Bandeira de Ucraína

O sentido dos “referendos” de Putin

Recentemente, en vésperas dos referendos nos territorios ocupados de Ucraína na Internet comezou a circular unha cita da Enciclopedia Militar Soviética do ano 1932: “Anexión, A toma por parte dun Estado dun territorio que non lle pertencía anteriormente, aparentemente formalizada segundo as esixencias do dereito internacional burgués... Para xustificar os actos de anexión nas relacións interestatais, ás veces escenifícase a "vontade" popular -en forma de plebiscitos entre a poboación dos territorios anexionados. Estes pseudo-plebiscitos representan unha falsificación da vontade popular, xa que se realizan en condicións de ocupación por parte do Estado que leva a cabo a anexión.” (Isto é algo que deberían ler os que aínda se tratan de convencer que as tropas invasoras están a retomar a “xesta antihitleriana”, porque exhiben a mítica “bandeira da vitoria de Berlín” onde agora cometen os seus crimes de guerra). 
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Galicia Guerra Ucraína
Idiomas Galego

Recentemente, en vésperas dos referendos nos territorios ocupados de Ucraína na Internet comezou a circular unha cita da Enciclopedia Militar Soviética do ano 1932: “Anexión, A toma por parte dun Estado dun territorio que non lle pertencía anteriormente, aparentemente formalizada segundo as esixencias do dereito internacional burgués… Para xustificar os actos de anexión nas relacións interestatais, ás veces escenifícase a “vontade” popular -en forma de plebiscitos entre a poboación dos territorios anexionados. Estes pseudo-plebiscitos representan unha falsificación da vontade popular, xa que se realizan en condicións de ocupación por parte do Estado que leva a cabo a anexión.” (Isto é algo que deberían ler os que aínda se tratan de convencer que as tropas invasoras están a retomar a “xesta antihitleriana”, porque exhiben a mítica “bandeira da vitoria de Berlín” onde agora cometen os seus crimes de guerra). 

Pois a anexión levada a cabo o 30 de setembro, cando Putin asinou os decretos sobre a incorporación a Rusia de catro provincias de Ucraína, non ten aparencias de legalidade por ningunha parte que se mire.

Os referendos celebráronse no medio dunha guerra, en unidades administrativas sobre ningunha das cales se tiña o control completo. Non eran comunidades que, por algunha razón, puidesen ter motivo para establecer a súa autonomía, os referendos fixéronse nos lugares ocupados por militares rusos. Non existía ningún censo electoral, non se organizaron colexios electorais apropiados , a poboación non estaba informada debidamente onde votar, a votación durou catro días, as urnas poñíanse nas rúas, en maleteiros de coches, levábanas a vivendas e a xente abría a persoas armadas e dáballes as respostas “correctas”. Tendo só tres días para pensar sobre a absurda pregunta, se querían que a súa provincia “fose Estado autónomo e integrásese a Rusia como suxeito de federación.” De control por parte de observadores independentes, nin falar. En fin, ilegalidade absoluta, outro crime de guerra que se agrega aos xa perpetrados.

En 2014, fixérono en Crimea, que era República Autónoma dentro de Ucraína con bases militares rusas. Infiltráronse máis militares, ocupouse o parlamento para que votase pola independencia, aproveitando a indecisión de Ucraína a enfrontarse coa forza militar rusa. 

Nas provincias de Donetsk este guión non tivo tanto éxito, tiveron que proclamar “Repúblicas populares” nas partes onde os rusos conseguiron establecer o seu control. Estratexicamente foi un fracaso, porque o mantemento de Crimea como parte de Rusia sen ter conexión coa Federación por terra (por certo, esta era a razón do “traspaso” da península a Ucraína en 1954), resultaba máis custoso que o pago de alugueiro a Ucraína polas bases antes do 2014. Necesitaban un corredor ao longo do Mar Azov, por Zaporizzhia e Kherson. O Kremlin pensaba que todo o Sur e Leste de Ucraína, sometido a unha rusificación implacable durante séculos, caería facilmente nas súas mans.

A Rusia de Putin deuse unha tregua sen abandonar os seus plans, que consistían en tomar posesión de todo o Leste e o Sur de Ucraína, deixándoa sen acceso ao mar, Kharkiv, Mykolaiv e Odesa na súa imaxinación eran “rusas” por defecto. Para o resto de Ucraína, a idea era substituír o goberno de Kyiv por un réxime monicreque que prepararía a desaparición definitiva do Estado ucraíno e da nación, na existencia da cal Putin e os seus seguidores non cren.

Outra vez os plans expansionistas rusos fracasaron, pero si se logrou facer ocupar o corredor cara a Crimea. O Ministerio do Interior (!) de Rusia creou nos territorios ocupados os seus órganos regulares, coma se tratásese de provincias rusas. Repartíronse pasaportes rusos, comezou a circular o rublo en lugar da moeda ucraína. Con ou sen “referendos”, a anexión xa estaba consumada. Por isto os referendos fixéronse con tanta neglixencia, non tiñan ningunha importancia. Todo o mundo avisou ao Kremlin que non recoñecería a anexión. 

O sentido que ten ese triste espectáculo para Putin é de dar a Occidente (e a toda a humanidade) a mensaxe de que non está disposto a retroceder, que vai impoñer as súas regras a pesar dun rexeitamento total. É o seu modus operandi: despois de entrar nunha confrontación non pode mostrarse débil, calquera mostra de debilidade significaría a súa caída e morte. Por isto no seu discurso sobre a incorporación de novos territorios case non fixo referencia a Ucraína, o 95 % foi dedicado a ameazas a Occidente: agora que os territorios ocupados “son Rusia” segundo os seus decretos, que para todo o mundo son papel mollado, vai defender “con todos os recursos”, aplicaralles todas as súas doutrinas, o que significa mesmo o uso de armas nucleares.

Fai ameazas, a pesar de que xa está avisado por parte de Occidente: se se atreve a empregar armas nucleares, inmediatamente recibirá unha resposta nuclear occidental e un dos obxectivos será o seu búnker persoal. Putin non pode demostrar medo, porque disto depende a súa vida como xefa de bandidos. 

Pero a verdade é que ten suficientes razóns para sentir medo, as súas tropas non avanzan, os ucraínos liberan máis e máis localidades importantes, no interior de Rusia crece o descontento polas mobilizacións e a errada “operación militar especial”, sente a falta de recursos, o material bélico restitúese comprando en Irán e Corea do Norte…

Como a Putin gústalle ameazar con reaccións “adecuadas” e “simétricas”, acaba de recibir un golpe forte do presidente ucraíno Zelenskyi: Ucraína presentou a solicitude oficial de admisión á OTAN. Na situación actual, cando Ucraína loita con armas occidentais contra Rusia como unha antípoda da democracia e da liberdade, como un inimigo aberto da orde mundial e do dereito internacional, non poderá ser rexeitada pola OTAN e a alianza terá que defendela como a calquera dos seus afiliados.

Lamentablemente, antes de que se derrote á Rusia de Putin, que é o único fin real desta guerra, terá que morrer moita xente, militares e civís. Non se pode permitir que dure máis, porque é o que pretende conseguir Putin, porque é a súa última esperanza.