No seu segundo cabodano
Nunha xuntanza do Consello Reitor do IGADI

O minhoto Franco Grande

Se algo define a identidade de raíz de Xosé Luís Franco Grande, esa é a condición de militante minhoto, un perfil que vai mais aló das súas orixes en Tebra – a onde sempre tamén regresaría- e que cabe afincar na cosmovisión principal das súas percepcións intelectuais básicas. Ese estranxeiro próximo arredor do Minho era por el vivido como propio e sabía percorrelo de principio a fin.

Certo que mostrou sempre Franco Grande un profundo sentimento de admiración xeral polo país veciño, de convencemento sentido, de identificación coa fala e cultura populares e ata de proximidade política en moitos aspectos. Mais sempre profesou tamén unha comuñón espiritual que vivía particularmente arredor do mais íntimo universo minhoto.

Nese construto vivencial, cabe dimensionar adecuadamente aspectos como a paisaxe ou a gastronomía que tanto inflúen nas nosas –e nas súas- vivencias cotiás, anque non só, con curiosidades amplas que chegarían ata a antropoloxía. Como acontece en quen coñece todo o habido e por haber, non houbo recuncho que escapara ás súas habelencias neste campo, desfrutando sempre a emoción de cada descubrimento que o motivaba a continuar coa pesquisa, tan paciente como distendida e irreverente.

E naquel rural en boa medida malogrado en Galicia, atopaba aínda na outra beira un espazo para o desenvolvemento que lle alegraba o corazón e alentaba a súa creatividade poética. Transcendendo a mera anécdota, cada manifestación dese mundo moi vido a menos e ata perdido para nós, era interpretado como expresión dunha sabedoría alternativa marcada por un dignísimo florecemento.

É sorprendente que sendo tantos os minhotos de a pe poucos sexamos os conscientes reclamadores desa identidade. Será que vivímola como el a vivía, de forma totalmente natural, sen aditivos. Pero sorprende tamén que tras anos tantos de autonomía, de eurorrexión e bla bla bla, tan pouco se teña feito arredor da teorización e o estudo desa comunidade intelectual e humana, integrada por galegos e portugueses, que Franco Grande sabía recoñecer tan ben.

Pasados dous anos xa de cando nos deixou, estou seguro que se algo bota de menos alá onde estea serán os paseos e xantares polas beiras dos ríos ata as terras da Peneda e a Portela de Homem, entre as laxes dos altos e os toxos bravos, en mundos alleos a este mundo e aos que sempre querería volver.