Obiang na CPLP

O polémico ingreso de Guinea Ecuatorial como membro pleno da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) durante o X Cumio de Xefes de Estado e de Goberno deste organismo efectuado a finais de xullo en Dilli (Timor Leste), merece unha reflexión sobre os motivos xeopolíticos contidos detrás desta decisión. Alcanzar o status de país observador a membro pleno da CPLP supón obviamente un triunfo diplomático para o réxime de Theodoro Obiang, no poder desde 1979. Ó mesmo tempo, este ingreso constitúe a primeira ampliación da CPLP desde a súa creación en 1996 fóra do contexto que supón o mundo lusófono. Se ben o portugués ten rango de idioma oficial en Guinea Ecuatorial ademais do francés, o castelán segue a ser a lingua predominante.

Apartados xeográficos África
Palabras chave CPLP Guinea Ecuatorial
Idiomas Galego

O polémico ingreso de Guinea Ecuatorial como membro pleno da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) durante o X Cumio de Xefes de Estado e de Goberno deste organismo efectuado a finais de xullo en Dilli (Timor Leste), merece unha reflexión sobre os motivos xeopolíticos contidos detrás desta decisión. Alcanzar o status de país observador a membro pleno da CPLP supón obviamente un triunfo diplomático para o réxime de Theodoro Obiang, no poder desde 1979. Ó mesmo tempo, este ingreso constitúe a primeira ampliación da CPLP desde a súa creación en 1996 fóra do contexto que supón o mundo lusófono. Se ben o portugués ten rango de idioma oficial en Guinea Ecuatorial ademais do francés, o castelán segue a ser a lingua predominante.

Detrás deste ingreso ecuatoguineano saliente claramente o rol xogado polo factor petroleiro, particularmente pola presión dentro da CPLP exercida por Brasil e Angola. Todo iso a pesar de que o réxime de Obiang vese constantemente acusado dende o exterior por manter un sistema ditatorial, na que as violacións dos dereitos humanos, a aplicación da pena de morte e presuntos delictos económicos e financeiros cobran intensidade. Esta realidade contradín a declaración fundacional da CPLP, que prohibe a inclusión de réximes represivos que manteñan a pena de morte na súa xurisdición(1).

Como era de esperar, o ingreso de Guinea Ecuatorial provocou unha forte polémica na opinión pública portuguesa, en particular contra o primeiro ministro Pedro Passos Coelho, sendo encabezada polo propio presidente portugués, o conservador Aníbal Cavaco Silva, así como diversos líderes e organizacións do exilio político ecuatoguineano. Outra das voces críticas foi o ex presidente de Timor Leste, José Ramos-Horta, actualmente enviado da ONU para Guinea Bissau, outro membro da CPLP. Non obstante, Ramos-Horta confiou en que o organismo lusófono poida exercer presión política sobre Obiang para levar a cabo reformas políticas democráticas.

En perspectiva, este ingreso na CPLP lle permite ao réxime de Obiang ampliar os seus marcos de lexitimidade de cara aos organismos internacionais e de diminución do seu illamento exterior (2), un factor xa anteriormente posibilitado desde mediados da década de 1990, cando as principais multinacionais petroleiras, en especial  ExxonMobil, Total e as españolas Repsol e Fenosa, comezaron a instalarse en Malabo a tenor da bonanza petroleira guineana. Actores ao que hai que engadir o peso chinés no sector do gas natural ecuatoguineano.

Con todo, fontes oficiais do goberno ecuatoguineano advirten que as reservas petroleiras do país poderían diminuír ou desaparecer ó redor do 2030(3), apostando por un proceso de diversificación económica onde os investidores internacionais comezan a observar con interese. Tras Nixeria e Angola, Guinea Ecuatorial é o terceiro produtor africano de petróleo, con 1.100 millóns de reservas probadas (2011) e unha produción aproximada de 360.000 barrís diarios. O sector petroleiro ocupa máis do 90% do PIB nacional, desprazando radicalmente a outros sectores como a madeira e o cacao. Non obstante, critícase dende o exterior o desigual reparto desta riqueza petroleira, a cal beneficia ás elites no poder mentres máis dun 70% da poboación ecuatoguineana viva na pobreza.

Así e todo, non se debe desestimar que a polémica suscitada polo ingreso de Guinea Ecuatorial na CPLP igualmente involucra a outros actores como España. Previo ao cumio en Timor Leste, o presidente do goberno español, Mariano Rajoy, visitou a Obiang en Malabo, con motivo do XXIII Cumio da Unión Africana, constituíndo a primeira visita desde 1991 realizada á ex colonia española por parte dun alto representante do goberno español. A comezos de ano, Obiang veuse envolto en fortes polémicas pola súa conferencia no Instituto Cervantes de Bruxelas e a súa asistencia en Madrid con motivo do funeral do ex presidente Adolfo Súarez.

Se ben España alberga unha nutrida comunidade ecuatoguineana así como a representantes do seu exilio político, os intereses enerxéticos españois, así como do seu sector da construción, observan a Guinea Ecuatorial como un destino atractivo para os seus investimentos, en particular tomando en conta a explosión da burbulla inmobiliaria e a crise deste sector en España. Non se debe igualmente esquecer que EUA (cun 31%) e China (12%) anteceden a España (8%) como principais destinos de exportación petroleira por parte de Guinea Ecuatorial(4).

Todo isto gravita na contestada decisión da CPLP, na que a realpolitik gañou un pulso principalmente motivado polos intereses enerxéticos e comerciais de Brasil e Angola. Con todo, está por ver cal será a capacidade de influencia política da CPLP á hora de admitir a Guinea Ecuatorial como membro pleno, particularmente en materia de democracia e de dereitos humanos así como no seu marco de cooperación cultural(5).

Debe igualmente observarse en qué medida o réxime de Obiang utilizará este evidente triunfo diplomático como mecanismo de lexitimación e fortalecemento do seu criticado sistema político, un factor que non semella preocupar aos intereses das multinacionais enerxéticas. Está entón por ver se o ingreso ecuatoguineano na CPLP suporá un inevitable exercicio de realpolitik ou se máis ben, polo contrario, definirá un preocupante precedente.

 

 

           



(1) Ver QUEIROZ, Mario, “Petróleo abre la puerta de comunidad lusófona a Guinea Ecuatorial”, Inter Press Service en español, 23 de xullo de 2014. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2014/07/petroleo-abre-las-puertas-de-comunidad-lusofona-a-guinea-ecuatorial/ Consultar tamén: “Os valores da CPLP são quotidianamente violados na Guiné Equatorial”, entrevista a Pedro Krupenski, presidente da Plataforma de ONGs portuguesas ao desenvolvemento, en diario Público (Portugal), 27 de marzo de 2014. Ver en: http://www.publico.pt/politica/noticia/os-valores-da-cplp-sao-quotidianamente-violados-na-guine-equatorial-1629974

(2) Con anterioridade, Obiang tentou consolidar a Guinea Ecuatorial como país membro da órbita da francofonía así como do mundo ibérico, toda vez París e Madrid progresivamente foron obstaculizando este eventual ingreso. Nos derradeiros anos, Obiang esforzouse en activar os mecanismos diplomáticos orientados a diminuír o illamento exterior ecuatoguineano, co beneplácito de gobernos e investidores de EUA, Marrocos, Israel, Brasil e incluso España. Ver: “Apoios a Malabo crescen con interesses e negócios”, Diario Público (Portugal), 6 de xullo de 2014. Ver en: http://www.publico.pt/mundo/noticia/as-razoes-dos-apoios-a-malabo-1661702

(3) BIAHUTE CHEBÁ, Alfonso; “Las reservas petroleras de Guinea Ecuatorial disminuirán o desaparecerán de aquí al 2030”, La Gaceta de Guinea, http://www.lagacetadeguinea.com/122/06.htm

(4) Segundo estatísticas da U.S Energy Information Administration, sección Guinea Ecuatorial: http://www.eia.gov/countries/cab.cfm?fips=ek. Para 2010, España ocupaba o segundo lugar, co 14% das exportacións petroleiras ecuatoguineanas, por detrás de EUA (29%), China (7%) e Brasil (6%).

(5) Tras oficializarse o seu ingreso no cumio de Dilli, Obiang anunciou a próxima creación dun centro de estudos multidisciplinar de expresión portuguesa dedicado á CPLP. Máis información, “Obiang: Guiné Equatorial vai criar centro de estudos de expressão portuguesa”, Jornal de Negócios (Portugal), 23 de xullo de 2014. Ver en: http://www.jornaldenegocios.pt/economia/detalhe/obiang_guine_equatorial_vai_criar_centro_de_estudos_de_expressao_portuguesa.html