Vivimos a segunda fase dun proceso iniciado en 1989

O marco da crise

A información sobre a crise abre numerosos horizontes de debate pero non facilita a súa contextualización. Albiscamos causas xerais, que podemos relacionar cos defectos no deseño da eurozona, e tamén locais, en función das circunstancias concorrentes en cada país, unha diversidade que contrasta coa uniformidade das respostas suxeridas por Bruxelas (e o FMI), tan insistentes na redución dos déficits públicos eludindo a obriga dun reparto equitativo dos sacrificios. As manifestacións son tan diversas que non sería atrevido falar dunha auténtica converxencia de crises de xeito de que dela deberiamos falar en plural, pois é financeira e económica, pero tamén social e política. E é nestes dous últimos dominios onde debera dilucidarse.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Despois dun lustro inmersos neste remuíño interminable o mínimo que podemos advertir é que nos atopamos ante un cambio de modelo. Vivimos un segundo tempo do proceso iniciado nos anos oitenta trala ola neoliberal que seguiu ao derrube do muro de Berlín. Primeiro foi a Europa do Leste, os países do socialismo real. Agora toca a quenda do Oeste, dando unha volta de rosca ás mesmas políticas, liquidando un Estado de Benestar que se no seu día foi útil para humanizar o capitalismo e contrarrestar a influencia ideolóxica dos logros sociais experimentados ao outro lado do muro, sen el, perdían a razón de ser. O obxectivo non é saír da crise pois á vista está que as medidas aplicadas agravan a recesión senón provocar unha mingua significativa dos dereitos adquiridos. É unha perestroika á occidental que co argumento da inevitabilidade das reformas para salvar o modelo, en realidade está a destruílo cunha terapia de choque. 

A quebra de Lehman Brothers en 2008 ten así un valor simbólico equiparable á caída do muro de Berlín ou ao derrube das Torres Xemelgas. Son todos referentes simbólicos que proporcionaron argumentos eficaces ás elites dominantes para facer avanzar as súas estratexias. Se no seu día o 11-S serviu en bandexa o argumento para alentar unha estratexia global de alargamento do dominio estadounidense coa escusa da loita contra o antiterrorismo, agora a crise financeira acentuará a homologación euroatlántica cun fortalecemento do liderado monetario de Washington (con ou sen euro) e unha aproximación dos modelos económicos e socio-políticos.

A crise resulta así nunha posta a punto do capitalismo occidental para enfrontar o maior reto que ten por diante nos próximos anos: manter a súa hexemonía global fronte a emerxencia chinesa evitando que o epicentro da economía global bascule de Occidente para Oriente. En suma, debe xerar as capacidades de acumulación precisas para reforzar un polo e debilitar ao rival sobre quen se aplicarán acusadas políticas de contención que xa estamos observando tanto no plano estratéxico como na orde da seguridade e a defensa.