O naufraxio europeo

Ancorado nunha parálise política sen precedentes, o proxecto europeísta concibido na posguerra aborda na actualidade a súa mais preocupante crise de lexitimidade, nunha perspectiva onde o euroescepticismo e as demandas de rexeneración e reformulación deste proxecto alcanzan cada vez mais cotas de apoio social e político. A vergoñenta actitude do establishment europeo ante a crise dos refuxiados é un reflexo evidente desta crise de lexitimidade, tomando en conta os trazos dunha política inhumana que desestima, e paulatinamente desactiva, os tratados internacionais, mesmo da propia Unión Europea, en materia de refuxiados e de asilo político. 

Apartados xeográficos Europa
Palabras chave crise Europa naufraxio
Idiomas Galego

Ancorado nunha parálise política sen precedentes, o proxecto europeísta concibido na posguerra aborda na actualidade a súa mais preocupante crise de lexitimidade, nunha perspectiva onde o euroescepticismo e as demandas de rexeneración e reformulación deste proxecto alcanzan cada vez mais cotas de apoio social e político. A vergoñenta actitude do establishment europeo ante a crise dos refuxiados é un reflexo evidente desta crise de lexitimidade, tomando en conta os trazos dunha política inhumana que desestima, e paulatinamente desactiva, os tratados internacionais, mesmo da propia Unión Europea, en materia de refuxiados e de asilo político. 

Pero existen outras variables que incluso ameazan con erosionar un modelo europeísta claramente elitesco. Desde o referendo autonomista escocés (setembro 2014) pasando polo próximo e inédito referendo británico de permanencia no organismo comunitario, Europa vaise mergullando por labirintos que aumentan a confusión e o escepticismo, toda vez a evidencia dun terrorismo xihadista xa establecido dentro de Europa e o aumento dos partidos extremistas antisistema, que anuncian modificacións dentro do mapa político europeo para os próximos anos, determinan un panorama de dificultades onde Bruxelas só quere observar como única saída viable o afondamento do “neoatlantismo” con Washington.

Os recentes acontecementos dan fe das causas deste “naufraxio” europeo. Europa nega a súa propia historia cando activa unha brutal política de represión contra os refuxiados que foxen de conflitos onde os intereses xeopolíticos europeos ten estado presentes (Afganistán, Iraq, Siria, Libia) así como as disparidades de desenvolvemento (África subsahariana)  A Conferencia de Seguridade de Múnic (febreiro de 2016), que tacitamente estableceu unha especie de reparto de zoas de influencia dentro do presumible “novo Oriente Próximo” e, principalmente, o recente pacto da UE con Turquía para frear o fluxo de refuxiados, expresan a cabalidade os trazos dunha política de negación dos propios principios europeístas, diluídos nunha política tan desconcertante como inhumana.

Incapaz de formular unha política autónoma consecuente cos tratados internacionais humanitarios, Bruxelas prefire afianzar o tradicional eixe “atlantista” con Washington a través da activación de novos mecanismos (Asociación Transatlántica para o Comercio e o Investimento, TTIP) e o reforzamento doutros (OTAN) onde o recente acordo con Turquía alcanza un aspecto de prioridade xeopolítica. Prioridade que ten igualmente en mente a activación dunha política de disuasión e de contención dunha Rusia emerxente no plano internacional, reactivada pola súa perspectiva de asociación estratéxica con China, factor que altera substancialmente os intereses “atlantistas” no sempre convulso espazo euroasiático.

Pero non é só a xeopolítica e a política exterior a que determinan a parálise europea. Mentres as negociacións de admisión, un dos piares estratéxicos europeístas, vense claramente paralizadas (coa presumible excepción do caso turco por mor da crise dos refuxiados), no seo das sociedades europeas medra un escepticismo cara o establishment e o futuro do proxecto de integración que da cabida a todo tipo de movementos antisistema e alternativos, algúns deles cun preocupante cariz extremista que retrotrae tempos pasados que se pensaban superados.

Mentres o referendo escocés reactivou a necesidade de atender as demandas dos nacionalismos sen Estado noutras latitudes (Cataluña, Córsica), o inédito referendo británico de permanencia na UE supón un toque de atención cara un modelo defendido por un establishment cada vez mais á defensiva, aletargado pola posibilidade de expansión continental do denominado “Brexit”. Paralelo a este proceso, o europeísmo vese diluído e incapaz de acometer o crecemento electoral de partidos de extrema dereita que, dende Finlandia ata Francia pasando por Hungría e Eslovaquia, observan na crise de refuxiados e nas disparidades sociais causadas pola crise económica, un bálsamo catalizador de populismos extremistas.

Finalmente, os atentados terroristas de París (2015) e Bruxelas (2016) reafirman que o xihadismo xa está implantado nas propias sociedades europeas e que, contrariamente ao que sinalan determinados sectores da opinión pública, non precisan de balsas nin de naufraxios nas costas mediterráneas para surtir aos seus militantes, ancorados en especies de “lobos solitarios” con cada vez maior capacidade ofensiva. Compre por tanto observar se a imaxe de refuxiados naufragando nas costas mediterráneas e a súa consecuencia traxedia humanitaria non sexa, ironicamente, un exemplo alegórico do propio naufraxio de Europa.