Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Mundiario (Galicia-España) 4 de Agosto de 2016 Mansilla Blanco

O ritmo de Eurasia

istambul.jpg

Con vistas á reconciliación turco-rusa prevista na visita que realizará o presidente Recep Tayyip Erdoğan ao seu homólogo ruso Vladimir Putin o próximo 9 de agosto en San Petersburgo, pódese intuír o fortalecemento das bases de concreción dunha entente entre Ankara e Moscova que progresivamente permita definir as potencialidades dun eixe euroasiático, cun radio de extensión identificada entre o Cáucaso, Oriente Próximo, Asia Central, China e o sueste asiático. Con todo, estamos ante a posibilidade de observar unha audaz viraxe xeopolítica anti-atlantista nun país membro da OTAN como Turquía? Como incidirán estas expectativas dentro do labiríntico conflito sirio? E de cara ás eleccións presidenciais estadounidenses? Cabe agardar unha inmediata reacción contraria por parte do eixe atlantista? Todas estas interrogantes planean a gran escala dentro dun imprevisto contexto xeopolítico, con capacidade de alterar substancialmente diversos intereses afirmados dentro do estratéxico establishment euroasiático.

Mentres a intensa purga post-golpe de Erdoğan reafirma o seu xiro autocrático, medran as inquietudes en Washington e Bruxelas sobre o abrupto xiro xeopolítico realizado por Ankara a favor do eixe euroasiático. Este contexto altera diversos intereses estratéxicos establecidos polo eixe atlantista, toda vez os mesmos vesen metabolizados dentro dos inesperados e non menos intrigantes acontecementos recentemente observados no espazo euroasiático, dende Armenia ata Kazajstán.

Estes sucesos ten que ver co infrutuoso intento de golpe en Armenia (18 de xullo); a aparición de inesperadas protestas con visos de inestabilidade en Kazajstán; da decisión búlgara (13 de xuño) de non aceptar unha base permanente da OTAN, desarticulando así o plan estratéxico da Alianza Atlántica de recrear un cordón sanitario anti-ruso dende o Báltico ata o Mar Negro recentemente aprobado no Cumio de Varsovia (8-9 de xullo); e finalmente da negativa do goberno moldavo de aceptar a iniciativa da OTAN de inserirse como actor de resolución dentro do conflito de Transnistria(1), un escenario onde Moscova mantén imponderables intereses estratéxicos(2).

A reconciliación Putin-Erdoğan

Por tanto, a próxima xuntanza entre Erdoğan e Putin implica observar a eventual (re) configuración das súas respectivas esferas de influencia dentro do espazo euroasiático, evitando así a implicación do eixe atlantista vía OTAN, toda vez aproveita ó mesmo tempo o visible debilitamento político da Unión Europea e o declive no entusiasmo da ampliación europeísta, principalmente por parte das candidaturas provenientes do Leste europeo.

Este súbito viraxe xeopolítico turco estase fraguando na aceptación de Erdoğan de inserirse progresivamente dentro dos mecanismos de integración e de cooperación euroasiáticos, establecidos estes na Unión Económica Euroasiática (UEE) impulsada por Putin desde 2011, así como nas iniciativas chinesas amparadas na Organización de Cooperación de Xangai (OCX) e na Ruta da Seda. Intencións que eventualmente poden suxerir un efecto persuasivo cara Occidente por parte de Erdoğan, determinado por unha posición de prudente distanciamento ou gradual ruptura, cos postulados xeopolíticos do eixe atlantista.

No plano interno, Erdoğan avanza na disolución da tradicional orientación pro-occidental vixente na xeopolítica turca das derradeiras décadas, apostando por visualizarse cara un eixe euroasiático cada vez mais ascendente. Neste sentido, as revelacións por parte dos servizos de seguridade turcos da cooperación de Moscova e incluso dos servizos de intelixencia iranianos, no cometido de advertir a Erdoğan sobre o golpe militar en curso, confirman ata qué punto está acadando ese nivel de sincronización.

Toda vez, o presidente turco avanza na consolidación dun sistema de cariz autocrático pero competitivo no plano electoral (moi similar ao de Putin en Rusia) pero curiosamente cooptando ao seu favor aos sectores tradicionalmente opositores ao seu mandato (republicanos, laicos, nacionalistas, estamentos militares, etc), na perspectiva de propiciar un sistema post-kemalista con visos de acentuar un estilo personalista “erdogiano”.

Dentro da reconciliación turco-rusa, o tema de Siria terá un peso específico. Persuadido de haber alcanzado os seus obxectivos trala inédita intervención militar iniciada en setembro de 2015, Putin delinea o deseño dun sistema post-Bashar en Damasco, obviamente preservando os intereses rusos en Oriente Próximo e na conca mediterránea.

Así, Putin sabe da necesidade de ir confeccionando unha Siria post-Bashar, un feito inevitable incluso mantendo ao presidente sirio no poder. Con todo, o Kremlin necesariamente debe calcular con certeza cales son os obxectivos turcos en Siria. E aquí imponse acordar con Erdoğan determinados aspectos estratéxicos, entre os que caben qué facer co irredentismo curdo, como manexar a ata agora ambigua política do presidente turco co respecto ao Estado Islámico, e incluso de sopesar as ambicións de Ankara ante a eventualidade de desintegración territorial do actual Estado sirio, aspecto que pode igualmente materializarse tomando en conta os constantes desprazamentos demográficos motivados pola crise dos refuxiados.

Pero o cumio entre Erdoğan e Putin afina igualmente outros focos en materia de cooperación económica e financeira, cun radio de extensión que abrangue o espazo euroasiático. Estas relacións non só ten que ver coa revitalización dos acordos comerciais e turísticos existentes entre Ankara e Moscova (que anualmente ascendían a intercambios valorados en US$ 30 mil millóns ata a crise diplomática de novembro de 2015) senón coa potenciación dos mecanismos financeiros establecidos en torno ao Banco Euroasiático, con sede en Kazajstán(3).

Neste sentido, o cumio de San Petersburgo sentaría as bases de triangulación dun potencial eixe financeiro euroasiático entre Turquía, Rusia e Kazajstán, o cal pode igualmente intuír a posibilidade de ingreso pleno turco na UEE. Un punto estratéxico desta triangulación financeira e comercial ten que ver co fortalecemento do porto kazajo de Aktau, enclavado no Mar Caspio, considerado como unha entrada portuaria comercial de enorme importancia estratéxica.

Esta triangulación de intereses euroasiáticos podería eventualmente alcanzar o sector da seguridade. No cumio de ministros de Defensa da OCX celebrado o pasado 28 de xuño en Astana, capital de Kazajstán, precedendo ao cumio da OTAN de Varsovia, reafirmouse o compromiso de cooperación militar entre os países membros desta organización, da que Turquía acaba de ingresar como observador.

Neste cumio, os ministros de Defensa da OCX acordaron combater tres ameazas estratéxicas: terrorismo, extremismo e separatismo(4), o cal infire na articulación de mecanismos de cooperación ante calquera tentativa de inestabilidade nos países centroasiáticos, tal e como se foron observando recentemente(5).

A reacción de Washington

Está igualmente por ver cal será a reacción do eixe atlantista ante o fait accompli determinado por unha reconciliación entre Ankara e Moscova que fomente o fortalecemento deste eixe euroasiático. Tamén debe observarse cómo este escenario gravitará noutros contextos, en particular as eleccións presidenciais estadounidenses e a sucesión de Obama na Casa Branca, así como das expectativas da OTAN cifradas en illar a Rusia, configurando así mesmo un novo equilibrio estratéxico entre Europa Oriental, Oriente Próximo e Asia Central.

Observando con atención a Turquía post-golpe e a aparentemente decidida orientación euroasiática de Erdoğan, o eixe atlantista acelera unha estratexia visiblemente reaccionaria, destinada a quebrantar este novo equilibrio de poderes, desta vez actuando dende o propio espazo centroasiático.

A comezos de agosto, o secretario de Estado estadounidense, John Kerry, anunciou a súa xuntanza cos ministros de Exteriores de Kazajstán, Kirguizistán, Turkmenista, Uzbekistán e Tadxikistán(6), oficialmente motivada por aspectos de seguridade e de desenvolvemento económico. Con todo, esta xuntanza intúe a preocupación de Washington pola preponderancia ruso-chinesa nesta rexión, a través dos mecanismos de integración establecidos na UEE, na OCX e na Ruta da Seda.

Cravando unha pica en Asia Central, esta estratexia atlantista busca igualmente quebrantar a articulación doutros eixes de integración de Moscova e Beijing cara Irán, India e Paquistán(7), ampliando un radio de actuación xeopolítica que inclúen o Golfo Pérsico e o Océano Índico. Compre observar que India e Paquistán, dúas potencias nucleares, xa solicitaron a súa eventual admisión na OCX.

A gravitación turca cara este eixe euroasiático liderado por Rusia e China implicaría unha radical alteración de intereses que afectan directamente á OTAN, da que Turquía é un dos seus membros iniciais (ingresou xunto con Grecia en 1952). Por tanto, as relacións turco-estadounidenses poranse igualmente a proba neste contexto euroasiático, toda vez as mesmas vense especialmente motivadas polas demandas de Erdoğan de extradición do líder da rede Gülen exiliado en Pennsylvania (EUA), así como da necesidade de Washington de manter a Ankara dentro da súa órbita de influencia.

Este aspecto cobra maior importancia dentro do contexto post-golpe e na (re) orientación xeopolítica euroasiática turca. Ankara segue ser un estratéxico socio occidental, principalmente de carácter militar, con especial atención no papel que Turquía xoga dentro da estratexia occidental como actor capacitado para actuar en conflitos como os de Siria (ofensiva e control de Alepo, Raqqa), Iraq (Mosul) e Libia (coa actual ofensiva en Sirte). E aquí a Alianza Atlántica pon especial foco de atención na eventual capacidade turca de neutralización do Estado Islámico.

Washington desexa igualmente avanzar nunha dobre estratexia de cooperación con Moscova que, ironicamente, está dando paso a medidas de disuasión orientadas a definir áreas de influencia do espazo euroasiático. Esta estratexia de dobre fío nas relacións con Moscova vese igualmente entorpecida pola persistente posición da Alianza Atlántica de sinalar a Rusia como a súa principal ameaza estratéxica, intensificando así un cordón de seguridade dende o Báltico ata o Mar Negro. Todo isto sen menoscabar o truculento impasse que están causando as denuncias que dende o Partido Demócrata se impulsan contra o Kremlin sobre o presunto apoio ruso á candidatura do republicano Donald Trump.

Con todo, EUA precisa ó mesmo tempo da cooperación rusa e turca en Siria e Iraq, particularmente no cometido de avanzar na delimitación dunha Siria post-Bashar territorialmente fragmentada e dividida, e as súas implicacións xeopolíticas na nova cartografía de poder que se anuncia para Oriente Próximo.

Paralela á reconciliación con Rusia, Erdoğan ten avanzado nas derradeiras semanas na reconciliación con Israel, trala ruptura diplomática establecida a partir de 2011. Esta reconciliación turco-israelí ten visos de influencia dende Washington, particularmente ante as incertezas e a parálise de feito da pretendida apertura de Obama cara Irán.

Outro aspecto ten que ver coa contención en territorio turco do fluxo de refuxiados cara Europa, particularmente tralo acordo alcanzado por Ankara e a UE en maio pasado, e que pode verse subitamente alterado e incluso momentaneamente  paralizado por mor das irritadas relacións turco-occidentais. Todos estes factores son de obvia importancia estratéxica que inevitablemente inciden na atención de Washington no concernente á reconciliación entre Putin e Erdoğan, prevista na xuntanza da próxima semana en San Petersburgo, e na eventual potenciación dun eixe euroasiático autónomo e desafiante dos imperativos do eixe atlantista.

 

 



(2) A aprobación o pasado 31 de decembro de 2015 da nova Estratexia de Seguridade Nacional da Federación Rusa implicou un reforzamento dos imperativos xeopolíticos e de seguridade nacional de Moscova dentro do espazo euroasiático ex soviético. O Kremlin vese persuadido a fortalecer os mesmos tomando en conta que observa unha crecente militarización das súas fronteiras coa OTAN (especialmente no Mar Báltico), así como ante a intensificación de focos de tensión por parte da OTAN e a UE dentro do espazo euroasiático, orientados a propiciar unha política de contención e de illamento para Rusia. O recente Cumio da OTAN de Varsovia confirmou a certeza destas inquietudes rusas en materia de seguridade nacional. Compre igualmente considerar en qué medida Putin está construíndo unha área de seguridade que abranque o flanco oriental do Mar Negro, especialmente no Cáucaso, a fin de evitar a implicación xeopolítica da OTAN. O pasado 30 de xuño, o Parlamento armenio ratificou o acordo subscritor entre Rusia e Armenia e contido no Sistema Unificado Rexional de Defensa Aérea no Sur do Cáucaso, asinado en decembro pasado, con reminiscencias en acordos anteriormente subscritos con Belarús (2009) e Kazajsftán (2013). Moscova asegura así un plan operativo de actuación defensiva contida na súa Estratexia de Seguridade Nacional, a fin de repeler potenciais "ameazas estratéxicas" entre o Mar Negro e o Cáucaso ante calquera implicación da OTAN, con especial foco nas aspiracións de Xeorxia de ingresar na Alianza Atlántica. Para maior información: http://www.cacianalyst.org/publications/analytical-articles/item/13384-russia-creates-area-denial-system-in-south-caucasus.html 

(5) Sobre a súbita aparición de escenarios de inestabilidade en Asia Central coincidindo co intento de golpe militar en Turquía, consultar: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/de-golpe-en-golpe

(7) A principios de agosto, o Pentágono anunciou o seu rexeite a conceder a Paquistán un paquete de axuda militar valorado en US$ 300 millóns, considerando que o goberno paquistaní non avanza o suficiente na súa loita contra a organización islamita Rede Haqqani, con vínculos con Al Qaeda e os talibáns afgáns e considerada por Washington como “organización terrorista”. Este anuncio pode albiscar certo impasse diplomático entre Washington e Islamabad que eventualmente reoriente a atención paquistaní cara o eixe euroasiático. Para maior información, consultar: http://mundo.sputniknews.com/defensa/20160804/1062622191/eeuu-pakistan-ayuda-militar.html. Tampouco debe desestimarse a crise actualmente existente entre China e Xapón, particularmente tralo nomeamento por parte do primeiro ministro xaponés Shinzo Abe, da conservadora Tomomi Inada como ministra de Defensa. Inada, quen nega masacre de Nanjing realizada pola Armada nipona na II Guerra Mundial, supón un xiro radicalmente nacionalista por parte de Tokio que tensará as relacións con Beijing, o cal igualmente manterá a China ocupada na crise do Mar de China sobre a reclamación da soberanía das illas Senkaku e Diayou. Este aspecto igualmente reforzará a atención, así como determinados imperativos estratéxicos de Washington en Asia Oriental, destinados á contención e ralentización do empuxe chinés. 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais