O mundo post-pandemia

A irrupción mundial do novo coronavirus alterou as axendas inmediatas en todo o planeta. Ata a chegada da anhelada vacina será indispensable a adopción de numerosas medidas de prevención e control. E tralo Covid-19 o mundo será outro, din moitos. Será tanto así? Haberá que repensar sistemas de saúde, xerarquía de ameazas, protocolos de actuación, unha nova conceptualización das industrias estratéxicas, nivel da cooperación internacional, etc., un cúmulo de asuntos que incidirán nas nosas vidas. Esta é a crise máis difícil dende a Segunda Guerra Mundial, afirmou o portugués António Guterres, secretario xeral das Nacións Unidas.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

A irrupción mundial do novo coronavirus alterou as axendas inmediatas en todo o planeta. Ata a chegada da anhelada vacina será indispensable a adopción de numerosas medidas de prevención e control. E tralo Covid-19 o mundo será outro, din moitos. Será tanto así? Haberá que repensar sistemas de saúde, xerarquía de ameazas, protocolos de actuación, unha nova conceptualización das industrias estratéxicas, nivel da cooperación internacional, etc., un cúmulo de asuntos que incidirán nas nosas vidas. Esta é a crise máis difícil dende a Segunda Guerra Mundial, afirmou o portugués António Guterres, secretario xeral das Nacións Unidas.

Dixera Manuel Fraga nunha ocasión que a guerra do Golfo de 1990-1991 marcou o inicio dunha nova era, a da posguerra fría. Poucos meses despois de que vencera a coalición da ONU liderada polos EUA en resposta á invasión e anexión iraquí de Kuwait, desfondaríase a Unión Soviética e entrabamos formalmente nun novo ciclo a nivel mundial. Pode a Covid-19 ter un efecto semellante acelerando algunhas tendencias xa presentes no escenario global? En esencia, vai depender de dous factores. En primeiro lugar, como saian da pandemia os principais actores globais, nomeadamente os EUA e a China. En segundo lugar, dos realiñamentos que poidan producirse en potencias medias relevantes e en áreas rexionais específicas en función do balance de xestión da pandemia.

As cuestións de saúde e seguridade son prioritarias fronte a calquera outra, incluída as implicacións xeopolíticas desta crise, pero estas están aí e afloran con forza. De entrada, para situarnos, unha previsión recente do FMI cifraba as expectativas da relevancia do PIB en termos de paridade de poder de compra para 2024. Segundo elas, China representaría entón o 21,4 por cento (18,7 por cento en 2018) fronte ao 13,9 por cento dos EUA (en 2018, 15,2 por cento). No caso da UE, India e Xapón serían, respectivamente, 14,6, 9,58 e 3,5 por cento (16,3, 7,74, e 4,13 por cento en 2018). A tendencia é coñecida e ata diríase que imparable. En que medida a Covid-19 pode alterala?

A perda de substancia do universo occidental escenificouse nesta crise na impotencia do G8-1 (logo de apartar a Rusia), camiño de se converter nun G6,5, á vista das opcións de Roma, que parece mirar máis para Beijing que para Bruxelas ou Washington. Tralo seu encontro virtual, nin sequera houbo acordo para asinar un comunicado final. Tampouco o G20 deu moito de si ata agora. Non obstante, todos coinciden en que os efectos económicos en todo o mundo van ser enormes. No que atinxe ás grandes potencias, é evidente que Washington fallou de maneira estrepitosa na súa resposta inicial, tanto a nivel interno como no plano internacional. O desconcerto, a pésima preparación e a nula vontade de coordinación global agravan a crise de confianza nos EUA. De portas para dentro, un desastre que vai a máis, e de portas para fóra, ausencia total. A única excepción, aproveitar a pandemia para poñerlle prezo á cabeza do presidente Maduro. Se os EUA non se recuperan a tempo para afrontar este escenario, pagará unha factura relevante. E a reelección de Trump está en serio perigo.

A confusión reinante na Casa Branca está sendo aproveitada rapidamente por unha China que intenta facer valer o seu “éxito” na loita contra a pandemia para ocupar o baleiro  deixado polos EUA para se posicionar como o líder mundial da resposta. É a China quen provee de subministros médicos, envía equipos de expertos, transfire coñecemento, apura a súa investigación científica, etc., incrementando a percepción de que está a erosionar substancialmente a posición dos EUA.

A batalla do relato

Este é un asunto clave e nel vaise incidir nos próximos meses porque representa a derradeira esperanza para saírmos airosos. Os argumentos son varios: dende a falta de control en determinados mercados de animais salvaxes ata o exceso de control da información e a represión, comportamentos que farían perder semanas clave para conter a epidemia e impedir a súa expansión. Sen embargo, Beijing, aínda recoñecendo erros nos primeiros momentos, reitera que en canto tivo confirmación da significación do virus, que requiriu varias semanas porque sabíase moi pouco del, informou á OMS e adoptou medidas drásticas como corentenas masivas e peches de cidades, ofrecendo un tempo e unha experiencia moi valiosa para que outros países se prepararan para o que viña, cousa que non fixeron nin nos EUA nin noutros países, pagando agora as consecuencias dos erros propios.

Segundo a narrativa de Beijing, o brote foi detectado na China pero iso non significa que o virus sexa “chinés”. Os virus brotan nun determinado lugar pero onde se orixinan é unha pregunta científica que deberá responderse posteriormente. Nega ocultación e falta de transparencia.  Tamén que estea intentando exportar o seu modelo a terceiros países a base de doazóns de remedios sanitarios. Pola contra, a pandemia está a poñer de manifesto que a humanidade comparte un destino común e que é responsabilidade de todos fortalecer institucións e mecanismos globais de resposta, OMS incluída, vilipendiada agora por felicitar a China na xestión da epidemia e acusada de actuar ao ditado do Partido Comunista….

Mentres case todo o mundo se prepara para o peor da pandemia, China, se ben non volveu á normalidade, reclama a vitoria contra o novo coronavirus, convertendo ese éxito nunha narrativa mais ampla que a erixe como o actor esencial nunha próxima recuperación global, sobrepoñéndose e eclipsando os hipotéticos buratos na xestión da crise. A asistencia material en forma de máscaras, respiradores, ventiladores e medicamentos asolaga o mundo enteiro. O país e as súas grandes empresas efectúan doazóns a todos os continentes e para moitos países é a única esperanza de solución nun mercado totalmente fóra de control. Huawei, por exemplo, enviou a Canadá millóns de dólares en subministros xusto cando Trump ordenou ao fabricante estadounidense 3M  que deixara de enviar máscaras a Canadá e a América Latina. O primeiro ministro Trudeau xa dixo que iso non afectará ao caso da directora financeira Meng Wanzhou, pendente da extradición aos EUA que a acusa de vulnerar as sancións a Irán, pero quen sabe... Cando a necesidade global é maior ca nunca, é China quen a satisfai no momento de maior urxencia. Desinteresadamente….

A campaña de axuda global impulsada desde Oriente tamén evidenciou as propias feblezas da UE. As mensaxes cruzadas (déficit de calidade dos subministros fronte a incapacidade para lograr un acordo comunitario ambicioso) marcaron un debate caótico e desconcertante. As denuncias da insolidariedade de países como Italia e Serbia non son máis que a expresión dunha corrente de fonda insatisfacción que suma enteiros para a descomposición política e a desintegración continental. Tralo fracaso na xestión da crise financeira de 2008, esta pandemia supón unha importante ameaza para a estabilidade e futuro da UE.

O relato sobre quen respondeu mellor vai influír nas interpretacións post-pandemia. A restauración de certa confianza no liderado estadounidense é ben remota. Que China convenza de todo é outra cousa. De impoñerse a versión que Washington promove para ocultar as súas irresponsabilidades,  pode desatarse unha ola de prexuízos sobre China e afectar á imaxe internacional do país cabendo o perigo tamén de se experimentar certos endurecementos nalgunhas relacións bilaterais importantes.

Riscos chineses

Para China, a actual situación comporta riscos importantes. En primeiro lugar, o cuestionamento da globalización experimentou unha volta de rosca e iniciáranse con máis forza procesos de relocalización industrial que ata agora obedecían a outros imperativos. As cadeas industriais actuais serán repensadas. O incremento das medidas proteccionistas acompañaranse dunha relectura do valor estratéxico dalgúns ámbitos industriais na escala nacional. Certo que a China postula un modelo de globalización diferente ao liberal, baseado na interconectividade, na integración económica, no fomento das infraestruturas, etc. Proxectos como a Iniciativa da Franxa e a Ruta e o conxunto de institucións como o BAII (Banco Asiático de Investimento en Infraestruturas) ou o Novo Banco de Desenvolvemento dos BRICS apuntan a esa idea de situar a China como centro referencial do comercio, as inversións, as finanzas e ata a innovación tecnolóxica. Pero terá que efectuar axustes e a nova situación pode impoñer recúos importantes.

No plano interno, tamén está por ver como opera a reanudación económica despois do enorme parón que supuxo a corentena.  Compre ter en conta que a reactivación na China vai depender de que os seus principais socios controlen a epidemia e se recuperen. Se a alguén interesa que todo pase rápido é a China e iso pode reafirmala como socio privilexiado de moitas economías en dificultades. Problema? Salvar as desconfianzas manifestadas xa nas cautelas adoptadas nalgunhas capitais para preservar os seus activos estratéxicos. Se a situación se complica, o liderado, hoxe incuestionable, de Xi Jinping podería estar en perigo. Por iso, máis ca nunca, a xeopolítica global post-pandemia depende en importante medida do tacto e man esquerda da China.