Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Sermos Galiza 9 de Maio de 2015 VV.AA.

O resultado das eleccións no Reino Unido

Unha reflexión de Teresa Barro

Os conservadores obtiveron maioría nas eleccións xerais do 7 de maio, moi en contra do que predicían as pesquisas de opinión, que daban empate entre o partido conservador e o traballista.

A razón principal desa vitoria foi seguramente a de que a economía non vai mal e que os conservadores teñen un plan claro para mellorala e pediron tempo para finalizalo, mentres que o partido traballista, que nunca inspirou confianza nese terreo, apresentou mais retórica que planos críbeis. Os votantes queixáronse durante a campaña electoral de que ningún dos partidos respondía con claridade ás preguntas, e para a xeración mais nova sería difícil ver o que distinguía a dereita da esquerda. A negativa do partido traballista de falar da relación do Reino Unido coa Unión Europeia pareceu autoritaria e deu a impresión dun partido desconectado do sentir da xente por moito que invocase ao ¨povo¨. Visto o inmenso fracaso destas eleccións para ese partido, os propios integrantes del empezaron a dicir de inmediato que terían que facer unha análise moi a fondo da desconexión có electorado que tan cara lles custara. Terán que analizar o porqué de que perdesen todos os votos nunha Escocia que até hai pouco votaba en masa polo partido traballista, e de que non visen a ameaza que para eles representaba o UKIP, o partido antieuropeísta que, en termos de porcentaxe, quedou de terceiro, e se empeñasen en crer que só era unha ameaza  para os conservadores.

O partido nacionalista escocés tivo un grande trunfo na Escocia, mas non conseguiu o que quería, que era gobernar no Reino Unido coligado, ou aliado ás veces, có partido traballista. E o partido liberal-democrata, que gobernou coligado cós conservadores nestes últimos anos, desapareceu practicamente do mapa político. Semella que os votantes non lle perdoaron as promesas incumpridas das eleccións anteriores. Notouse moito na campaña o abismo entre uns políticos que crían que os votantes non tiñan memoria nin criterio e se deixarían levar pola imaxe e a propaganda, e a realidade dun electorado que non esquecera as tramposadas do Tony Blair en relación coa guerra do Iraq nin os desastres económicos e a arrogancia do Gordon Brown.

David Cameron terá que se enfrontar con problemas difíciles, externos e no seu propio partido.  Prometeu un referendo sobre a Unión Europeia en 2017 e dixo que primeiro tentará negociar cambios coa Unión e logo os apresentará ao electorado. A Unión Europea seguramente vaise negar a facer ningún cambio, a non ser que os Estados Unidos a presionen para que ceda. Cameron terá tamén que negociar a devolution  que xa está en marcha, a entrega de mais poderes aos países que integran o Reino Unido. Nesa negociación é probábel que se prantexe a cuestión da Formula Barnett mediante a que se distribúe o diñeiro que corresponde a cada un deses países e que os escoceses queren que siga. Agora, segundo esa fórmula, Escocia, Gales e Irlanda do Norte receben mais que Inglaterra, 1.600 libras mais por habitante no caso de Escocia e mais aínda no caso da Irlanda do Norte. Será interesante ver como se van desenvolvendo as cousas, tendo en conta que, como din sempre o ingleses, un día é moito tempo en política e nunca se sabe o que traerá o futuro. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais