Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 27 de Decembro de 2019 Álvarez Quintáns

O Movemento Islámico de Usbequistán: Retos de seguridade para Asia Central

Imaxe: shutterstock

En decembro de 2015, o coñecido como Movemento Islámico de Usbequistán (MIU) deuse por disolto cando os seus principais membros (incluído o seu líder, Usman Ghazi), foron eliminados por un ataque talibán. A pesar disto, estímase que entre 200 e 300 soldados do MIU seguen en activo diseminados por varios países de Asia Central, e que outros contribuíron a crear novos grupos terroristas(1).

Deixando a un lado o importante descenso na súa actividade, o MIU desempeñou un papel moi relevante no que ao islamismo en Asia Central representa. Fundado en 1998 por radicais procedentes dunha á do Partido do Renacemento Islámico, nun principio este movemento quedou articulado para organizar a loita armada contra o entón presidente usbeco Islam Karimov. As políticas de represión relixiosa levadas a cabo por este, coas que practicamente todo musulmán practicante era considerado un terrorista, levaron á radicalización dunha parte relevante da sociedade musulmá.

Isto constata un punto de inflexión, posto que o islam propio de Asia Central correspóndese coa rama sufí, caracterizada pola súa tradicional tolerancia, tanto cara outras confesións como cara ós avances científicos. A maiores, non se trata dun islam uniforme, senón que conta con numerosas influencias propias das variadas culturas da zona, e incluso do budismo e do zoroastrismo(2). Todo isto cambiou, no entanto, coa chegada do islam político de corte wahabí, patrocinado por Arabia Saudita e organizacións como Al Qaeda(3). Non só o Movemento Islámico de Usbequistán, senón que moitos outros tamén se viron afectados por esta nova vagada nas últimas décadas.

Pero a represión relixiosa non foi o único factor detrás do incremento do islamismo na rexión, senón que a este hai que engadir as insuficientes reformas políticas e sociais que tan urxentes son para as repúblicas centroasiáticas, unha economía precaria e unha autoridade estatal contestada por importantes movementos políticos e relixiosos. As ameazas para a seguridade da rexión son claras. A inestabilidade vén dada por actores como o MIU, que non teñen programas de tipo algún e que culturalmente rexeitan todo coñecemento que quede fóra do Corán. En concreto, o obxectivo principal do MIU consistía na creación dun Estado islámico transnacional(4), fundamentado na sharía (lei islámica). En contra do que o seu nome poida apuntar, non se trata, pois, dun movemento nacionalista.

Grazas ao apoio talibán e ó diñeiro saudita, o MIU gañou relevancia, chegando a ser máis recoñecido polas súas actuacións militares que polos ataques terroristas que orquestraba (a maioría mediante bombardeos suicidas e secuestros). Por outra parte, tamén estivo involucrado en diversas actividades criminais para obter financiación, como o narcotráfico, que xustificaban ante os seus seguidores como un método necesario para poder asumir o esforzo da xihad.

O MIU non tardou en expandirse aos territorios veciños, creando así un verdadeiro problema para as forzas de seguridade estatais. Chegou a ter bases en Afganistán e Taxiquistán, principalmente, e presencia noutros países como Paquistán, Quirguicistán e Casaquistán. A porosidade das fronteiras e a dificultade do relevo permiten os movementos de persoas e mercancías de xeito ilícito.

Asia Central, como rexión, ten unha importancia xeo-estratéxica clara. A súa posición entre dous dos países máis influentes do mundo contemporáneo (Rusia e China) convértea nunha zona relevante para numerosos actores internacionais. Por un lado, a iniciativa chinesa da nova Ruta da Seda (One Beltl, One Road) atravesa, na súa variante terrestre, Asia Central, un punto vital para conectar as principais cidades chinesas con Rusia e Europa. Por outro, Rusia, coa súa Unión Económica Eurasiática (proxecto de integración comercial coas repúblicas centroasiáticas) tamén ten importantes intereses na rexión, incluíndo as reservas de combustibles fósiles presentes nestes países. Estados Unidos, aínda que lonxe no que á xeografía se refire, xoga un papel innegable nos esforzos contra o terrorismo, que non só se subscribe a Afganistán.

Esta rexión presenta unha relevancia engadida para as organizacións terroristas, grupos armados e actores internacionais a partes iguales, por unha simple razón: trátase dun dos puntos mundiais máis quentes para o narcotráfico, especialmente de opioides, como a heroína.

En 2014, o MIU uniuse de forma oficial ó DAESH(5), feito que remataría por levar á súa desintegración pola rivalidade con outras organizacións terroristas na zona. Porén, o traslado de combatentes a territorios sirios e iraquís freou a actividade vinculada ó islamismo na zona.

O Movemento Islámico de Usbequistán foi, durante o seu período de maior relevancia, unha das maiores ameazas para a estabilidade de Asia Central, se se deixan de lado factores como a pobreza e a fragmentación social. Esta organización representou o auxe do islamismo nunha rexión na que o islam viña sendo tradicionalmente tolerante no relixioso. E, aínda que o MIU chegou a ser máis coñecido pola súa acción armada que polos atentados terroristas, xunto con outros grupos semellantes propiciou o asentamento da xihad na zona. É necesario recoñecer o risco que presentan este tipo de organizacións, canto máis de cara a prever o xurdimento de outras que pretendan ocupar o seu lugar.

Citas bibliográficas:

(1) Australian National Security (n.d.), Islamic Movement of Uzbekistan. Dispoñible en: https://www.nationalsecurity.gov.au/Listedterroristorganisations/Pages/IslamicMovementofUzbekistan.aspx

(2) Zapater Espí, L. T. (2003), El fundamentalismo islámico en Asia Central, Cuadernos Const. De la Cátedra Fadrique Furió Ceriol, nº 41-42, p. 183.

(3) González Francisco, M. (2018), Las nuevas Rutas de la Seda en Asia Central y sus efectos en las relaciones internacionales, Instituto Español de Estudios Estratégicos, p. 27.

(4) Zapater Espí (2003), p. 193.

(5) González Francisco (2018), p. 26.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais