Distribuir

Distribuir contido
Fundación Galiza Sempre 30 de Novembro de 2012 Ríos

O mundo de Galicia

 Xeograficamente, Galicia é unha nación europea. Foi nese marco que vai para 80 anos recoñecéusenos no Congreso de Nacionalidades Europeas (1933) como unha nacionalidade máis da realidade continental. Pero se poñemos o acento na lingua ou atendemos á nosa condición de país emigrante, tamén podemos dicir que as nosas realidades xeopolíticas transcenden aquel marco inicial para evidenciar potencialidades que superan a limitada contorna dun espazo territorial connotado, ademais, por unha innegable vocación atlántica.

Eses vectores conforman unha ben rica e innegable realidade empírica que non basta, por si soa, para a súa optimización nun contexto global que, en efecto, pode facilitar a plasmación de presenzas e estratexias de diálogo e proxección que fomenten a internacionalidade e a vertebración das mais diversas alianzas.

O universalismo (pacifismo, antiimperialismo e federalismo internacional), un herdo longamente reivindicado polo galeguismo republicano de entreguerras, constitúe un poderoso  sinal de identidade que tanto está presente en roteiros como o camiño de Santiago como nunha realidade diaspórica que hoxe se manifesta en forma de capital relacional para optimizar as propias capacidades económicas, sociais, políticas e culturais, nunha sociedade global que discorre aproveitando as redes. Trátase, non obstante, dun universalismo nomeadamente latente, desprovisto dunha estratexia participada que nos afirme como un país con vocación de seu, aínda cando isto non supoña necesariamente expresión dunha irrestrita vocación arredista. De primeiras, cabe considerar que estar no mundo con identidade propia é unha esixencia mínima para pular por un desenvolvemento acorde coas tendencias globais e non unha declaración desafiante ante ninguén.

Na reivindicación e defensa dun progreso con identidade radica o cerne das nosas posibilidades de afirmarnos como entidade diferenciada nun mundo que tanto asimila como desasimila en función das capacidades internas para lograr estar no global a partires do que un é. A propia sociedade decide o sentido da súa acción e a intensidade transgresora ou conciliadora da súa praxe.

Somos a derradeira fisterra de Europa e a primeira ribeira da América dialogante. Sómolo nun  contexto peninsular adverso que dificulta a plasmación de axendas transterritoriais comúns, mesmo cando nos referimos ao veciño norte de Portugal con quen compartimos unha eurorrexión seica modélica. A incapacidade para transformar a diversidade nun potencial de lealdades orientadas ao enriquecemento mutuo lastra as posibilidades de arbitrar apoios recíprocos baseados na non negación, no respecto das autoridades respectivas e na dinamización das vantaxes comparativas.

A explicitación desa vontade de ser nós no mundo ten como maior alicerce unha cultura e unha lingua que se proxecta en todo o universo xeolingüístico de fala portuguesa e como maior dificultade nesta conxuntura, a falta de autoestima, tanto oficial como social. Non son as capacidades económicas as que nos limitan senón, sobre todo, a non disposición de vigas mínimas para recoñecernos na nosa obriga de preservar unha identidade que non é patrimonio exclusivo dos galegos e galegas senón acervo da comunidade universal.

Ser nós no mundo, dispor dunha marca e dunha identidade que nos singularice, conta hoxe con desafíos externos indubidables pero igualmente con posibilidades de afirmación propia nunca vistas. A diferenza fainos visibles. A renuncia, a vontade de non ser, dilúenos. Por iso, a clave do noso futuro radica na construción e afirmación do noso propio diálogo interno. Pode haber intereses que aposten pola uniformización pero tamén outros que outeen o valor da diferenza para prosperar. É na defensa da prosperidade onde debemos radicar a forza do discurso universalista.

Un impulso exterior que nos asente como país no mundo require dun esforzo colectivo que tenda pontes co exterior. Non é só cousa das autoridades, simpaticen ou non con el, senón da propia sociedade. Nos seus diversos segmentos debe comprometerse cunha acción que tanto preste atención á súa dimensión interna como internacional. Somos nós, e somos globalidade. Non hai contradición senón complementariedade e continuidade. Tal axioma demanda compromisos de todos.

A mundialización, con repercusións certamente negativas en tantas ordes, abre, non obstante, posibilidades de intervención suplementarias que cómpre identificar, aproveitar e non temer. As alianzas, internas e externas, ofrecen unha garantía de éxito sempre que sexamos quen de complementalas con modelos acaídos e capaces de dar vida a formas de existencia internacional necesariamente flamantes, superadoras dos límites en que nos pretenden encorsetar os noutrora, paradoxalmente, adalides da modernidade e hoxe, instalados na resistencia, incapaces de admitir a caducidade dunha orde mundial baseada en paradigmas notoriamente superados. Queirámolo ou non, estamos internacionalizados. Aproveitalo ou non, depende de nós.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais