Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 15 de Xaneiro de 2015 Mansilla Blanco

Occidente, ŷihād e islamofobia

A primeira portada do semanario satírico Charlie Hebdo unha semana despois dos atentados terroristas contra a súa sede.

Pouco despois dos atentados terroristas que sacudiron a París a semana pasada, a Rede Europea contra o Racismo (ENAR polas súas siglas en inglés), con sede en Bruxelas, advertiu nun comunicado sobre a posibilidade de “estigmatización das comunidades musulmáns en Francia (…) especialmente dado ante o actual clima antimusulmán en Europa”. Esta sensación non é nova, mais ben supón unha ampliación, con frecuencia polémica e preocupante, sobre as complexas percepcións existentes dentro da opinión pública occidental sobre o Islam e, particularmente, sobre o islamismo político, as súas causas e a súa heteroxénea expresión.

Neste sentido, Europa observa actualmente a polarización de manifestacións e expresións públicas, contextualizadas con reaccionarias medidas gobernamentais, pulsadas dentro da delicada liña que separa as discusións sobre as liberdades, a tolerancia e a integración das comunidades inmigrantes de orixe musulmán. Compre neste apartado observar a intransixencia manifestada na proliferación de movementos fortemente reaccionarios que potencian síntomas de islamofobia e confrontación cultural, como é o caso da recente aparición en Alemaña da formación Patriotas Europeos contra a Islamización de Occidente (PEGIDA en alemán)(1), con redes de simpatías e conexión establecidas noutros países europeos.  

A recente reactivación dunha vaga de atentados por parte de diversas células pertencentes ao fenómeno comunmente denominado como “terrorismo ŷihādista(2) intensifica estes problemas de comprensión sobre o islamismo político, os seus orixes, a complexidade da súa natureza e o seu impacto nun mundo musulmán convulsionado por seculares conflitos históricos, enmarcados dentro do sectarismo relixioso e político, pero claramente atizados e mobilizados pola penetración imperialista occidental acaecida nos territorios de Dar al-Islam(3) desde mediados do século XIX.

O debate histórico: imperialismo occidental, nacionalismo e panislamismo

Unha radiografía sucinta (e polo tanto, moi probablemente incompleta) sobre a fenomenoloxía política existente en torno ao islamismo, suxire observar en qué medida os factores externos, particularmente a política occidental cara o mundo árabe e musulmán,  influíron e determinaron na concreción, lexitimación e expansión da ideoloxía política islamita, abarcando incluso a perspectiva violenta e radical procreada polos movementos ŷihādistas, así como a utilización do terrorismo como móbil político e de difusión da súa mensaxe.

Con todo, dende a perspectiva occidental é comunmente aceptado o argumento sobre as presuntas raíces intrínsecas de radicalización dentro do Islam, así como a súa configuración nunha diversidade de movementos cualificados dentro do espectro do islamismo político. Nesta perspectiva, o islamismo político xa viría configurado na xénese do wahhabismo(4) a finais do século XVIII na península arábiga. Con todo, e a pesar de ser relixión oficial no reino saudita, a irradiación do wahhabismo segue a ser minoritaria dentro do ámbito musulmán, a pesar de haber traspasado as fronteiras territoriais da península arábiga, particularmente de cara ao sub-continente indio.

Observando a precariedade da irradiación exterior do wahhabismo, esta perspectiva foi absolutamente diferente das ideas emanadas do activista político persa Sayyid Jamāl al-Dīn al-Afghānī (1838-1897), considerado probablemente como o precursor das ideas do nacionalismo islámico e do panislamismo. Ambos conceptos foron precisamente concibidos a partir da presión e penetración occidental dentro do mundo islámico, particularmente de cara ao Imperio otomán e o seu espazo contiguo, en gran medida identificada pola invasión napoleónica de Exipto (1798)(5), da expansión das ideas revolucionarias e da modernidade europea e, principalmente, no pulso establecido polo denominado “Gran Xogo” xeopolítico que desde mediados do século XIX confrontaron a Gran Bretaña e Rusia polo control de espazos de poder dentro do mundo islámico, principalmente en Asia Central, Persia e a India.

Ao contrario do wahhabismo, a influencia de al-Afghani resultou moito mais decisiva na conformación das futuras elites intelectuais, culturais e políticas que progresivamente foron ascendendo dentro do mundo musulmán desde finais do século XIX, principalmente en Turquía e Exipto.

A pesar do seu fervor relixioso, al-Afghani entendeu a necesidade de compatibilizar as ideas de modernización occidental cos preceptos relixiosos islámico, sen pretender instaurar unha concepción de carácter teolóxico. Neste sentido, as ideas de al-Afghani defendían a necesidade dun reformismo relixioso, cultural e político dentro do mundo islámico(6), incluso adoptando referencias laicas na definición das ideas dun nacionalismo islámico e do panislamismo claramente establecidos como mecanismos de defensa contra a presión e progresiva penetración imperialista occidental. Neste sentido,

(…) Al-Afghani estaba convencido de que, al menos que los musulmanes tomaran medidas enérgicas, la comunidad musulmana (umma) pronto dejaría de existir. No había tiempo que perder. Los imperialistas europeos eran cada día más poderosos y en un breve tiempo el mundo islámico sería invadido por la cultura occidental(7)

Con intensidade dispar, estas ideas exerceron influencia en círculos políticos e intelectuais dentro do Imperio otomán, Persia, a India e o Exipto convertido en protectorado británico a partir de 1882, contribuíndo á xénese de procesos de afirmación nacionalista política e relixiosa como foron, entre outros, o nacionalismo turco, principalmente co movemento dos Mozos Turcos que tomou o poder na fase final do Imperio otomán (1908-1918), así como na xénese da actual República turca instaurada a partir de 1923 con Mustafá Kemal Atatürk; e a creación, a partir de 1928, da Irmandade Musulmán(8) como referencia histórica do islamismo político.

Contemporáneo á expresión do ideario panislamista de al-Afghani, compre mencionar o impacto que tiveron en diversos sectores do mundo islámico, as ideas reformistas e de adaptación ao Islam da racionalidade e da modernidade occidental establecidas polo escritor exipcio Rifah al-Tahtawi (1801-1873)(9).

Se ben manifestou determinadas críticas cara este proceso, al-Tahtawi era un decidido admirador da modernidade occidental como portadora do “progreso”, un exemplo presuntamente a seguir para unhas sociedades musulmáns das que el mesmo cuestionaba polo seu “anquilosamento” e inalterable tendencia á tradición. Deste xeito, al-Tahtawi pretendeu erixir un sistema visionario de reformismo relixioso e político, orientado eventualmente a compatibilizar a racionalidade occidental coa islámica, sen decatarse da paralela sensación da angustia, percibida por al-Afghani e os seus simpatizantes en canto á eventual “invasión cultural occidental” e a súa respectiva hostilidade.

Por tanto, a contemporaneidade e progresiva polarización das ideas e pretensións establecidas por ideólogos como al-Afghani e al-Tahtawi confirman un ámbito de reforma que comezaba a operarse nun mundo islámico cada vez mais suxeito aos preceptos e designios da expansión imperialista occidental, neste caso europea.

Estes obxectivos cobraron forma coa paulatina desmembración política e territorial do Imperio otomán establecido a partir do reparto colonial entre Francia e Gran Bretaña (Siria, Iraq, Xordania, Palestina, Líbano) definido nos acordos Sykes-Picot (1916), sumado á dominación colonial británica na India e a súa progresiva influencia (con variables de submisión política) nos asuntos de Exipto, Persia (reconvertida en Irán a partir de 1922) e da península arábiga (principalmente trala constitución do reino saudita a partir de 1932).

Nun contexto de cambios e de penetración exterior, estes acontecementos exerceron unha influencia claramente decisiva na articulación de expresións de afirmación de identidades dentro do mundo musulmán, en particular nos casos da conformación do nacionalismo árabe (principalmente a partir da rebelión árabe de 1916 contra o dominio otomán) e posteriormente do islamismo político (especialmente trala creación da Irmandade Musulmán a partir de 1928) con todas as súas heteroxéneas variables. Estes factores cobraron forma principalmente trala descolonización europea a partir de 1945 e a posterior constitución do Estado de Israel en 1948.

Dende entón, o mundo islámico comezou a experimentar unha dinámica sumamente heteroxénea en canto á composición política e relixiosa dos seus respectivos movementos de liberación nacional e de afirmación nacional e estatal, contextualizada polos acontecementos políticos derivados do proceso de descolonización europea, da conformación dos seus respectivos Estados nacionais, da deposición en algúns casos do Ancien Régime de carácter monárquico (Exipto en 1952, Irán en 1979), e dos conflitos sectarios (relixiosos, étnicos, tribais) existentes dentro dos países e comunidades islámicas. Estes factores foron igualmente determinados pola profusión dos intereses occidentais enmarcados no contexto xeopolítico da “guerra fría”, da confrontación bipolar entre EUA e a URSS e progresivamente dos intereses enerxéticos.

Cunha descolonización política en marcha, o mundo islámico e, especificamente Oriente Próximo, afrontou este proceso de afirmación da súa identidade así como de reacción ante a constante penetración occidental, a través políticas autóctonas, como os intentos de nacionalización do petróleo no Irán da dinastía Pahlevi, establecidos polo primeiro ministro Mossadegh (posteriormente deposto por presión occidental en 1953); a recuperación do control da Canle de Suez a través da guerra de 1956, como expresión de reivindicación por parte do nacionalismo árabe de carácter nasserista(10); e da ilexitimidade e constante confrontación contra o Estado de Israel, observado no imaxinario popular árabe e musulmán como unha especie de “reprodución” do imperialismo occidental, tomando en conta o apoio de EUA e Europa ao nacente Estado israelí.

O islamismo político e Occidente

O espertar político do mundo islámico, motorizado trala descolonización franco-británica da posguerra, intensificou un clima de polarización e confrontación interna que, paralelamente, espallou os conflitos e contrastes de carácter político, relixioso e sectario existentes dentro do propio mundo musulmán, particularmente en canto aos modelos políticos a seguir.

Neste contexto, o reforzamento da penetración occidental, principalmente impulsada por EUA, expresouse a través do seu apoio a Israel e á conformación dunha rede de alianzas dentro do mundo islámico a través de diversas autocracias políticas, sexan de carácter republicano (Exipto, Tunisia, Paquistán) e monárquico-teocrático (Arabia Saudita, Marrocos, Xordania, emiratos do Golfo Pérsico).

A polarización existente de cara aos modelos autóctonos de nacionalismo e socialismo panárabe así como do islamismo político, radicalizaron o ambiente político do mundo árabe e musulmán, contexto igualmente determinado pola política occidental establecida tanto durante a “guerra fría” (1947-1991) como durante a etapa da “posguerra fría”, especialmente trala invasión iraquí de Kuwait (1990) e a posterior ofensiva da coalición internacional conformada por Washington durante a denominada primeira guerra do Golfo Pérsico (1991) contra o réxime de Saddam Hussein.

En diversas etapas, esta polarización de modelos alterou os heteroxéneos e frecuentemente hostís canais de relación entre o mundo islámico e as potencias occidentais, neste último caso particularmente dirixidas pola potenciación de Washington e das súas alianzas “atlantistas” con Europa (OTAN, OSCE, Unión Europea), así como a través doutros sistemas de alianzas xeopolíticas, presentes pero constantemente alteradas polos conflitos existentes dentro do mundo musulmán.

Con diversas variantes, o mundo musulmán “post-descolonización” presentou unha heteroxénea polarización de modelos políticos (republicanos, monárquicos, teocráticos) nos que os movementos islamitas e panislamitas comezaron a cobrar forza como expresións de “liberación” contra o predominio das elites gobernantes e das súas alianzas con Occidente. Nesta perspectiva, o influxo do islamismo político establecido polo modelo da Irmandade Musulmá atopou eco a través de diversos movementos afíns no Magreb (Exipto, Tunisia, Alxeria, Marrocos) e Oriente Medio, principalmente en Siria, Palestina, Líbano, Turquía, Xordania e Península Arábiga.

Este modelo islamita, comunmente identificado como “moderado” aínda que igualmente albergaba sectores mais radicais influídos polas ideas do teórico Sayyid Qotb(11), permitiu configurarse como unha alternativa política así como de asistencia social (a través das súas confrarías relixiosas), principalmente orientada cara as clases populares así como de novas clases medias que ansiaban alcanzar cotas de reforma, participación política e ascenso social dentro de réximes autocráticos e ditatoriais principalmente aliados de Occidente.

Identifícanse así a réximes autocráticos como o  Exipto de Hosni Mubarak, a Tunisia de Ben Alí, Paquistán, Arabia Saudita e as monarquías do Golfo Pérsico (Emiratos Árabes Unidos, Catar, Bahrein) así como Turquía, un socio da OTAN cuxa estrita posición pro-occidental foise paulatinamente esvaecendo coa chegada ao poder en 2003 do actual goberno islamita de Recep Tayyip Erdogan e do Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP polas súas siglas en turco), considerado unha expresión do islamismo político da Irmandade Musulmá exipcia.

Durante décadas, en un contexto de “guerra fría” e de contención cara calquera manifestación opositora, especialmente islamita e con maior dimensión tralo triunfo da revolución iraniana (1979), a represión, marxinalización e constante ilegalización destes partidos islamitas agostaron calquera pretensión de democratización e de ampliación dos dereitos políticos e das liberdades en réximes políticos posteriormente sacudidos pola denominada Primavera árabe desde 2011, sendo os casos mais emblemáticos os de Exipto e Tunisia, onde a Irmandade Musulmá e outros partidos islamita chegaron ao poder a través de eleccións democráticas.

Neste sentido, o islamismo político converteuse no actor mais beneficiado dunha incerta e polarizada Primavera árabe, exercendo presión para dar curso a reformas políticas democráticas en países con réximes de marcado carácter autocrático (Marrocos, Alxeria, Xordania). O avance do islamismo político “moderado” inserido no sistema político de diversos países árabes foi unha consecuencia colateral dunha Primavera árabe que alterou a tradicional política occidental de “dobre raseiro” co respecto ao Oriente Medio e o mundo islámico.

Con todo, o contexto actual “post-Primavera árabe” define unha parálise dos cambios políticos, en gran medida motivados polas ambigüidades de intereses e de decisións co respecto a determinados conflitos (guerra civil siria, caos en Libia trala caída do réxime de Gadafi), así como da reactivación das forzas reaccionarias, atizadas polas elites do establishment e as súas conexións con Occidente, con especial incidencia na represión en Bahrein (2011), no reforzamento da cooperación militar coas monarquías do Golfo Pérsico e, principalmente, co golpe militar en Exipto (xullo de 2013) contra o goberno da Irmandade Musulmá, que deu paso ao contexto actual de retorno da persecución e represión contra os movementos islamitas e outros de carácter opositor.

O “ŷihādismo salafista”

No ámbito do islamismo político, a súa heteroxénea configuración veuse constantemente  polarizada e redimensionada pola súbita aparición doutras alternativas, algunhas delas de carácter máis radical, á hora de aplicar a vixencia e preeminencia da lei islámica, a Šaři’a(12), así como de manifestar a súa rebelión e resistencia cara a “occidentalización” e o predominio do establishment existente no mundo islámico, acusadas de “afastarse” do “camiño correcto” trazado polo Corán e a relixión.

Moitos deles adscritos ao credo radical de Qotb, estas alternativas tiveron especial repercusión a través do modelo impulsado pola revolución islámica en Irán desde 1979 (con especial incidencia dentro da comunidade xiíta) así como da diversidade de movementos mujahiddín que loitaron contra a invasión soviética en Afganistán (1979-1989), entre cuxo xerme proliferou a rama integrista ŷihādista salafista(13).

Así, o panorama do islamismo político dentro do mundo musulmán ampliou o seu radio de configuración e de actuación de diversas manifestacións de movementos integristas (Hamás, Hizbulá, Yihad Islámica, Brigadas Mártires de Al Aqsa, Abu Sayyaf, Jemaah Islamiya, redes de Al Qaeda en Iraq, Magreb e península arábiga), con cada vez maior arraigo popular en diversos escenarios (Siria, Xordania, Palestina, Líbano, Indonesia, península arábiga, Filipinas)

Se ben é pertinente considerar a preeminencia das raíces intrínsecas do ŷihādismo salafista como motor ideolóxico e alternativa política integrista para os países islámicos, o seu fortalecemento e expansión en diversos contextos foi un efecto directo da política occidental cara o mundo islámico, en particular tralos conflitos acaecidos tralo 11/S en Afganistán (2001), Iraq (desde 2003), Siria, Iemen e Libia (desde 2011), entre outros.

Tanto como o efecto emocional e simbólico que confire o tema palestino dentro do mundo islámico, non se debe menoscabar o exemplo de Alxeria tralo ascenso político e electoral de movementos integristas como a Fronte Islámica de Salvación (FIS), que tras gañar as eleccións lexislativas de 1992 foi descoñecido o seu triunfo electoral por parte do establishment e as Forzas Armadas alxerinas a través dun golpe militar que contou coa complicidade occidental (principalmente francesa) e que deu paso a unha década de cruenta guerra civil (1992-2002) e á aparición de movementos terroristas como o Grupo Islámico Armado (GIA).

Coa xénese na guerra de Afganistán contra a invasión soviética, resulta palpable observar o efecto colateral producido polo apoio financeiro e loxístico de aliados occidentais como Arabia Saudita e Paquistán(14) cara estes grupos integristas do ŷihādismo salafista, os cales progresivamente foron conformado outras redes terroristas como Al Qaeda e o actual Estado Islámico (ISIS polas súas siglas en inglés), unha escisión do inicial grupo de Al Qaeda en Iraq.

Baixo o amparo territorial que lle confería o réxime Talibán(15) en Afganistán, a aparición operativa da rede Al Qaeda a partir de 1988(16) e a súa proclamación dunha ŷihād contra Occidente ilustrou a perspectiva de conformación dunha rede terrorista global con enorme capacidade de actuación, tal e como se observou cos atentados terroristas en Tanzania e Quenia (1998) e do buque USS Cole nunha base estadounidense en Iemen (2000), preludio do posterior 11/S de 2001.

Neste perspectiva, e se ben as raíces do ŷihādismo salafista, da hostilidade antioccidental e do integrismo relixioso como móbil político xa existían en diversos movementos e actores islámicos (aínda que compre mencionar que de carácter  minoritario), a súa recente e acelerada expansión global debeuse notablemente á errática e intromisiva política occidental,  e particularmente estadounidense, de cara ao mundo musulmán.

O radio de actuación punitiva de Washington e dos seus aliados occidentais e incluso dentro do mundo árabe, focalizouse en erradicar as fontes do ŷihādismo salafista no corazón de Asia Central (Afganistán) e Oriente Próximo (Iraq), sen decatarse (ou ben obviando intencionadamente) que as mesmas estarían mais ben establecidas en países aliados dentro da súa visión xeopolítica, como son os casos de Paquistán, Arabia Saudita e incluso Exipto, os cales gozan do apoio financeiro, militar e loxístico de Washington(17).  

Con isto, a “guerra contra o terrorismo” impulsada polo ex presidente George W. Bush e os seus aliados árabes e occidentais desde 2011, así como as violacións á legalidade internacional e o sistema de defensa dos dereitos humanos trazadas polas políticas de Washington (Iraq, Guantánamo, Abu Graib, voos ilegais da CIA) exerceron igualmente unha influencia decisiva na radicalización e expansión dunha heteroxénea rede de movementos integristas e terroristas, cuxa potenciación antes e principalmente despois do 11/S deron paso á configuración dalgúns dos peores atentados terroristas da historia, entre os que destacan os do buque USS Cole en Iemen (2000), Riad e Bali (2002), Mumbai, Istambul e Casablanca (2003), Madrid (2004) e Londres (2005), entre outros.

Europa e a islamofobia

En Europa habitan pouco mais de 20 millóns de musulmáns. A porcentaxe de poboación musulmá nun país como Francia supera o 7,5% da súa poboación total. En perspectiva global, son mais de tres xeracións de musulmáns que habitan en Europa, principalmente en países como Alemaña, España, Francia, Austria, Suecia, Suíza, Gran Bretaña, Italia, Holanda ou Bélxica, contribuíndo non só ao seu desenvolvemento económico e industrial senón a configurar un mosaico étnico, social, cultural e relixioso enmarcado nun contexto sumamente heteroxéneo e diverso.

Con todo, a discusión sobre a integración da comunidade musulmá en Europa segue a ser un tema pendente para as políticas públicas e as interrelacións societarias, tanto como un preocupante asunto de carácter político e social, que aumenta a súa intensidade no actual contexto de crise socioeconómica, de proliferación de células ŷihādistas, particularmente no aspecto de captación de militantes, e de expresións reaccionarias de carácter xenófobo e extremista.

Dentro do novo perfil terrorista ŷihādista, os medios de comunicación constantemente argumentan o feito de que os seus militantes son cidadáns europeos, principalmente provenientes de clases medias e populares afectadas pola crise económica, e seducidos pola proliferación da fanática ideoloxía salafista a través dunha efectiva rede de transmisión O seu móbil operativo identificaría unha presunta “individualización” do seu accionar, unha especie de “lobo solitario” que retrotrae simbolicamente a experiencia do terrorismo anarquista que viviu Europa a finais do século XIX.

Con todo, e se ben as sociedades europeas e a comunidade inmigrante musulmá están esforzándose por atopar puntos de encontro a través das recentes e multitudinarias manifestacións, así como da aparición de manifestos por parte de diversas personalidades públicas europeas, a favor da tolerancia, da defensa da liberdade relixiosa e da comunidade musulmá que se han presentado en Francia e Europa desde a aparición da PEGIDA e tralos recentes atentados de París, o problema da islamofobia(18) segue a ser recorrente, obstaculizando calquera política efectiva de integración.

Neste sentido, as raíces do problema non semellan atoparse única e exclusivamente na proliferación das redes ŷihādistas salafistas senón na situación de integración e interacción social dunha comunidade inmigrante fortemente polarizada polos seus contrastes políticos, ideolóxicos e relixiosos, polas secuelas das carencias de políticas públicas efectivas para a súa integración, da precariedade laboral e situación socioeconómica, e do avance de movementos populistas, xenófobos e de extrema dereita.

 

 

 



(1) Orixinario da localidade de Dresde, o movemento Patriotas Europeos contra a Islamización de Occidente (en alemán Patriotische Europäer gegen die Islamisierung des Abendlandes, PEGIDA) probablemente configúrase como o principal actor de carácter europeo en activar protestas e manifestacións contra a inmigración musulmá e ante a presunta “islamización” da cultura europea. Operativo en manifestacións desde outubro de 2014, a súa presenza ven sendo prolífica desde comezos de 2015, con especial incidencia tralos atentados contra o semanario francés Charlie Hebdo o pasado 7 de xaneiro. Entre as formacións europeas que amosaron as súas simpatías cara PEGIDA estarían a Fronte Nacional francesa, a Liga Norte italiana, os Demócratas suecos, a UKIP británica, a Alternativa por Alemaña, o Vlaams Belang flamenco e o Partido pola Liberdade neerlandés, todas elas de coñecida adscrición xenófoba e de extrema dereita. A declaración institucional da Rede Europea contra o Racismo (ENAR), pode consultarse a través do enlace: http://www.enar-eu.org/Charlie-Hebdo-killings-in-France.

(2) Probablemente, o concepto da ŷihād sexa o que maior incomprensión, ambigüidade, controversia e polémica se identifica desde a perspectiva occidental. Constantemente traducido como “guerra santa”, a concepción árabe da ŷihād fai referencia orixinariamente ao “esforzo” (“contra as pasións”), sen figurar entre os cincos piares do Islam. A literatura occidental sobre o Islam frecuentemente identifica a este concepto como estratéxico e clave para definir a expansión política e relixiosa do Islam desde a súa aparición no século VII, cando a concepción orixinal islámica conceptualiza o termo como a obriga de cada musulmán para “defender ao Islam contra o grave perigo exterior” así como para “propagar esta relixión entre os non creíntes”. Estas mesmas perspectivas occidentais sobre o termo frecuentemente compatibilizan á ŷihād co concepto de mujahiddín, literalmente “combatente”, e que foi popularizado en Occidente trala invasión soviética de Afganistán en 1979. Nesta perspectiva, reprodúcese con frecuencia a presunta percepción de que se os mujahiddíns que morren durante a ŷihād, teñen garantido o acceso ao “Paraíso”, identificando con isto as presunta raíces de fanatismo relixioso existentes dentro do Islam. Para maior referencia, consultar THORAVAL, Yves e ULUBEYAN, Gari, El Islam. Un mosaico de culturas, Biblioteca Actual Larousse, 2003.

(3) Literalmente “a Terra do Islam”, tamén definido como a “Casa do Islam”. Fai referencia aos territorios onde o Islam exerce a súa preeminencia política, cultural e relixiosa. A penetración occidental en Dar al-Islam, particularmente por parte de Gran Bretaña, Rusia e Francia, comezou a intensificarse desde mediados do século XIX na pretensión por desestabilizar e posteriormente desmembrar ás estruturas de poder musulmás, especialmente identificadas no Imperio otomán, sen menoscabar a ampliación desta penetración noutros ámbitos xeopolíticos, como foron a invasión napoleónica de Exipto (1798), os efectos da colonización británica da India (territorio onde habita unha das mais numerosas comunidades islámicas do mundo) e do pulso xeopolítico británico e ruso en Asia Central e Persia establecido desde mediados do século XIX. Compre por tanto observar cómo estes acontecementos influíron no imaxinario colectivo do mundo musulmán á hora de percibir unha ameaza e agresión contra os seus valores, particularmente nunha conxuntura establecida polo pulso constante entre a tradición e a reforma, esta última principalmente enfocada na imitación dos valores modernos occidentais nas sociedades islámicas, e cómo as mesmas foron aproveitadas pola penetración imperialista occidental.

(4) Creada polo reformador Sheikh ul Islaam Muhammad ibn ´Abd al-Wahhab Kirgiz (1703-1792), o wahhabismo corresponde a unha corrente relixiosa dentro da comunidade sunnita, maioritaria no mundo islámico, politicamente apoiada por Muhammad Ibn Saud, fundador dinastía al-Saud, e converténdose progresivamente como doutrina oficial do actual Reino de Arabia Saudita. O wahhabismo bebe as súas raíces da escola hanbalí, fundada por Ahmed Ben Hanbal (780-855), e que forma parte das catro escolas do Islam sunnita (hanafita, malequita e chafita), correspondendo a unha visión rigorosa e asceticamente interpretativa dos textos sagrados do Corán, absolutamente iconoclasta, negadora de calquera interpretación coránica así como da representación de imaxes creadas polo ser humano e, principalmente, daquelas relacionadas co Profeta Mahoma, un aspecto que reforzaría o móbil daqueles ŷihādistas e sectores radicais que condenan as representacións e imaxes do Profeta en medios de comunicación. Sobre o wahhabismo, consultar El Islam. Un mosaico de culturas, op.cit.  

(5) Como suceso histórico, a invasión napoleónica de Exipto posúe unha incidencia simbólica no que se ten denominado como a escola do “Orientalismo”, identificada como a representación do Islam a través da óptica, das imaxes e das percepcións occidentais, a miúdo cargadas de exotismo e sedución, e cuxa influencia na cultura europea decimonónica estivo determinada polas obras de pintores como Eugène Delacroix e escritores como Lord Byron e Pierre Löti. O “Orientalismo” ampliou o seu radio de influencia a través das cátedras de estudos orientais existentes en universidades europeas, implicando unha perspectiva de aproximación ao estudo do Islam, de Oriente Próximo, do Imperio otomán, de África e de Asia que moitas veces foi da man dos intereses xeopolíticos do imperialismo europeo, así como de lexitimación da súa penetración cultural neses territorios. No século XX, e xa desde unha perspectiva académica, o “Orientalismo” aumentou a súa influencia, principalmente en universidades estadounidenses, a través de autores como Albert Hourani e Bernard Lewis, entre outros. O escritor de orixe palestino Edward Said (1953-2003) analizou este fenómeno nas súas obras célebres Orientalismo (1978) e Cultura e Imperialismo (1993).   

(6) Unha visión esclarecedora e amplamente recomendable sobre as ideas e a influencia de al-Afghani no mundo islámico, así como na posterior xénese do islamismo político a mediados do século XX, pode observarse no capítulo “La extraña odisea de Jamal al-Din al-Afghani”, contido no libro do ensaísta indio Pankaj Mishra, De las Ruinas de los Imperios. La rebelión contra Occidente y la metamorfosis de Asia, Galaxia Gutenberg, Colección Ensayo, 2014, pp- 83-195.

(7) AMSTRONG, Karen, Los Orígenes del fundamentalismo en el judaísmo, el cristianismo y el Islam. La intolerancia religiosa frente al progreso, Tusquets Editores, Maio de 2004, p. 208.

(8) Oficialmente “Sociedade dos Irmáns Musulmáns”, foi creada polo profesor e activista Hassan al Banna en 1928 na cidade exipcia de Ismailiya, centro administrativo da Canle de Suez, entón baixo dominio británico. O seu modelo concibe o respecto da tradición coránica dentro da vida pública e privada, defendendo un ideario de xustiza social diferente das ideoloxías occidentais do liberalismo e do marxismo, sen rexeitar por isto calquera aproximación á modernidade trazada no progreso científico e tecnolóxico. Para maior información, consultar o texto “Los Hermanos Musulmanes” en DURET, Alain, Oriente Medio. Crisis y desafíos, Colección Salvat Dossier, 1995, p. 208. Con todo, un dos seus principais teóricos foi Sayyid Qotb (1906-1966), constantemente identificado como o precursor do islamismo político de carácter ŷihādista, cuxas ideas influíron no exipcio Aywan al Zawahiri, actual líder de Al Qaeda trala morte de Osama ben Laden (2011). Qotb pode igualmente ser observado como unha referencia da vía revolucionaria existente dentro do islamismo político, principalmente pola súa pretensión de intensificar a loita contra o establishment existente no mundo árabe e os réxime considerados como “lacaios do imperialismo occidental”, razón pola que as súas ideas igualmente serviron de referencia aos movementos islamitas e revolucionarios que depuxeron ao réxime do Sha Reza Pahlevi en Irán (1979). A pesar de haber participado na caída do réxime monárquico de Faruq I (1952) xunto co movemento nacionalista dos Oficiais Libres liderado por Gamel Abdel Nasser e Muhammad Naguib, a Irmandade Musulmá foi posteriormente ilegalizada en Exipto, mentres que Qotb foi encarcerado e posteriormente executado en 1966.

(9) Los Orígenes del fundamentalismo en el judaísmo, el cristianismo y el Islam, op.cit, pp. 205-207.

(10) Impulsada polo carismático militar e político exipcio Gamal Abdel Nasser (1918-1970), o nasserismo constituíu unha expresión clave dentro dos movementos do nacionalismo árabe, compatibilizada cunha visión autóctona do “socialismo árabe”, que exerceu unha notable influencia no mundo islámico, principalmente en Exipto, Siria e Iraq. A transformación exercida polo nasserismo, particularmente a proclamación da República trala deposición do sistema monárquico (1953), das políticas de nacionalización para promover o desenvolvemento económico (particularmente observado na nacionalización da Canle de Suez en 1956, rematando co dominio franco-británico no mesmo), do control estatal na economía, da preponderancia do Partido Único como modelo político, da reforma agraria e do ascenso de clases medias burguesas, foron aspectos que transformaron os piares fundamentais das sociedades árabes e islámicas. A súa expresión exterior alcanzou a definición dunha visión “tercermundista” a través do Movemento dos Países Non Aliñados, a partir da Conferencia de Bandung (Indonesia, 1955). Compre igualmente observar que o nasserismo corresponde igualmente a unha expresión das ideoloxías do nacionalismo e socialismo panárabe anteriormente establecidas coa creación en 1947 en Damasco (Siria) do Partido Ba´ath Árabe Socialista, que posteriormente chegou ao poder en Siria desde 1963 e na veciña Iraq entre 1968 e 2003, trala deposición do réxime de Saddam Hussein establecida pola ilegal invasión militar de EUA e dos seus aliados. En 1966, as ramas siria e iraquí do Partido Ba´ath materializaron a súa división política.

(11) Xa anteriormente referido na cita (6).

(12) Literalmente “o camiño correcto prescrito” por Alá, a  Šaři’a reúne a serie de mandamentos de Deus tal e como están enunciados e prescritos no Corán e nas Tradicións, particularmente no relativo ao permitido, recomendado e prohibido no Islam no conxunto das actividades sociais e humanas, así como do dereito penal, civil e comercial elaboradas polas catro escolas xurídicas sunnitas (hanbalita, malequita, hanafita e chafita). Consultar El Islam. Un mosaico de culturas, op.cit, p. 72.

(13) A palabra salafismo provén do termo salaf que significa “predecesor” ou “ancestro” e fai referencia aos compañeiros do Profeta Mahoma e as súas tres primeiras xeracións. O salafismo foi cobrando corpo teórico a través de pensadores islámicos como Ibn Hanbal (s. XIX) e Ibh Taymiyya (s. XIV) pero non foi ata a aparición do wahabbismo na península arábiga a finais do s. XVIII, cando experimentou un corpo doutrinal mais elaborado. Propugnando como fe o “retorno aos principios piadosos predecesores”, o salafismo serviu de doutrina política e relixiosa para condenar e afastar do Islam calquera influencia exterior, principalmente do racionalismo e laicismo occidental, así como das crenzas do Islam “popular” (como o sufismo), que “corromperan” a súa pretendida pureza relixiosa. Dentro do seu rigorismo relixioso, as ideas do exipcio Sayyid Qotb permitiron imprimirlle ao salafismo un carácter político mais integrista e ŷihādista, sen menoscabar a xustificación da loita armada e do terrorismo como móbiles de actuación política. Neste sentido, o ŷihādismo salafista atopou certo eco en diversos grupos radicais dentro do mundo árabe, así como nalgúns movementos dos mujahiddín que loitaron en Afganistán na década de 1980, particularmente os que posteriormente conformaron o réxime Talibán e a rede Al Qaeda, recibindo apoio financeiro e loxístico por parte de Arabia Saudita e Paquistán, aliados entón de EUA contra os soviéticos en Afganistán. Posteriormente, estes grupos expandiron a súa loita en diversos contextos xeopolíticos a través dunha heteroxénea rede de militantes e combatentes no Cáucaso ruso (Chechenia, Daguestán, Ingushetia, Osetia do Norte), os Balcáns (Bosnia), o Magreb (principalmente Alxeria e agora Libia), a península arábiga (con epicentro en Iemen) e Oriente Medio (actual Estado Islámico entre Siria e Iraq, antiga Al Qaeda en Iraq).  Tamén existen movementos terroristas e armados defensores do ŷihādismo salafista en Asia Central, Paquistán, India, Filipinas e Indonesia.

(14) É de salientar o apoio occidental ao golpe militar do xeneral Pervez Musharraf (1999), elaborado polos servizos de seguridade paquistanís ante o perigo de avance do integrismo salafista e das redes de apoio dos Talibán e de Al Qaeda no país centroasiático. Elixido presidente en 2001, Musharraf foi considerado un aliado irrestrito da doutrina de Bush da “guerra contra o terrorismo”, toda vez Paquistan, considerado o único país musulmán con armamento nuclear, converteuse nun foco estratéxico para os intereses occidentais, así como de inestabilidade rexional. A posterior caída presidencial de Musharraf (2008) deu paso a unha tensa transición política, cunha preocupante presenza de atentados terroristas e de focos de inestabilidade, principalmente na porosa e aparentemente incontrolable fronteira con Afganistán. No caso saudita, Washington constantemente reforza a súa cooperación militar e de seguridade co reino saudita, a pesar das recentes friccións entre Riad e o goberno de Barack Obama, principalmente establecidas polo apoio financeiro saudita e catarí ao ISIS así como das reticencias sauditas pola súbita política aperturista de Washington cara Irán. Neste contexto, o pulso entre Arabia Saudita e Irán por establecer espazos de influencia e de control xeopolítico en Oriente Próximo, sumamente visibles trala Primavera árabe de 2011, retrotrae simbolicamente o secular conflito entre sunnitas e xiítas dentro do mundo islámico.

(15) Derivado da palabra talib que en idioma pashtún significa “estudantes”, o movemento Talibán creouse oficialmente en 1994 baixo o liderado do mulá Mohhamed Omar, sendo internacionalmente recoñecido por Arabia Saudita, Paquistán e Emiratos Árabes Unidos, así como do goberno (non recoñecido internacionalmente) da República de Ichkeria (Chechenia) Tras repeler á Alianza do Norte e outros grupos que loitaron contra a invasión soviétida da década anterior, o Talibán alcanzou o poder en Afganistán en 1996, sendo posteriormente desaloxado trala invasión internacional liderada por EUA en 2001, dous meses despois dos atentados do 11/S. Con todo, o movemento Talibán segue a controlar extensas porcións territoriais afganas, principalmente entre a comunidade pashtuna, configurándose como un actor político estratéxico e ineludible no Afganistán actual.

(16) Existe consenso en identificar a creación oficial da rede Al Qaeda en Afganistán no ano 1988. Con todo, a súa proclamación da ŷihād contra Occidente e os “infieis cristiás e xudeus” realizouse en 1996, unha vez o réxime Talibán logrou controlar politicamente a maior parte de Afganistán, un aspecto que lle deu maior impacto e coñecemento a nivel internacional.

(17) É de sobra coñecida a complacencia política de Washington cara Paquistán e Arabia Saudita no apoio aos mujahiddín afgáns que, progresivamente, foron albergando as redes de configuración do futuro réxime Talibán e, colateralmente, da conformación das redes ŷihādistas salafistas de Al Qaeda. Co beneplácito e apoio directo da CIA, o labor do servizo de intelixencia militar paquistaní (ISI), do que o xeneral golpista e posterior presidente Musharraf foi director, así como do xefe dos servizos de intelixencia saudita (GIN), Turki al Faisal, no apoio dos militantes e combatentes en Afganistán que paulatinamente foron conformando estas redes ŷihādistas, axudaron colateral e decisivamente na procreación e posterior expansión global destas redes, co efecto contraproducente de converterse nos piares do terrorismo salafista contra Occidente. Dentro desta estratexia de apoio aos mujahiddín afgáns a través do ISI e o GIN, Washington ansiaba delimitar progresivamente as rutas de control na distribución de oleodutos e gasodutos desde Paquistán ata Asia Central, tanto como o reino saudita aproveitou esta conxuntura para procrear unha expansión rexional do seu islamismo wahabbista. Estas revelacións de enorme valor documental están contidas no libro de COLL, Steve, Ghost Wars. The Secret History of the CIA, Afghanistan and Bin Laden from the Soviet Invasion to September 10, 2001. Penguin Books, Londres, 2004. Este libro foi Premio Pulitzer 2005. Xa dentro do contexto actual, e enfocado na xénese do Estado Islámico entre Siria e Iraq, resulta imprescindible a lectura do recente libro de COCKBURN, Patrick, ISIS. El retorno de la Yihad, Planeta de Libros, 2015, o cal reflexiona sobre os estratéxicos erros de Washington en Afganistán e Iraq, desestimando as raíces e canais de transmisión establecidos por Paquistán e Arabia Saudita na procreación destas redes  ŷihādistas.

(18) Se ben non existe un consenso sobre o significado real do concepto de “islamofobia”, o mesmo podrí aducir aos prexuízos e estereotipos existentes co respecto ao Islam e os seus fieis, que confiren de actitudes xenófobas, confrontativas e excluíntes. Neste sentido, unha teoría de carácter conspirativo cada vez mais popularizada e con notable incidencia en determinados círculos culturais e políticos europeos ten que ver coa expresión “Eurabia” establecida pola xornalista Bat`Yeor, de orixe xudeu e exipcio pero cidadán británica. No seu libro Eurabia: The Euro-Arab Axis, Fairleigh Dickinson University Press, 2005, a autora argumenta o presunto e progresivo paso dunha civilización europea influída pola Ilustración “xudeu-cristiá” cara unha maior potenciación da “ideoloxía da ŷihād”, amparada no termo árabe da dhimmi, que presuntamente significa “a subxugación dos non-musulmáns ao ascende poder islámico para evitar a escravitude e a morte”. Esta perspectiva de presunta “islamización” de Europa xa fora anteriormente popularizada pola escritora italiana Oriana Fallaci nos seus libros La rabia y el Orgullo e La Fuerza de la Razón, ambos editados en castelán por La Esfera de Los Libros en 2004 e 2005, respectivamente. Aquí, Fallaci fai causa común coa teoría da “Eurabia”, utilizados frecuentemente pola extrema dereita europea para afianzar a súa visión islamófoba. Tralos atentados no Charlie Hebdo, o novelista francés Michel Houllebecq suspendeu eventualmente a presentación pública do seu libro Soumission (Submisión), unha ficción electoral recreada en 2022, onde unha especie de fronte republicana conformada por socialistas, conservadores e centristas, apostarían por un candidato musulmán moderado para tentar conter o avance da extrema dereita da Fronte Nacional de Marine Le Pen. En anteriores novelas e escritos xornalísticos de Houllebecq tense polemizado pola presenza de argumentos islamófobos. Recoméndase igualmente consultar o texto “Musulmanes en la Unión Europea: Discriminación e Islamofobia”. Percepciones sobre Discriminación e Islamofobia. Voces de Miembros de las Comunidades Musulmanas de la UE. Extractos de los Informes del Observatorio Europeo del Racismo y de la Xenofobia (EUMC) de Diciembre de 2006. Documentos de Casa Árabe, Madrid, Nº 1/2007. Dispoñible en: http://explotacion.mtin.gob.es/oberaxe/documentacion_descargaFichero?bibliotecaDatoId=20

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais