O papel da China en África: os PALOP

Desde que a República Popular de China abriu á súa economía en 1978 aos mercados internacionais, ven experimentando un crecemento vertixinoso do seu PIB ano após ano, arredor dos dous díxitos, e con grandes taxas de aforro, situándose xa como a segunda economía mundial, tras superar á tradicional potencia económica da rexión asiática: o Xapón.

Liñas de investigación Observatorio Galego da Lusofonía
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Desde que a República Popular de China abriu á súa economía en 1978 aos mercados internacionais, ven experimentando un crecemento vertixinoso do seu PIB ano após ano, arredor dos dous díxitos, e con grandes taxas de aforro, situándose xa como a segunda economía mundial, tras superar á tradicional potencia económica da rexión asiática: o Xapón.

Na actualidade, a súa economía susténtase na exportacións, no seu investimento directo no exterior e nas súas axudas públicas ao desenvolvemento doutros países. Desta forma, debe pousa-la súa ollada sobre os mercados emerxentes, é dicir, ollar con atención todo aquilo que se move na América do Sur e na África.

Centrándonos na figura dos países do continente negro, a China ten identificado como un grupo poderosamente atractivo para investir a través da cooperación ao desenvolvemento nos denominados PALOP (Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa), grupo que inclúe dentro do seu organigrama a 5 estados: Angola, Moçambique, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe e a Guiné-Bissau.

Tradicionalmente, este países levan atravesado sanguentas guerras internas que, a pesares de ser nacións inmensamente ricas, favoreceron o atraso económico e inhumanas taxas de pobreza que non teñen sido superadas satisfactoriamente arestora.

No entanto, desde a entrada neste novo século, a situación de inestabilidade semella que comeza a ficar atrás e agora estes países, en concordancia coa súa riqueza estratéxica, comezan a ve-la luz ao fondo do túnel.

Esta superación de endémica inestabilidade que se cinguía sobre estes pobos leva posibilitado que se teñan acadado grandes cotas de cooperación con outros países da escena internacional, sobresaíndo por riba de todos, un especialmente, a China, que arestora se posiciona como o principal importador neste espazo xeográfico.

A relación é sinxela e non ocasiona grandes problemas para ningunha das partes. China ofrece a súa cooperación en materia económica sen que esta estea ligada a ningún tipo de concesionalidade e sen levar a cabo inxerencia política algunha nos asuntos internos do país receptor; só procura que estes países lle garantan a súa seguridade enerxética futura, o que, tendo en conta como estaba configurado o mercado internacional de créditos dominado polo FMI e o BM, converte á China nun país a ter como referencia (c China basea o seu modelo de cooperación nos coñecidos como 5 puntos da coexistencia pacífica, formulados por Zhou Enlai: o respecto á soberanía e á integridade territorial, a non agresión, a non inxerencia nos asuntos internos, a igualdade no trato e o beneficio mutuo).

Á altura do ano 2003 levaríase adiante o denominado  “Fórum para a Cooperação Económica e Comercial entre a China e os Países Lusófonos ´´, sediado en Macau, e que aspira a promove-la cooperación entre a lusofonía e a China en áreas multidisciplinares como  a industria, a educación, a saúde, o sector agropecuario, as infraestruturas, etc.

De resultas, China e maila África Lusófona posúen unha axenda de intereses converxentes, pero tamén que cada un posúe unhas estruturas internas, políticas, xeográficas ou culturais que as fan específicas, por iso, quen é quen dentro desta relación?

Angola

Para a China, este país viría a se-la xoia da coroa dos PALOP: posúe recursos estratéxicos (ouro, petróleo, gas natural, uranio, cobre, diamantes…) de primeira orde e ten unha grande eiva: o país ficou asolado por varias décadas de guerra civil, o que converte ao lugar nun poderoso demandante de axuda ao desenvolvemento.

Até a década dos 80 ámbolos países non estabeleceron relacións diplomáticas (Angola apoiaba na altura á URSS), mas desde a década dos 90 téñense avanzado acordos de cooperación comercial.

Estas relacións consolidáronse definitivamente a partires do ano 2002 cando Angola púxolle fin a unha guerra civil atroz e comezou a consolidar unha tímida figura estatal. Neste contexto, a China non dubidaría un só segundo para subministrarlle toda a axuda ao desenvolvemento que esta nación quixer.

O China Exim Bank ( Banco Estatal de Exportación-Importación) fornece de financiamento ao país a cambio de exportar diariamente arredor de 10.000 bocois de petróleo ao día.

De feito, o petróleo tense institucionalizado como o sustento das relacións bilaterais, e na actualidade xa existen mais de medio cento de empresas enerxéticas chinesas instaladas nese país cos seus mais de 50.000 traballadores chineses asociados. Este país é un dos principais subministradores de cru do dragón asiático.

En definitiva, China está amosando unha grande vontade para axudar ao país a saír do seu endémico atraso, financiando obras de carácter básico como estradas, escolas ou mesmo hospitais, mas, se algo se lle pode botar en cara ao goberno chinés é a súa desidia á hora de esixir explicacións ou responsabilidades en materia de corrupción ou respecto aos dereitos humanos. Luanda atópase baixo a influencia da dinastía da familia Santos, que é quen controla o país a nivel non só político senón tamén económico coa súa influenza sobre a SONANGOL ( Sociedade Nacional de Combustíveis de Angola ).

Moçambique

O outro socio relevante para a China dentro da esfera lusófona do continente viría a ser Moçambique, aliado tradicional da China no continente, posto que a diferenza de Angola onde o MPLA ( Movemento Popular de Libertação de Angola ) era, nos seus primeiros compases simpatizante do oso soviético, neste caso, a FRELIMO ( Frente de Libertação de Moçambique ), sempre amosou unha posición mais distante acerca da potencia soviética.

Antes da formalización plena das relacións con tódolos países dos PALOP, entre a China e mailo Moçambique xa existía un Tratado de Livre Comércio, o que salienta as boas relacións que existen desde a asunción da plena soberanía por parte desta nación africana.

Ao igual que no resto do continente, China chega ao país á procura de recursos que satisfagan a súa crecente demanda interna e Moçambique está en disposición de proporcionar abundantes caladoiros pesqueiros, gas natural, carbón, madeira ou aluminio.

Como consecuencia de case dúas décadas de guerra civil, o país precisa tamén de inxentes achegas para o seu desenvolvemento, e China non ten reparo en construír estradas, pontes ou camiños de ferro, o que está contribuíndo a incrementa-la boa imaxe deste país na rexión, en detrimento das tradicionais potencias occidentais, que só levan ofrecido un discurso cargado de boas palabras que finalmente esmorecen sen levarse a cabo. China achega feitos.

Cabo Verde

Aparentemente, este arquipélago non semella posuír grandes atractivos, mas ten un que o fai especialmente atraínte: a súa posición estratéxica. Inserida no medio do Océano Atlántico, supón un bo eixo de conexión entre a Europa, a África e a América do Sur.

Por outra banda, o seu potencial turístico tamén é incuestionábel, o que ten levado a algún que outro inversor chinés a amosar interese por algún centro turístico para promove-la beleza e as paraxes idílicas do país entre os cidadáns asiáticos, o que supón unha oportunidade de negocio ben gorentosa para as administracións caboverdianas.

Isto pon de relevancia un dato: que as reiteradas críticas dos países occidentais ao goberno chinés sobre o seu interese na África a través da explotación dos seus recursos semellan ser cuestionábeis, e Cabo Verde é un exemplo notorio de que as inversións chinesas en África teñen carácter multidimensional.

Guiné-Bissau

Este é o país máis castigado da África Lusófona. Aínda non ten sido quen de supera-la súa inestabilidade política e acumula as maiores taxas de pobreza.

Co decorrer do tempo as relacións coa China teñen atravesado por varias fases: nun primeiro momento, axudou ao país a consolida-la súa independencia, mas entre 1990 e 1998 os titubeos con Taiwán deron pé a que estas se enfreasen entrando nunha fase de tensión para, posteriormente, ser retomadas con plenas garantías.

Na actualidade, ámbolos países levan a cabo proxectos de desenvolvemento rural, pesca, infraestruturas ou xeración de enerxía. Os chineses están estudando o potencial que posúen as reservas petrolíferas do país, polo momento sen chegar a explota-las.

China ten estabelecido acordos de intercambio de estudantes para propicia-la formación das elites locais no seu territorio.

São Tomé e Príncipe

Se China á hora de estabelecer vínculos cooperativos co resto das nacións non esixe en termos xerais, ao contrario que os países occidentais, ningún tipo de condicionalidade, si que hai unha excepción que confirma a regra: para poder manter relacións plenas coa China é indispensábel non recoñecer nin manter relacións diplomáticas coa República de China ou Taiwán. São Tomé e Príncipe é o único país lusófono que si as mantén.

En ausencia de relacións diplomáticas, o nivel de cooperación é moi reducido e non se desenvolve de forma directa.

Conclusión

China realiza achegas aos PALOP en base a dúas acepcións: Axuda e Inversión. Por unha banda, busca prestixia-la súa imaxe entre o terceiro mundo e internacionalizar as súas empresas e, pola outra, procura asegurarse o seu futuro enerxético.

Se ben pódeselle recriminar ás autoridades chinesas que están investindo o seu capital monetario en países nos que os seus gobernos son altamente corruptos, represivos e onde a transparencia brilla pola súa ausencia, o tempo semella estar demostrando que sobre o terreo estas partidas económicas son fundamentais para infundir certo optimismo económico e social.

Polo tanto, en base aos resultados que até agora veñen amosando os doantes tradicionais e os novos doantes, debe predominar a axuda como instrumento de cambio político-institucional implementado pola comunidade occidental ou a axuda como instrumento de desenvolvemento e atenuación de necesidades promovido por China?