Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 26 de Abril de 2014 Ríos

Obama en Asia

A xira asiática que desenvolve esta semana o presidente Obama pretende marcar un punto de inflexión na relación con algúns dos seus principais aliados e coa rexión no seu conxunto. Obama visita Xapón, Corea do Sur, Filipinas e Malasia. Con ela pretende compensar a viaxe cancelada en outubro pasado polo peche do goberno estadounidense e será o seu quinto desprazamento á rexión desde que asumiu a presidencia. Esta é a primeira visita á rexión desde 2012.

Coa formulación da estratexia Pivot to Asia, a Casa Branca deu impulso a unha política de trascendental reequilibrio da súa acción exterior, consciente de que esta é a maior rexión emerxente do mundo. O seu propósito principal consiste en mellorar as alianzas, reforzar os vínculos coas institucións rexionais e afortalar as relacións a través do fomento dunha maior institucionalización do seu poder e influencia. Isto se traduce esencialmente en dous aspectos, o impulso nas demoradas negociacións sobre o Acordo Transpacífico (TPP, siglas en inglés) e os compromisos en materia de seguridade. Nos últimos anos, ademais de incentivar o aumento do gasto militar e a mellora das capacidades xerais de defensa, Washington mellorou notablemente as súas relacións na zona mesmo con países como Vietnam, Myanmar, India, etc., ampliando os seus vínculos cos aliados tradicionais (Xapón, Corea do Sur, Filipinas, Singapur ou Australia).

A visita é seguida con natural atención en China, especialmente no seu periplo por Xapón. Tokio espera de Obama (Clinton visitou Xapón en 1996) unha reafirmación da alianza bilateral e tanto o TPP como a seguridade son os dous grandes temas da axenda. Beijing tenta abrir fendas nesa relación privilexiada lembrando a Obama que as exhibicións de negacionismo histórico e as evocacións militaristas dos actuais lideres nipóns constitúen unha ameaza real para os intereses estadounidenses. Pero o certo é que as accións de Xapón, incluída a proposta de modificación constitucional do compromiso pacifista, non son alleas á estratexia de Washington.

A política de EUA cara a Asia-Pacífico baseouse en dous informes de 2000 e de 2007. O primeiro foi o Armitage/Nye, “The United States and Japan: Advancing Toward a Mature Partnership”, que xa propón a expansión do papel de Xapón e a aproximación a India, sen prexuízo dunha consideración asociada de China. En 2006 lanzou a Iniciativa Trilateral de Seguridade, incluíndo a Australia, coas súas primeiras manobras militares conxuntas en 2007. En novembro de 2005 promovera a Iniciativa EUA-ASEAN, incluíndo o Strategic Framework Agreement en seguridade e defensa, impulsando manobras militares conxuntas con Tailandia, Singapur e Xapón. As alianzas se complementaron co reordenamento de efectivos nalgunhas das súas bases militares.

O informe de 2007, “The US-Japan Alliance: Getting Asia right through 2020” salienta novamente o papel fundamental da alianza Washington-Tokio como alicerce da seguridade en Asia. EUA quere que Xapón sexa a Gran Bretaña do Afastado Oriente. Ambas capitais inciden na mellora do entendemento estratéxico con India, promovendo o seu estatus de gran potencia e o seu papel estratéxico na política asiática de EUA. Xapón acordou en xaneiro, durante a visita de Abe a Nova Delhi, realizar exercicios navais conxuntos de xeito permanente, ademais de concretar vendas de avións militares por primeira vez desde a II Guerra Mundial.

EUA xoga coa preocupacion de varios países da zona pola emerxencia de China e trata de conformar unha coalición de “equilibrio”. Esta reviste dúas formas. O TPP é unha proposta de carácter economico que lle vai permitir ganar influencia a través da imposición de políticas comerciais ultraliberais se ben atopa resistencias importantes, mesmo no propio Xapón onde o sector agrícola, especialmente, está altamente protexido. O TPP é a prioridade por razóns económicas pero tamén estratéxicas. A súa conformación, sen China –que aposta polo RCEP-, ofrecería un marco común e liderado por Washington a moitas das maiores economías da rexión plantando cara a Beijing.

En paralelo, fortalece os vínculos de seguridade no marco dun debate non resolto sobre a primacía das relacións de tipo bilateral ou a conformación a medio prazo dunha organización de defensa colectiva da rexión, tipo OTAN. Esta proposta xera controversia na propia Administracion Obama pois moitos consideran que entre os potenciais partícipes non existe confianza abondo para definir intereses e prioridades comúns e que o seu patrocinio acentuaría o antagonismo con China. Só unha forte ameaza hipoteticamente procedente do xigante asiático pode facer desparecer as desavinzas. Mentres esta non chega, ben valen os acordos ad hoc. Non é estraño entón que constantemente asistamos a esforzos por agrandar a ameaza planteada por China pois é clave para dar paso a unha alianza de seguridade na rexión baixo o liderado estadounidense. Ese foi o ton da recente visita pola zona do secretario de Defensa Chuck Hagel quen fixo fincapé no compromiso militar de EUA, motivando algún que outro desaire explícito dos altos mandos militares chineses. Washington ten máis de 50.000 soldados en Okinawa e Yokosuka fai de sede da Sétima Flota, desprega tropas en Australia, fortalece a súa presenza en Corea do Sur e debe asinar nesta xira con Manila un acordo para compartir bases en Filipinas, entre outros.

A dificultade desta estratexia estriba en que China, ademais de mellorar a marchas forzadas as súas capacidades en defensa, ten fortes lazos económicos coa maioría dos seus veciños e que pese ás tensións recentes, a economía e o comercio ou as infraestruturas son a punta de lanza da súa estratexia. Apoiándose nun TLC asinado con seis países da ASEAN que se ampliará a catro máis en 2015, e a negociación dun TLC en Asia oriental, China multiplica os seus intercambios comerciais, desenvolvendo ambiciosos proxectos para mellorar a conectividade da rexión e afondando os lazos estratéxicos con intercambios en materia política e de defensa.  Obviamente, unha acción temeraria nas illas Diaoyu-Senkaku, en disputa con Xapón, ou en Taiwan provocaría un notable cambio de percepción.

A ambiguidade chinesa é complementada por Corea de Norte, especialmente en Asia oriental. En medio de rumores sobre unha nova proba nuclear sorpresa de Kim Jong-un, o emisario chinés para o litixio, Wu Dawei, visitou Washington a pasada semana concluindo coa “ampliación do consenso” sobre a desnuclearización da península, nun novo xesto de distanciamento do actual liderado norcoreano. En paralelo, Xi Jinping, premido e adiantándose ás esixencias de Obama dunha maior impliación na contención de Pyongyang, amosou á presidenta surcorena o compromiso de China coa seguridade na península.

A dobre proposta que inspira o Pivot to Asia combina multilateralismo económico e bilateralismo militar e trata de vincular a rexión a unha orde encabezada por EUA, asegurando a preservación do seu liderado e oscilando polo momento entre contrarrestar a China ou contela. As preocupacións de China van en aumento.

Obama non se vai distraer en Ucraina nin en Siria. O beneficio por valor de miles de millóns de dólares das multinacionais estadounidenses xógase en Asia. Ese plan de negocio se complementa coa defensa do statu quo en materia de seguridade, alimentando o discurso de que Beijing quere desfacer lentamente a orde rexional.EUA trata así de contrariar a idea do seu declive plantando cara a China, o seu principal rival estratéxico. A súa diplomacia aspira a crear unha rede de alianzas que protexa en Asia os seus intereses nun exercicio similar ao partenariado transatlántico.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais