Entrevista de Marcos Pérez Pena en Praza.gal a Miriam González
www.praza.gal

O mundo cambiou hoxe. Putin forzou un cambio na arquitectura de seguridade de Europa

Falamos con Miriam González, xornalista especializada en Rusia e o espazo postsoviético, colaboradora do IGADI, maxíster en Comunicación da Defensa e dos Conflitos Armados na Universidade Complutense de Madrid, con máster tamén na Universidade de Granada e na Universidade de Santiago de Compostela.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Rusia
Idiomas Galego

Despois de varios meses de presións crecentes, encontros diplomáticos infrutuosos entre Rusia e os EUA, este martes Moscova recoñeceu as dúas rexións separatistas do leste de Ucraína (Donetsk e Lugansk) como estados independentes e dous días despois iniciou operacións militares contra o territorio ucraíno, nunha acción que recibiu a condena da UE e de Washington, que anuncian que redobrarán as sancións contra Rusia pero que non enviarán tropas a territorio ucraíno, que non pertence á OTAN.

Precisamente a ampliación da OTAN nos últimos 30 anos é unha das bases deste conflito, esixindo Rusia nos últimos meses “garantías legais confiables” para impedir que a organización seguise expandindo o seu territorio cara ao leste e a promesa de que a Alianza Atlántica non despregaría os seus sistemas de armas de ataque en países fronteirizos con Rusia. Outro dos asuntos que veu alimentando a tensión entre Rusia e Ucraína é a guerra aberta no Dombás dende o ano 2014 e que provocou xa máis de 10.000 mortes e a anexión de Crimea levada a cabo por Moscova nese ano 2014.

Falamos con Miriam González, xornalista especializada en Rusia e o espazo postsoviético, colaboradora do IGADI, maxíster en Comunicación da Defensa e dos Conflitos Armados na Universidade Complutense de Madrid, con máster tamén na Universidade de Granada e na Universidade de Santiago de Compostela.

Que busca Putin con este movemento? 

É difícil saber o que vai pasar nos vindeiros días, pero o que si temos claro é que o mundo cambiou hoxe. O que está facendo Putin unilateralmente é forzar un cambio na arquitectura de seguridade de Europa, abrindo tamén un precedente para outros países, como China. Esa foi a proposta que lle fixo en decembro aos Estados Unidos, iso é o que quería facer pola vía diplomática. A resposta da OTAN foi negativa e Rusia sempre dixo que se non se respectaban as súas liñas vermellas, ían dar unha resposta técnico-militar. A invasión de Ucraína abre un novo mundo, no que acaban de romper as normas polas que ata agora nos rexíamos todos e hai que ver como evoluciona isto en todo o planeta.

É posible unha desaceleración de conflito regresando aos acordos de Minsk e a algún tipo de garantía de que Ucraína nunca integrará a OTAN a cambio dunha retirada rusa? Ou xa se cruzaron liñas vermellas das que é imposible retornar?

Minsk xa queda atrás, non se pode volver a eses acordos, comezando porque Rusia estivo concedendo pasaportes a unha parte da poboación rusa desas rexións, uns 800.000 pasaportes. Donetsk e Lugantsk non van regresar a Ucraína, como tampouco o fixo Crimea. A cuestión é se estes novos estados se circunscriben aos territorios que ata agora controlaban ou abranguen a extensión de toda a provincia, como semella que apunta Rusia

Durante oito anos non se fixo o suficiente para cumprir uns acordos asinados por todas as partes e avalados pola comunidade internacional. Creo que isto implica, sobre todo, un fracaso da UE, sobre todo de Francia e Alemaña

O interese de Putin redúcese ao Dombás e ao resto de rexións con poboación rusa ou busca o control do conxunto de Ucraína? 

Aínda que non sabemos a día de hoxe o que vai pasar, se vai haber unha ocupación de todo o país, se Rusia vai tomar as cidades…, pero evidentemente o mapa da Ucraína vai cambiar. Ucraína tal e como a coñeciamos onte xa cambiou. Putin dixo que unha ocupación de todo o país non entraba nos seus plans, pero hai despregado un gran número de unidades militares das que se empregan para gardar a seguridade cando se produce unha ocupación. Putin tamén dixera que non se ía producir unha invasión e burlábase da “histeria occidental”, polo tanto non podemos darlle veracidade ás súas palabras.

Ademais, hai que ver como se desenvolve todo no interior de Ucraína. O presidente Zelenski chegaba con moi pouca popularidade, hai tensións raciais importantes e estase armando a toda a poboación civil e aínda que os grupos de extrema dereita non representan a toda a sociedade ucraína, son grupos moi poderosos, con adestramento militar.

A invasión rusa é consecuencia do proceso de expansión da OTAN cara ao leste, a pesar de que en varios momentos se prometeu que esta expansión se ía deter?

Si, evidentemente. Dende o mes de outubro Putin vén avisando. Nese momento denunciou que aínda que Ucraína non forme parte da OTAN, se estaba a desenvolver infraestrutura militar da Alianza Atlántica en Ucraína e iso é unha ameaza para Rusia. Eles perciben esa posible expansión da OTAN a Ucraína como unha ameaza real. A OTAN di que é unha organización defensiva, pero xurdiu contra a URSS, a URSS extinguiuse e a OTAN segue aí. Putin dixo que Rusia aturara cinco ondas de expansión da OTAN, pero que ata aquí chegaran.

Por que se produce agora esta invasión e non hai un ano ou noutro momento?

Precisamente porque o exército ucraíno está a mellorar bastante nos últimos anos e se esta mellora continuaba a dificultade para Rusia nunha posible acción militar ía ser maior nos vindeiros anos. Rusia esperaba o cumprimento dos acordos de Minsk, asinados hai 8 anos por Ucraína, Rusia e a ONU, e estes acordos nunca se cumpriron. As declaracións de Putin desta semana foron durísimas, ata o punto de insinuar que non recoñecía a Ucraína como Estado, dicindo que a Ucraína moderna fora creada por Lenin. Tamén denunciou a existencia dun xenocidio no Donbás, unha cuestión posiblemente esaxerada, aínda que nos últimos anos si que houbo unha persecución en Ucraína contra as minorías.

Que papel pode adoptar China? O actual conflito pode consolidar a relación entre Rusia e China?

China mantén unha posición ambigua, non é que estean moi contentos co que está pasando, pero están do lado de Rusia, dixeron que comprendían as propostas de seguridade que estaba facendo Putin e están en contra da expansión da OTAN, comezando polo veto á entrada de Ucraína e Xeorxia. Temos que lembrar que o día 4 de febreiro, na inauguración dos Xogos Olímpicos en Beixing, China e Rusia publicaron unha declaración conxunta na que sinalaban como debía ser o sistema multipolar e as normas que deberían rexelo. Ademais, veñen de asinar importante acordos para vender o trigo e o gas ruso a China.

Cres que Estados Unidos, a OTAN e os países da UE levarán a cabo algún tipo de resposta militar en territorio ucraíno? 

A OTAN xa dixo que non van enviar tropas a Ucraína e iso semella inamovible

Si impuxeron sancións económicas e diplomáticas. Estas medidas terán algún efecto en Rusia? Os efectos poden ser tamén importantes en Europa, sobre todo pola ausencia do gas procedente de Rusia? 

É cedo para sabelo, pero temos claro que o sector enerxético en Europa se vai ver alterado. Polo tanto, aumentará o prezo do gas e da electricidade e tamén de todos os produtos que necesitan materias primas enerxéticas, que son practicamente todos. Os alemáns decidiron parar o gasoduto Nord Stream 2, construído nos últimos anos para enviar directamente o gas de Rusia a Alemaña sen pasar por Ucraína ou Polonia e que fora moi criticado polos Estados Unidos. Europa necesitara buscar fontes enerxéticas alternativas e gas procedente doutras zonas, sobre todo o Norte de África, pero este será máis caro, sobre todo no norte e no centro de Europa.

Entre as sancións a Rusia quérese atacar precisamente o seu sistema enerxético, a pesar de que isto afectará a Europa. E agora tamén se está a falar da desconexión de Rusia do sistema Swift de pagamentos interbancarios, unha medida sobre a que se levaba meses falando.

Se Rusia é capaz de controlar Ucraína sen oposición, podería no medio prazo dirixir a súa mirada cara aos países Bálticos, polo menos para tentar forzar a súa saída da OTAN e crear un ‘cinto de seguridade’?

Non, iso non vai pasar, porque os países Bálticos están na OTAN e estar na OTAN semella a mellor garantía de seguridade que hai, polo artigo 5, que se activa se algún dos países membros sofre unha agresión, que debe ser defendido polos seus aliados. Unha acción contra os Países Bálticos implicaría un enfrontamento directo entre Rusia e os Estados Unidos, Reino Unido ou Francia, todos con armamento nuclear.