O rexurdir da diplomacia rusa

Non admite discusión que a crise siria permitiu certo rexurdir diplomático de Rusia. O acordo logrado en Xenebra con EEUU tróuxonos á memoria tempos pasados. Algúns vaticinan xa que o Kremlin está de regreso e que o sucedido non é un episodio anecdótico (do mesmo xeito que o caso Snowden, a mellora de posicións no Ártico, etc.) senón o reflexo dun novo contexto marcado polo declive doutras potencias principais (EEUU, UE) e o aumento da influencia de Moscova nos asuntos internacionais. No entanto, quizá sexan interpretacións apresuradas.

Apartados xeográficos Rusia
Idiomas Galego

Non admite discusión que a crise siria permitiu certo rexurdir diplomático de Rusia. O acordo logrado en Xenebra con EEUU tróuxonos á memoria tempos pasados. Algúns vaticinan xa que o Kremlin está de regreso e que o sucedido non é un episodio anecdótico (do mesmo xeito que o caso Snowden, a mellora de posicións no Ártico, etc.) senón o reflexo dun novo contexto marcado polo declive doutras potencias principais (EEUU, UE) e o aumento da influencia de Moscova nos asuntos internacionais. No entanto, quizá sexan interpretacións apresuradas.

En primeiro lugar, fronte á inicial belicosidade de EUA, Reino Unido e ata a Francia do sorprendente F. Hollande, o principal protagonismo no rexeitamento non cabe outorgarllo a Moscova senón ao xiro inesperado provocado pola actitude das sociedades respectivas que en diversas formas amosaron a súa indignación tanto fronte a canto acontece en Siria como igualmente ante os axustes de contas de Occidente que do mesmo xeito que en Iraq, Libia, Afganistán, etc., non conseguen senón agravar os problemas que intenta resolver no terreo, ademais dos seus propios. De non ser por ese rexeitamento, especialmente en Reino Unido, é posible que a intervención se consumara pese á protesta rusa e, en menor medida, chinesa.

Cabe destacar tamén a existencia de serias reservas e dúbidas en canto á procedencia da intervención “humanitaria” entre os seus propios partidarios á vista do complexísimo mapa rebelde e a incerteza reinante á vista dun escenario resultante probablemente imposible de xestionar con mínimas doses de estabilidade.

O inquebrantable empeño ruso, por outra banda, obedece a intereses moi concretos e de gran alcance estratéxico. Non só trata de preservar a súa presenza na base de Tartus senón de asegurar que non retrocede máis posicións no decisivo taboleiro de Oriente Medio, do que está practicamente fóra de xogo en todo o demais, incluíndo as negociacións palestino- israelís.

O freo á intervención é unha vitoria diplomática de Rusia que revelou a súa habilidade neste terreo. É tan indiscutible como certo renacemento do seu protagonismo en virtude do anunciado fin da posguerra fría e a emerxencia de facto da multipolaridade, pero pensar que a tensión da corda que presenciamos poida derivar no restablecemdento da bipolaridade parece irreal.

Dito isto, aínda que o contencioso camiña agora mesmo por outra senda, non está nin moito menos resolto e os sobresaltos, de seguro, retornarán. A ameaza do uso da forza (Capítulo VII da Carta da ONU) é explícita no acordo de Xenebra, aínda que de difícil implementación nos termos recollidos. Sexa como for, non haberá unha solución fácil á guerra civil nin parece claro que a instada negociación política evite a reiteración de novas masacres. Assad sae fortalecido e intentará aproveitar a conxuntura para avanzar posicións no escenario bélico.

Xa o dicía Plácido Castro: “a diplomacia é unha cousa tan delicada que non resiste a presenza da verdade”. E nisto imos camiño do sarcasmo.

Do mesmo xeito que a primeira guerra do Golfo marcou o fin da guerra fría e do mundo bipolar, probablemente este episodio sirio sinale a confirmación da chegada á derradeira da posguerra fría, completando o tránsito dende o unilateralismo de EUA e os seus aliados á necesidade de fraguar consensos con terceiros que compensen a diferenza de enfoques ante os asuntos máis candentes da axenda internacional.

O outro escenario determinante desta nova realidade é Asia-Pacífico (China, unha vez máis, voluntaria ou involuntariamente, permaneceu nun segundo plano nesta crise). A proliferación de tensións a que asistimos recentemente (mares de China oriental e meridional) poden conducir nun momento dado á exhibición de xestos de firmeza que nun segundo tempo confirmen os actores e signos principais da nova orde.