Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
A Nosa Terra 4 de Marzo de 2010 Gonzalves Vicente

O referendo sobre o futuro de Escocia pendente das xerais británicas

O Scottish National Party de Salmond goberna en clamorosa minoría, co apoio de só 49 dos 129 parlamentares, e contando apenas con un asento máis que os laboristas. Na foto, o goberno escocés reunido en Dundee, con Alex Salmond ao fondo. Ao goberno de Alex Salmond, Primeiro Ministro escocés, acábaselle o tempo para dar cumprimento a unha das súas promesas electorais: dar a palabra ao pobo escocés para que poida pronunciarse sobre o seu futuro constitucional e, máis especificamente, sobre a posibilidade ou non de se autodeterminar, separándose do Reino Unido e constituíndose en Estado independente.

Consígao finalmente ou non, o certo é que poucos serán os nacionalistas escoceses que poidan culpalo dun fracaso neste sentido. No fin das contas, o Scottish National Party de Salmond goberna en clamorosa minoría, co apoio de só 49 dos 129 parlamentares, e contando apenas con un asento máis que os laboristas. A pesar disto, o debate independentista estivo permanentemente presente na axenda social e política, de modo sereno, cabal… maduro. Levou mesmo a facer visibles sensibles divisións internas entre os laboristas e liberaldemócratas. Foron estes últimos os que, nunha conferencia partidaria o 31 de outubro, acababan por conseguir fechar filas arredor da idea de oporse á convocatoria do referendo. Non sen dificultades.

Naquel momento ficaban extintas todas as posibilidades de que o goberno do SNP puidese presentar, con éxito, un proxecto de lei ao parlamento que convocase a consulta popular. Cabía a posibilidade de presentar igualmente o documento á cámara lexislativa, a fin de escenificar o cumprimento da promesa electoral polo SNP e o bloqueo, que se argüiría flagrantemente antidemocrático, por parte dos demais partidos. O SNP, entón, podería acudir á convocatoria electoral escocesa de 2011 pedindo á cidadanía máis apoio para poder levar adiante a súa promesa. Deste modo, o SNP tería máis tempo e diñeiro para atender os problemas da crise económica, sen que os seus fieis puidesen dicir que non fixeron o posible.

No entanto, e a pesar das dúbidas dalgúns opinadores sobre o particular, o certo é que as intencións do SNP de que o referendo teña lugar parecen francas e serias. Mesmo nun momento en que o prezo por continuar prestándolle atención prioritaria pode ser alto, por causa dos rigores da crise económica, o pasado 25 de febreiro, Alex Salmond anunciaba un anteproxecto de lei para a convocatoria da consulta. Abríase un período de 9 semanas para recoller as opinións de calquera escocés que se queira pronunciar. Pídense suxestións e observacións sobre a formulación das preguntas a colocar e o cadro de regras que rexerían a votación, no caso de que o proxecto fose aprobado polo parlamento de Horlyrood.

Con este movemento, o executivo escocés consegue manter o debate sobre a independencia e os poderes de Escocia na axenda. E consegue tamén adiar a votación parlamentar até despois das eleccións xerais británicas. O SNP espera que nelas nelas se poida dar un resultado que faga que algún dos outros tres grandes partidos escoceses poidan mudar o seu posicionamento.

Unha vitoria dos conservadores en Westminster podería levar a poboación escocesa, que conserva un infame recordo dos anos da Dama de Ferro, a ter máis simpatías en relación á independencia ou, no mínimo, ao aumento máximo de competencias das autoridades de Edimburgo. Sería un modo de protexerse das políticas conservadoras de Londres. E isto tería consecuencias no plano partidario. Doutro lado, un goberno minoritario, de conservadores ou laboristas, que puidese depender dos votos nacionalistas escoceses en Westminster, abriría tamén moitas posibilidades ás intencións do SNP.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais