Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 25 de Abril de 2016 VV.AA.

O "non" holandés ao Acordo de Asociación UE-Ucraína visto de Kyiv

Unha análise de Briaxis Fernández Méndez

No día 6 de abril, 61% dos votantes holandeses recusaron a ratificación do Acordo de Asociación entre a Unión Europea e a Ucraína,[1] que xa fora aprobado polo Parlamento Europeo e os parlamentos da Ucraína e os 28 países da Unión (entre eles a propia Holanda). O capítulo económico —o máis amplo e complexo do texto— entrou en vigor en xaneiro, mais xa desde o ano anterior funcionaba un rexime provisorio de preferencias autónomas, en canto continuaban as negociacións a tres bandas con vistas a alcanzar para a Ucraína unha posición semellante á da Serbia, que ten acordos de libre comercio coa UE e a Rusia ao mesmo tempo.[2]

A Ucraína ve no Acordo o “primeiro paso para sermos membros de pleno dereito da UE”,[3] nas palabras do presidente Petro Poroshenko. Na práctica, obtería o status doutros países asociados (como a Noruega, a Suíza ou varios países dos Balcáns e o Mediterráneo), o que non exclúe, mais tampouco garante unha futura adhesión. Ligada ao Acordo está a liberalización dos vistos para cidadáns ucraínos, suxeita ao cumprimento dun Plano de Acción negociado en 2011; se a Ucraína implementar as medidas anticorrupción nel incluídas, os ucraínos poderían comezar a viaxar sen vistos a mediados deste ano.[4]

A consulta sobre o Acordo de Asociación foi a primeira realizada conforme unha nova lei que introduciu a figura do referendo “correctivo” sobre leis previamente sancionadas polo parlamento e asinadas polo rei. Perante a imposibilidade de someter a consulta a permanencia da Holanda na UE, os promotores da iniciativa —o blogue satírico GeenStijl e a plataforma Burgercomité EU— escolleron o primeiro texto legal aprobado após a entrada en vigor da nova lei.[5]

A xénese da consulta explica a pasividade dos partidarios do Acordo (coa excepción do social-liberal D66 e os ecoloxistas de esquerda),[6] que achaban que se estaba a abusar do mecanismo do referendo consultivo;[7] unha actitude (evidente no VVD do primeiro ministro Mark Rutte) que favoreceu a escasa participación (32%). Polo contrario, os detractores mobilizáronse para presentar a votación nos seus termos: como o “inicio do fin da UE” anunciado polo populista Geert Wilders,[8] cuxo Partido da Liberdade lidera actualmente as sondaxes.

Xa no mes de novembro, un inquérito do xornal Ukraïns'ka Pravda e o think tank Institute of World Policy apuntaba a Holanda como o país máis “ucrainoescéptico” da UE. Unha percepción que tampouco mudou co abatemento en xullo de 2014 do voo MH17, con 193 holandeses a bordo. Segundo Jan Melissen, do instituto Clingendael, a traxedia influíu negativamente nas relacións coa Rusia (que vetou a creación dun tribunal internacional sobre o masacre),[9] mais nin por iso mellorou a imaxe da Ucraína, que foi albo de críticas no relatorio das autoridades holandesas.[10]

A diplomacia ucraína mantivo durante a campaña un perfil baixo, entendendo que unha implicación excesiva podía revelarse contraproducente, e limitándose a apoiar actividades culturais e participar en foros económicos como o organizado en Nootdorp na véspera da votación, porén sen conseguir espertar interese para alén do público especializado.[11] Embora a Holanda sexa o segundo investidor estranxeiro na Ucraína,[12] esta posición de relevo débese ás prácticas de “optimización fiscal” dos oligarcas, pois o comercio real entre ambos países é moito máis modesto.

Estes discretos esforzos sofreron un duro golpe en decembro, cando a imprensa holandesa informou de que varios cadros roubados do Museo da Frisia Occidental estarían nas mans de antigos membros de batallóns voluntarios non recoñecidos por Kyiv, coa connivencia do Servizo de Seguranza da Ucraína.[13] O escándalo eclipsou a visita de Poroshenko á Haia e Leiden, e contribuíu para reforzar a idea da Ucraína como “estado falido”. Face á inacción do Goberno, os medios ucraínos eloxiaron o activismo da diáspora e iniciativas como o diálogo entre as comunidades LGBT de ambos países, que poderían constituír o legado máis duradoiro da consulta.[14], [15]

Xuridicamente, o “non” holandés ao Acordo de Asociación non é comparábel á rexeición en 2005 da chamada Constitución Europea, pois o Acordo non fai parte da lexislación primaria da Unión, e refírese en boa medida a competencias exclusivas de Bruxelas. Na teoría, o Goberno holandés podería mesmo ignorar o resultado da consulta, aínda que xa descartou esta posibilidade: os custos políticos serían demasiado elevados, canto máis na antecámara do referendo sobre o Brexit.[16]

Unha posíbel solución consistiría en apagar os Países Baixos da lista de países signatarios; o Acordo continuaría a vigorar en toda a Unión na súa parte comercial, mais algúns artigos (p. ex. os relativos á cooperación aeronáutica ou policial) non terían efecto na Holanda. Unha outra opción sería dividir o Acordo en dous: un estritamente comercial entre a UE e a Ucraína, e 28 acordos “políticos” entre a Ucraína e cada un dos estados.[17] Á espera dunha decisión, o Acordo podería recaer nunha situación de provisoriedade, mais sen deixar de se aplicar (como no caso da Bosnia e Hercegovina, cuxa Asociación permaneceu sete anos nun rexime transitorio antes da súa entrada en vigor definitiva).[18]

Para Kyiv, trátase dun contratempo, mais non dunha catástrofe. En primeiro lugar porque a estrutura das exportacións ucraínas mudou como consecuencia de o Goberno non controlar parte das rexións industriais do leste do país.[19] Previsibelmente, a dependencia da Rusia continuará a se reducir (máis rapidamente agora que Moscova decidiu excluír a Ucraína da zona de libre comercio da CEI),[20] e o comercio coa Europa crecerá como xa o fixo durante a fase de preferencias autónomas.[21] Nos próximos meses, o país debe incorporarse a varios programas de cooperación en materias como competitividade empresarial ou enerxía atómica.[22]

Potencialmente máis graves poderían ser as consecuencias para a Unión, que se arrisca a perder un dos seus “principais elementos de influencia”. Como afirma o xornalista Jean Quatremer, os acordos comerciais e de asociación permiten a Bruxelas “exportar os seus valores e as súas normas”, axudando a manter a “estabilidade” en rexións sensíbeis.[23] O precedente do “non” holandés paira xa sobre máis de trinta acordos pendentes de ser aprobados ou en fase de negociación, entre eles o TTIP.[24]


[1]     “Uitslag referendum Associatieovereenkomst met Oekraïne,” Kiesraad, 12.04.2016, URL: https://www.kiesraad.nl/nieuws/uitslag-referendum-associatie....

[2]     Sydorenko, Serhij: “‘Vidkladena’ asociacija. Pryxovani detali,” Jevropejs’ka Pravda, 15.09.2014, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2014/09/15/7026002/.

[3]     “Promova Prezydenta Ukraïny pid čas ceremoniï inavhuraciï,” Prezydent Ukraïny. Oficijne Internet-predstavnyctvo, 07.07.2014, URL: http://www.president.gov.ua/news/promova-prezidenta-ukrayini....

[4]     Suško, Irina e Kul’čickaja, Ekaterina: “Č’a političeskaja volja v voprose vvedenija bezvizovogo režima sil’nee: Ukrainy ili ES?,” Zerkalo nedeli, 13.11.2015, URL: http://gazeta.zn.ua/internal/chya-politicheskaya-volya-v-vop....

[5]     Van Elsuwege, Peter: “What will happen if the Dutch vote ‘No’ in the Referendum on the EU-Ukraine Association Agreement?,” Verfassungsblog, 10.02.2016, URL: http://verfassungsblog.de/what-will-happen-if-the-dutch-vote....

[6]     Kozak, Jaroslav: “Šljax do referendumu – realiï ta mify ščodo holosuvannja v Niderlandax pro Ukraïnu,” Jevropejs’ka Pravda, 16.12.2015, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2015/12/16/7042301/.

[7]     Maan, Bert e Zarembo, Kateryna: “Referendum v Niderlandax: scenariï ta naslidky dla Ukraïny ta JeS,” Jevropejs’ka Pravda, 19.01.2016, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2016/01/19/7043572/.

[8]     “É ‘o início do fim da União Europeia’, diz líder da extrema-direita holandesa sobre o referendo ao acordo UE/Ucrânia,” Euronews.com, 07.04.2016, URL: http://pt.euronews.com/2016/04/07/o-inicio-do-fim-da-uniao-e....

[9]     Kravčenko, Vladimir “‘Pepel Klaasa stučit v moe serdce’. Kak nakazat’ vinovyx v tragedii malajzijskogo ‘Boinga,’” Zerkalo nedeli, 17.07.2015, URL: http://gazeta.zn.ua/internal/pepel-klaasa-stuchit-v-moe-serd....

[10]   Zarembo, Kateryna e Lymar, Ol’ha: “Dorohoju do referendumu: ščo naspravdi dumajut’ pro Ukraïnu v Niderlandax,” Jevropejs’ka Pravda, 06.11.2015, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2015/11/6/7040433/.

[11]   Sydorenko, Serhij: “Jak ukraïnskyj urjad ahituje v Haazi – reportaž z niderlands’koho biznes-forumu,” Jevropejs’ka Pravda, 31.03.2016, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2016/03/31/7047054/.

[12]   Naumenko, Dmytro: “Ščo daje Niderlandam zona vilnoï torhivli z Ukraïnoju,” Jevropejs’ka Pravda, 23.03.2016, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2016/03/23/7046676/.

[13]   Kozak, Jaroslav: “Hollands’kyj armaheddon: jak za odyn den’ zminyvsja imidž Ukraïny v Niderlandax,” Jevropejs’ka Pravda, 08.12.2015, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2015/12/8/7041921/.

[14]   Sydorenko, Serhij: “Promin’ optymizmu z Niderlandiv: ukraïnski inicijativy, ščo možut’ vrjatuvaty asocijaciju,” Jevropejs’ka Pravda, 05.04.2016, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2016/04/5/7047265/.

[15]   Burlakov, Oleksij e Slavins’ka, Iryna: “LGBT-spil’noty Niderlandiv pidtrymajut’ Ukraïnu na referendumi, — aktyvist,” Hromads’ke radio, 01.04.2016, URL: http://hromadskeradio.org/programs/rankova-hvylya/lgbt-spiln....

[16]   Quatremer, Jean: “Les Pays-Bas vers le «Nexit»?,” Libération, 06.04.2016, URL: http://www.liberation.fr/planete/2016/04/06/les-pays-bas-ver....

[17]   Sydorenko, Serhij: “Ščo označaje prohraš Ukraïny v Niderlandax  – scenariji ta naslidky,” Jevropejs’ka Pravda, 07.04.2016, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2016/04/7/7047396/.

[18]   Jozwiak, Rikard: “What Now For Ukraine’s EU Association Agreement?,” Radio Free Europe/Radio Liberty, 07.04.2016, URL: http://www.rferl.org/content/ukraine-netherlands-eu-associat....

[19]   Pančenko, Jurij: “Ukraïna ta JeS oficijno rozpočaly vil’nu torhivlju. Ščo ce označaje?,” Jevropejs’ka Pravda, 01.01.2016, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2016/01/1/7042902/.

[20]   Pančenko, Jurij: “Kinec’ torhovel’nym konsul’tacijam z RF. Ščo zdobula i ščo vtratyla Ukraïna,” Jevropejs’ka Pravda, 22.12.2015, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2015/12/22/7042576/.

[21]   Pančenko, Jurij: “Ostannij torhovyj partner SND. Statystyka zovnišn’oï torhivli ukraïns’kix rehioniv,” Jevropejs’ka Pravda, 28.03.2016, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2016/03/28/7046742/.

[22]   Nepop, L’ubov: “Ščo zminylosja u vidnosinax Ukraïna–JeS v 2015-mu ta jaki plany na nastupnyj rik,” Jevropejs’ka Pravda, 11.01.2016, URL: http://www.eurointegration.com.ua/articles/2016/01/11/7043161/.

[23]   Quatremer, Jean: “Les conséquences délétères du «non» néerlandais,” Coulisses de Bruxelles, 10.04.2016, URL: http://bruxelles.blogs.liberation.fr/2016/04/10/les-conseque....

[24]   “Ongoing bilateral and regional negotiations,” European Commission. Trade, 03.2016, URL: http://trade.ec.europa.eu/doclib/docs/2006/december/tradoc_1....

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais