Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
17 de Novembro de 2022 Lois González

Os Cumios Ibéricos: A necesidade de avanzar máis

A XXXIII Cumio hispano-luso celebrouse o pasado 4 de novembro do 2022

A identidade portuguesa construíuse fronte á ameaza española de agresión desde o século XVII. A española seguiu outras canles, pero moitas veces minusvalorou ao veciño ou ofreceulle benintencionados proxectos iberistas, que non chegaron nunca a concretase. A división da Península Ibérica no período das ditaduras do século XX, o Estado Novo (1933-1974) e franquismo (1936/39-1975), aproveitou e potenciou a desconfianza entre os dous pobos e a visión sempre estereotipada do outro. Os gobernantes cooperaban, por suposto na represión, e ao mesmo tempo elaboraban un discurso nacionalista que procuraba manter ben pechadas as fronteiras, só espazos inseguros e de contrabando. Neste contexto, Galiza sempre foi un actor político menor desde a época dos Austrias, aínda que mantivese moitos trazos culturais, paisaxísticos e económicos comúns con Portugal, e a súa fronteira fose moito máis porosa que noutros lugares.

Todo isto sobreviviu ate os 1970, pero co fin das ditaduras e co horizonte da integración nas Comunidades Europeas comezaron uns anos de desxeo acelerado, que remataría coa integración dos Estados-nacións ibéricos na CEE, hoxe UE. Como ben é sabido, unha das grandes fortalezas deste proxecto supranacional consiste en desfronteirizar, en quitarlle valor aos vellos límites políticos entre países para favorecer as complementariedades económicas, o comercio, un sentimento europeo de identidade común e animar o reencontro dos pobos raianos. Este marco foi o idóneo para os españois e portugueses, moito máis para galegos e portugueses, que se recoñeceron axiña. Os intercambios multiplicáronse, medraron os investimentos exteriores directos, as visitas turísticas e un maior aprecio polas calidades do outro. Toda esta dinámica, moi positiva no seu conxunto, reflectiu que un Portugal unitario tiña relacións con moitas españas (non era o mesmo cun castelán-leonés que cun galego). Isto a pesar de que a maioría da sociedade portuguesa siga a insistir publicamente na existencia dunha España un tanto plana, como se Tui e Ayamonte fosen equivalentes no seu imaxinario.

Para levar a contra a esta interpretación moitas veces transmitida, a Comunidade Autónoma da Galiza e a Regiâo Norte do Portugal comezaron moi cedo a ser un exemplo destacado de cooperación transfronteiriza no Sur europeo. Para o goberno conservador galego, unha rexión funcional entendida como NUT2 era un mellor socio que o conxunto da República, o que podía espertar veleidades políticas reintegracionistas en determinados sectores da sociedade. Para a Regiâo Norte, tomar como referente unha autonomía con bastantes competencias, era un bo exemplo do que un empoderamento do Porto ou o Minho fronte a Lisboa chegaría a supor para moderar o forte centralismo. Os dous actores apostaron desde moi cedo por traballar xuntos, por constituír unha Eurorrexión, unha AECT interrexional xunto a outras de ámbito máis concreto, varias Eurocidades e, en definitiva, aquelas figuras de cooperación que permita o dereito europeo. Isto ven sendo unha constante desde os anos 1990, cando dous políticos do sistema, M. Fraga e L. Braga da Cruz, estableceron un marco político que aínda dura até hoxe. Neste caso, dentro dunha España xa querida polos portugueses, Galiza parece sobresaíndo na cooperación fronte a unha Castela ou unha Andalucía mais mornas nesta cuestión.

Aínda que estes días se volveu a celebrar un novo cumio ibérico entre os primeiros ministros español e portugués en Viana do Castelo, o enésimo de celebración das excelentes relacións bilaterais, nada novo agroma baixo o Sol. Segue a manterse intacto o marco de cooperación peninsular definido nos 1990. Segue sen haber un acordo de fondo para priorizar a construción de infraestruturas ferroviarias rápidas, que enlacen Vigo e a área metropolitana do Porto (fronte á decisión portuguesa a resposta española é dubitativa). Non se avanza na aplicación do dereito comunitario para facilitar a vida cotiá das poboacións raianas (impedindo que unha crise, como a pandémica, volva fechar as fronteiras). Tampouco se impulsan os instrumentos de co-goberno das administracións locais veciñas na fronteira: facilitando a cesión de competencias ás AECTs conxuntas, nin se avanza na unificación dos dereitos laborais para traballadores raianos, etc. En definitiva, a necesaria apertura dunha nova etapa de colaboración galego-portuguesa ou luso-española segue sen concretarse, a pesar de que canto máis camiñemos na integración real, máis forte será a Península Ibérica (e, por suposto, Galiza) nas institucións europeas. 

  
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais