Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 28 de Agosto de 2020 Ríos

O "procés" kanak

unnamed.png

O vindeiro 4 de outubro regresarán ás urnas os electores de Nova Caledonia para decidir sobre a súa independencia de Francia. Xa o fixeran en 2018. Daquela, cunha participación superior ao 80 por cento, un 56,4 por cento votaron en contra. Os acordos con París, contemplan ata tres consultas no marco do Acordo de Numea de 1998 que abrían un proceso de descolonización progresiva. Cunha demografía complexa, os kanaks representan arredor do 40 por cento da poboación fronte ao 27 por cento da etnia europea. As últimas colonias en se independizaren de París foron Djibuti (1977) e Vanuatu (1980).

Baixo dominio galo (antes británico) dende o século XIX, contemporaneamente o valor de Nova Caledonia susténtase en dous elementos. Dunha banda, o níquel, en explotación dende hai un século e aínda así cunhas reservas que equivalen ao 25 por cento do total mundial, fundamental para a supervivencia económica do territorio xunto co turismo, atraído polos seus arrecifes de coral. Doutra, o importante valor estratéxico deste enclave territorial, situado entre Vanuatu e Australia.

Os leais a París confían en repetir vitoria apoiándose nun reforzamento da autonomía que nos últimos anos deu paso a institucións locais e acentuou un perfil singular, circunstancia inédita na cidadanía francesa. Pero tamén polo impacto da crise económica derivada da pandemia do Covid-19, que afectou marcadamente ao turismo. Menos conxuntural é a crise da explotación do níquel. Segundo algúns estudos, aquí se produce o níquel máis caro do mundo e as tres fábricas que lideran a produción atravesan momentos delicados por mor dunhas taxas de endebedamento difíciles de abordar. Diversificar a economía mais aló do sector extractivo é unha demanda imperiosa e podería ter oportunidades na xestión dos recursos ligados á saúde ou o agroalimentario así como as novas tecnoloxías ou as enerxías verdes pero o cambio no modelo de desenvolvemento nunca é doado.

O movemento kanak insiste na independencia como vía para reapropiarse da identidade oceánica que lle foi usurpada polos imperios coloniais pero tamén para imprimir outro rumbo ao país. Non sen demoras e outras artimañas, París, abxurando do seu xacobinismo, entrou polo aro das consultas tralos graves incidentes dos anos 80, con violentos disturbios, enfrontamentos e mortes que daban conta do incremento do sentimento independentista. Agora, a ruptura con Francia, de ser o caso, implicaría unha inevitable aposta pola integración rexional, no contexto do Foro do Pacífico, vía indispensable para encarar retos tan importantes como a preservación da biodiversidade ou os efectos do cambio climático.

Nun contexto de incremento das tensións entre os EUA e a China, o valor estratéxico deste pequeno territorio abre un capítulo máis da pugna polas influencias no entorno da Micronesia e da Polinesia. Por iso, nesta consulta (ou na terceira que veña a seguir se sae de novo o non) está en xogo a subsistencia ou non do vínculo con Francia pero tamén dirímese baixo que influxos irá conformando o seu destino xeoestratéxico para os próximos 25 anos.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais