Ordenar a acción exterior das cidades? As BAEX

A relación internacional das cidades medrou en todo o mundo exponencialmente nas últimas décadas ao calor das dinámicas que impulsa a globalización. Desde aqueles primeiros departamentos de turismo, aqueles irmandamentos con Concellos doutros países e as primeiras accións de cooperación internacional dos anos 80 e 90, pasouse a fortes estruturas relacionadas coa captación de investimentos, participación en redes internacionais de cidades, promoción internacional, económica e cultural, programas de apoio á aprendizaxe de linguas...

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

A relación internacional das cidades medrou en todo o mundo exponencialmente nas últimas décadas ao calor das dinámicas que impulsa a globalización. Desde aqueles primeiros departamentos de turismo, aqueles irmandamentos con Concellos doutros países e as primeiras accións de cooperación internacional dos anos 80 e 90, pasouse a fortes estruturas relacionadas coa captación de investimentos, participación en redes internacionais de cidades, promoción internacional, económica e cultural, programas de apoio á aprendizaxe de linguas...

As cidades galegas non están ausentes desas dinámicas de inflación das relacións co internacional, especificamente desde a entrada na Unión Europea. Sen embargo o proceso evolucionou sen control, sempre desde accións puntuais, illadas unhas doutras, e non desde procesos coordinados e coherentes coa imaxe e potencialidade global do territorio. No contexto da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX desde agora), que recoñece a administración local galega como suxeito da acción exterior, pareceunos oportuno promover unha reflexión mínima cara unha ordenación da conectividade internacional xa presente nas nosas cidades. Así as cousas, durante 2017 e 2018 traballamos co Concello da Coruña na elaboración do estudo –Bases de Acción Exterior, que pasamos a bautizar como BAEX A Coruña.

A experiencia do proceso resultou moi satisfactoria, xa que o pasado 11 de marzo de 2019 o Pleno da corporación aprobou por unanimidade a Declaración institucional “A Coruña no mundo global do s. XXI” fundamentada no noso estudo de BAEX. Máis alá da retórica, a Declaración implica a asunción dunha acción exterior ordenada, coordinada e coherente, diante da inflación de actividades que ocupan ao Concello en relación co internacional nas últimas décadas. Ordenar esta acción exterior semella máis pertinente e urxente ás portas da grande operación do Xacobeo 2021.

As BAEX, que ademais da Coruña tamén comezamos a elaborar en 2018 para os Concellos de Pontevedra e Santiago de Compostela, iniciando o proceso en Lugo, diagnostican os irmandamentos, a participación nas redes de cidades e os mecanismos básicos do protocolo municipal co internacional, mais tamén as actividades e os programas dentro dos Concellos que os unen ao internacional, do turismo á cooperación ou á promoción económica e cultural, os proxectos europeos... Tamén identifican os actores do territorio relevantes na internacionalización da cidade —non sempre municipal, tamén metropolitano ou comarcal— e as principais liñas de traballo nesa dirección: desde a Universidade, as asociacións de empresarios, as Cámaras de Comercio, os emprendedores, as entidades de apoio aos Dereitos Humanos e cooperación internacional...

En fin, procuran identificar que é o que acontece na relación do territorio co internacional ao tempo que definen unhas liñas básicas de actuación, realistas e austeras, para pensar e actuar nunha chave coral de cidade para o mundo global. Non se trata de facer máis ou de gastar máis, o primeiro que cómpre facer é darlle sentido ao conxunto de accións e programas que xa funcionan desde hai anos e que non acostuman conxugarse de maneira coordinada. Non por imaxe, estética e marca, que tamén, se non co firme propósito de retornos reais para a sociedade, maximizando oportunidades e capacitándose para o mundo en chave coa Axenda 2030.