas de divisas -3,65 billóns de dólares-, baixa inflación -1,6 en xullo, a máis elevada do ano- e unha situación fiscal relativamente sa.

A depreciación, por outra banda, non responde a unha estratexia de guerra de divisas, senón, sobre todo, de orientación cara o mercado, o signo determinante de boa parte das reformas que actualmente impulsa o Partido Comunista. O FMI, que deberá decidir nos próximos meses sobre a inclusión do iuan na cesta dos Dereitos Especiais de Xiro, aplaudiu a decisión do Banco Popular. Outro obxectivo a ter en conta con esta decisión é un novo impulso ao proceso de internacionalización da moeda.

Entre a crise bursátil e a depreciación, as alarmas procedentes de China incrementaron substancialmente a incerteza respecto ao futuro da economía mundial. Non obstante, cómpre diferenciar entre as taras da economía chinesa –moitas e importantes- e as convulsións inevitables derivadas da reforma baixo o signo principal de outorgar ao mercado un papel maior.

Por último, non deberamos perder de vista que a medida anunciouse na véspera dunha importante viaxe do presidente Xi Jinping a EUA. E forma parte dos seus preparativos. En Washington, Xi quere convencer a Obama de que o rumbo desta China, tanto no económico como financeiro, apunta a unha maior homologación, desautorizando así os rumores dun regreso ao intervencionismo a gran escala e de parálise da reforma.