Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

O ODS 14 e o avance cara á regulación dos subsidios pesqueiros na OMC. Por Carlos Teijo, profesor de Dereito Internacional Público e da UE na USC

As pesqueiras mundiais están en crise. Na actualidade, o 60 por cento das poboacións de peixes están plenamente explotadas e un 34 por cento están explotadas a niveis insostibles (FAO, State of World Fisheries, 2020). Unha boa parte desta situación deriva da deficiente xestión que fan os Estados costeiros das Zonas Económicas Exclusivas, de 200 millas, nas que lles recoñece xurisdición a Convención das Nacións Unidas do Dereito do Mar. Por outra banda, contribúen tamén á sobrexplotación dos recursos ictícolas os precarios procesos de cooperación que se dan na alta mar, que non está sometida á xurisdición de ningún Estado e onde poucas das Organizacións Rexionais de Ordenación Pesqueira (OROP) poden garantir unha xestión sustentable.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

As pesqueiras mundiais están en crise. Na actualidade, o 60 por cento das poboacións de peixes están plenamente explotadas e un 34 por cento están explotadas a niveis insostibles (FAO, State of World Fisheries, 2020). Unha boa parte desta situación deriva da deficiente xestión que fan os Estados costeiros das Zonas Económicas Exclusivas, de 200 millas, nas que lles recoñece xurisdición a Convención das Nacións Unidas do Dereito do Mar. Por outra banda, contribúen tamén á sobrexplotación dos recursos ictícolas os precarios procesos de cooperación que se dan na alta mar, que non está sometida á xurisdición de ningún Estado e onde poucas das Organizacións Rexionais de Ordenación Pesqueira (OROP) poden garantir unha xestión sustentable.

Con todo, cando na análise desta situación crítica queremos ir máis alá das evidentes eivas que amosa a xestión pesqueira nos diferentes espazos marítimos, axiña atopamos -nos distintos estudos e diagnósticos- cun elefante na habitación: existe sobrepesca porque existe unha flota pesqueira mundial hipertrofiada e sobrecapitalizada por causa dos subsidios que proporcionan os gobernos. As estimacións globais máis recentes indican que, en 2018, se concederon 35.400 millóns de dólares á industria pesqueira, dos que 22.200 tiveron un carácter negativo ao contribuír ao incremento da capacidade do sector (Sumaila et al., “A global dataset on subsidies to the fisheries sector”, Data in Brief, vol. 27, 2019).

A comunidade internacional ten tomado conciencia desta negativa situación e incorporado gradualmente a problemática á axenda multilateral. No mandato de Doha da OMC (2001) foi incluído un apartado sobre a negociación de normas específicas sobre subsidios pesqueiros, vinculadas ao Acordo sobre Subvencións e Medidas Compensatorias (ASMC) e na Conferencia Ministerial de Hong Kong (2005) perfilouse este mandato. Despois de sucesivas roldas de conversas, intentouse avanzar sobre un primeiro borrador (2007) que non foi apoiado polos Estados e o tema, como o resto da frustrada rolda Doha sobre desenvolvemento, semellaba destinado a esmorecer. Porén, o panorama mudou en 2015.

A negociación multilateral sobre subsidios á pesca presenta certamente uns perfís distintivos posto que, a pesares de incardinarse no contexto comercial da OMC, ten un obvio contido medioambiental e unha forte implicación socioeconómica. Esta singularidade conduciu a que a problemática fose integrada no marco referencial dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) adoptados pola ONU en 2015. En concreto, a meta 14.6 dos ODS instou a prohibir “para o ano 2020, certas formas de subvencións á pesca que contribúen á sobrecapacidade e á pesca excesiva e a eliminar as subvencións que contribúen á pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (INDNR), recoñecendo que a negociación sobre os subsidios á pesca no marco da OMC debe incluír un trato especial e diferenciado, apropiado e efectivo para os países en desenvolvemento e os países menos adiantados” (A/RES/70/1, 2015).

Os Estados membros da OMC tampouco foron capaces de chegar a un acordo na 11.ª Conferencia Ministerial de 2017 polo que a presentación de propostas continuou ata marzo deste ano e, en xuño, o presidente do Grupo de Negociación sobre Normas (que é onde se está a debater a nova regulación) propuxo un texto consolidado de artigos (RN/TN/RL/126) sobre o que se está a basear o tramo final da discusión que debera rematar, para cumprir coa meta 14.6, a finais deste ano. Na situación de colapso xeral que está a atravesar a OMC, polo tanto, o único acordo internacional que se está a negociar é o relativo aos subsidios á pesca e o resultado final deste supón, sen dúbida, un test crucial para o futuro da organización.

No texto consolidado que están a debater as delegacións, delimítase o ámbito de aplicación da normativa (art. 1) que vai afectar, en principio, ás subvencións específicas (como establecen os arts. 1 e 2 do ASMC) á pesca de captura mariña e ás actividades directamente relacionadas con esta; este perímetro deixa marxe de acción aos Estados ao excluír os subsidios á acuicultura, á pesca continental ou, por exemplo, á construción de infraestruturas portuarias. Aparecen, así e todo, expresamente incluídas neste primeiro borrador de traballo as controvertidas subvencións aos combustibles que non teñan carácter específico, é dicir, aquelas que non estean circunscritas a un determinado segmento produtivo, empresa ou rexión.

A prohibición das axudas aos buques implicados en actividades de pesca INDNR (art. 3) é o aspecto da negociación onde o consenso está a fraguar con maior facilidade, se ben no texto de base permanecen entre corchetes cuestións como a posibilidade de que a determinación dun caso de pesca ilegal poida ser iniciada non só polo Estado costeiro ou pola OROP competente senón tamén polo Estado de pavillón do buque, o Estado subvencionador ou por calquera outro Estado de porto relacionado coa actividade; tamén están sen pechar os detalles relativos ao procedemento a empregar para a aplicación das disciplinas sobre subvencións.

Na prohibición dos subsidios ás flotas que capturan poboacións de peixes sobrexplotadas obsérvase tamén unha tendencia cara o consenso, aínda que no texto de traballo continúan abertas dúas opcións alternativas de regulación que pasan ou ben porque sexan os propios Estados de xurisdición e as OROP competentes os que determinen a condición de “sobrexplotado” dun recurso ou ben porque esta sexa establecida a partir dun parámetro obxectivo, coma o rendemento máximo sostible (art. 4). Neste ámbito, que require como a priori dunha xestión pesqueira sólida que permita determinar a presión á que está sometido un recurso, o trato especial e diferenciado aos países menos avanzados e en desenvolvemento deberá implicar tanto asistencia técnica coma períodos transitorios para a aplicación das normas e excepcións que están a ser pactadas.

O terceiro pé das futuras disciplinas (o da prohibición das subvencións que alenten a sobrecapacidade) está a ser o máis complexo de abordar e aquel no que os baleiros do texto se fan máis evidentes xa que, por exemplo, o borrador non di nada aínda sobre a posibilidade de permitir mínimos exentos de control nin sobre a elaboración dunha lista de subsidios non prexudiciais (arts. 5.5 e 5.6). No tema do control da sobrecapacidade é onde emerxen con máis crueza non só as diferencias de intereses que hai entre Estados desenvolvidos e en desenvolvemento, senón tamén as diverxencias que existen entre potencias que se autotitulan como Estados en desenvolvemento (como China, que é primeira potencia pesqueira do mundo, a que concede máis subsidios e a que conta cunha maior flota a distancia) e boa parte dos restantes países menos avanzados, como é o caso dos africanos, que premen para acadar unha regulación máis segmentada da cuestión. Nese senso, o texto refundido avanza, sobre a base dunha proposta da India de marzo deste ano (TN/RL/GEN/200/Rev.1), nunha solución que permita aos países menos desenvolvidos e en desenvolvemento -que non sexan potencias pesqueiras- estimular o crecemento económico deste sector vía subvencións.

Todo este debate, como é lóxico, resulta capital para Galicia, que conta coa principal flota da UE, sobre todo se temos en conta a coincidencia do mesmo coa negociación do FEMP 2021-2027 e, no ámbito das axudas para combustible, coa revisión da normativa sobre a fiscalidade de produtos enerxéticos incorporada ao Pacto Verde Europeo. A análise da conformación técnica das distintas solucións reguladoras en presencia ten un carácter estratéxico neste ámbito.

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística) no seu 29º aniversario, coa vontade de impulsar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, de maneira específica e desde a natureza do IGADI, na análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais.