Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 8 de Xuño de 2016 Mansilla Blanco

O novo equilibrio das Américas

Tres escenarios electorais acaecidos simultaneamente esta semana, a través de diversas eleccións en Perú, México e EUA, simbolizan a tramitación dunha etapa de cambios no contexto político hemisférico, onde a polarización no péndulo electoral advirte do ascenso dunha viraxe ideoloxicamente amorfa e de cariz tecnócrata, cuxa orientación política define agora un tránsito cada vez mais escorado cara o centrismo liberal. Coa excepción da crise venezolana, esta nova realpolitik hemisférica da conta da consolidación dun pragmatismo estacionario (Ecuador, Bolivia, Nicaragua) condicionado a acomodarse dentro deste novo establishment hemisférico. Con isto evidénciase que o anunciado final de ciclo progresista “antineoliberal” dominante na rexión na pasada década potenciará a partir de agora unha reconstitución das forzas políticas, a través dun equilibrio horizontal non menos atomizado, no que destacan a reaparición de tendencias outrora predominantes no escenario político.

Este equilibrio hemisférico está igualmente motorizado pola reedición dun sutil “neo-consenso de Washington” principalmente fraguado a través da apertura  diplomática con Cuba, factor que desactiva gradualmente os impulsos e iniciativas das esquerdas na rexión. Obviamente, os recentes cambios políticos e electorais acaecidos na rexión (Macri na Arxentina, Brasil post-PT, contención de tendencias reeleccionistas en Bolivia e Ecuador, fin do conflito armado en Colombia) definen os trazos dunha reordenación do campo xeopolítico, igualmente potenciados por intereses económicos e pola puxa global dos mercados por parte das principais potencias.

Non se debe, por tanto menoscabar en qué medida este contexto vese igualmente determinado pola erosión política e electoral, así como das contradicións internas, que acometen os gobernos e partidos progresistas e de esquerdas, polarizados pola asunción de novas clases sociais que, reconstituídas nunha nova cultura política, beneficiáronse da bonanza económica rexional rexistrada na pasada década.

Precisamente, a consolidación de novas elites políticas e económicas, xunto cos casos de corrupción en diversas estruturas de poder e os avatares da crise económica, simbolizada na caída dos prezos das materias primas que obstaculiza a tramitación do gasto social en materia de políticas públicas e gasto social, teñen xogado un papel igualmente relevante nesta reconstitución política a nivel hemisférico.

O aggiornamento rexional

Esta recomposición das forzas políticas tramitadas nun novo equilibrio hemisférico prevé escenarios políticos postelectorais sintonizados cunha atomización e polarización que, non obstante, non semellar ameazar este novo establishment.

Observamos así como primeiro caso electoral a recente segunda rolda presidencial en Perú realizada o pasado 5 de xuño, trala axustada vitoria electoral alcanzada polo liberal Pedro Pablo Kuczinsky (Peruanos por el Kambio, PPK) por riba da súa contrincante Keiko Fujimori (Forza Popular).

Desarticuladas prematuramente as candidaturas e forzas da esquerda, a polarización que se anuncia entre un presumible goberno de Kuczinsky e unha forte oposición por parte do “neo-fujimorismo” simboliza en qué medida a atomización existente no electorado e no sistema político peruano está consolidada a través dun plácido aggiornamento de novos partidos e liderados, un escenario precisamente asentado desde o final do “fujimorismo” en 2000.

Este actualización de forzas políticas peruanas ilustra un sistema de partidos de carácter transversal, con transitorias crises políticas (caídas de popularidade presidencial) que, con escasos marxes hexemónicos, permiten asentar un sistema tecnocrático capaz de amortecer os conflitos políticos. Con isto, a difícil gobernabilidade que se apresta a observar en Lima pode ser igualmente sintomática en comparación con outros escenarios rexionais, como é o caso do Brasil post-Dilma e os constantes equilibrios (escándalos xudiciais e de corrupción incluídos) que salpican o gabinete transitorio en mans do actual presidente Michel Temer, coa finalidade de manter un mínimo de estabilidade de cara a próxima convocatoria electoral de 2018.

Por outra banda, a erosión electoral do gobernante Partido Revolucionario Institucional (PRI) en México é un feito indiscutible tras observarse os resultados nos comicios para gobernador realizados o pasado 5 de xuño en doce estados mexicanos, complementadas con outros comicios de carácter local así como a primeira elección dunha Asemblea Constituínte para a capital, Cidade de México. A regresión electoral do PRI é evidente: das 9 gobernacións de doce en disputa que estaban en mans do “priísmo”, pasouse a só cinco tras estes comicios.

Esta presumible derrota electoral para o PRI imprime un notorio impulso político para as dúas principais forzas  opositoras, principalmente o conservador Partido de Acción Nacional (PAN), así como tamén o esquerdista Partido da Revolución Democrática (PRD), coas expectativas enfocadas nas presidenciais previstas para 2018. O PAN venceu en solitario en tres gobernacións e noutras cinco obtivo o triunfo en coalición con outros partidos, incluíndo tres delas co PRD.

O aggiornamento mexicano PRI-PAN-PRD reafirma un establishment consolidado coa histórica transición política mexicana alcanzada en 2000. Con todo, México ten igualmente observado un intenso cambio na súa cultura política, con sectores aínda non politicamente representados que comezan a dar curso a síntomas de polarización e de descrédito con estes novas (e vellas) elites no poder.

Cambios de mando na Casa Branca

Finalmente, o triunfo de Hillary Clinton nas primarias demócratas celebradas en Porto Rico, Nova Jersey, Dakota do Sur, Montana, California e Novo México, potencian decisivamente a súa candidatura polo Partido Demócrata para os comicios presidenciais de novembro próximo. Con vitorias nestes estados membros o asociados da Unión, Hillary contempla ao seu favor o apoio dun importante núcleo do voto hispano, cada vez mais imprescindible na carreira á Casa Branca, e que igualmente lle permite moderar as súas anteriores derrotas ante o seu contrincante Bernie Sanders, cunha opción mais escorada á esquerda dentro do Partido Demócrata.

Non obstante, a polarización á vista entre Clinton e o presumible candidato republicano Donald Trump definirá unha inquietante carreira electoral, particularmente fraguada polas tendencias centristas de Hillary por riba das diatribas populistas de Trump.

Na súa carreira presidencial, Hillary deberá agora cooptar os apoios dun electorado inesperadamente esquerdista liderado por Sanders, inquieto pola erosión social ante a crise económica e ante as preocupantes expectativas presidenciais derivadas da opción Trump. Con todo, a candidatura de Trump ironicamente compatibiliza os temores destes sectores esquerdistas, así como do voto hispano, dentro do bando demócrata, xunto co conservador establishment hexemónico dentro do Partido Republicano, igualmente contrariado pola candidatura do magnate empresarial.

O duelo Hillary-Trump ben pode destacar os profundos debates e a polarización existente na sociedade estadounidense, con consecuencias igualmente perceptibles a nivel hemisférico. Cabe observar que a definitiva dereitización radical de Trump enfocará nun illamento que distanciará a EUA da rexión, toda vez Hillary apostará pola consolidación deste novo equilibrio hemisférico en curso, con énfase na preservación do legado de Obama a través dos preceptos atlantistas establecidos no TTIP, na Asociación Transatlántico no Pacífico e na reedición da Área de Libre Comercio das Américas concibida no denominado “Consenso de Washington” (1990) e fortalecido durante a presidencia de Bill Clinton (1992-2000).

Co radio de irradiación establecido coa apertura económica cubana, Washington establecerá as pinzas necesarias para consolidar este “neo-consenso” establecido no reequilibrio de forzas hemisférico. Un aggiornamento que xa estamos observando nos recentes comicios latinoamericanos, pero cuxos contextos postelectorais non deixan de ser inquietantes en materia de polarización e atomización.

Contemporizada a hexemonía das esquerdas establecidas durante o período 1999-2015, o novo equilibrio de forzas políticas que se están observando nalgúns países de América Latina contempla focalizar nun retorno do predominio “neoliberal”, amparada nas chaves da axenda establecida neste “neo-consenso de Washington”. Este “neo-consenso” pode igualmente convivir con algunhas hexemonías políticas (sandinismo de Ortega en Nicaragua, Correa en Ecuador) non necesariamente contrarias aos intereses das forzas do mercado nin aos acordos de libre comercio atlantistas e trans-pacíficos.

Compre igualmente observar a configuración dunha opción “centrista-liberal-tecnocrática”, como pode visualizarse no “macrismo” na Arxentina e incluso nalgúns liderados dentro da multicolor plataforma opositora venezolana, que curiosamente buscan popularizarse e inserirse como referencia de representación política e electoral de cara ás clases medias e populares ata agora beneficiadas polas políticas públicas dos gobernos progresistas e de esquerdas anteriormente hexemónicos na rexión.

Neste novo equilibrio imponse a desarticulación dun populismo de esquerdas carismático e militante (“chavismo”, “kirchnerismo”, “evismo”), aspecto que igualmente persuade á reactivación dos sectores socialdemócratas e progresistas liberais latinoamericanos, cunha axenda política cada vez mais encorada ao centrismo, “beatificado” polas forzas do mercado. Estas forzas comezan así a configurarse no terreo electoral, tal e como se está observando nos comicios peruanos e mexicanos, na Arxentina de Macri ou no Brasil post-PT.

Con todo, a etapa progresista e de esquerdas no poder na maioría dos países latinoamericanos durante o período 1999-2015, igualmente asentou as bases dunha axenda social canalizada no fomento dunha nova cultura política e cidadá, moito mais activa, heteroxénea e transversal, con embrionarios focos de representación política e social, e cuxos efectos poden igualmente polarizar e contrariar a consolidación deste novo equilibrio de forzas hemisférico.  

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais