Os Kirchner contra a prensa

A comezos de setembro, o goberno de Cristina Fernández de Kirchner decretou, a través do Boletín Oficial do Estado, que no prazo dun ano os grandes grupos multimedia arxentinos deberán someterse aos dictames da Lei de Medios Audiovisuais (aprobada parlamentariamente en outubro de 2009) para desprenderse dun amplo “monopolio” de radios e canles de televisión privados e “adaptarse” aos novos copos de licenzas.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A comezos de setembro, o goberno de Cristina Fernández de Kirchner decretou, a través do Boletín Oficial do Estado, que no prazo dun ano os grandes grupos multimedia arxentinos deberán someterse aos dictames da Lei de Medios Audiovisuais (aprobada parlamentariamente en outubro de 2009) para desprenderse dun amplo “monopolio” de radios e canles de televisión privados e “adaptarse” aos novos copos de licenzas.

Segundo esta lei, unha empresa non pode posuír máis de dez licencias de radio e TV, recortando substancialmente esta cifra co respecto á lei anterior, que establecía a posibilidade de apropiarse de 14 licenzas máis. A pesar disto, persisten trabas xudiciais para a súa aplicación, debido a que varios artigos desta lei están parcialmente suspendidos, como precisamente o que fixa o prazo dun ano para desprenderse das actuais licenzas.

Obviamente, esta decisión provocou unha inmediata reacción por parte da oposición aos Kirchner, en gran medida liderada polos grandes grupos mediáticos, en especial o politicamente influente diario Clarín, quen xa fora brevemente intervido polo goberno arxentino a finais de 2009 por presuntas “irregularidades financeiras”.

Amparado no debate sobre a “responsabilidade ética e informativa”, a idea da “información veraz” e a necesidade de acabar coa “ditadura mediática”, o problema se dilúe, en clave política, nun soterrado pulso de poder entre os Kirchner e os grandes grupos mediáticos, enmarcados nunha conxuntura preelectoral de cara aos comicios presidenciais de finais de 2011, das presuntas pretensións de hexemonía política por parte do “kirchnerismo” e dos obxectivos da oposición por recuperar o poder.

A polémica Kirchner vs Medios incrementouse a comezos de setembro, cando a presidenta Cristina K presentou un intrigante informe, “Papel Prensa: a verdade”, na que acusaba aos donos dos diarios Clarín e La Nación de “tratos coa ditadura de Videla” e “apropiación ilegal” para facerse co control do monopolio empresarial Papel Prensa a partir de 1977. Paralelamente, o goberno acelera a revogatoria da licenza á empresa Fibertel, pertencente a Clarín.

Mentres se manifestaba unha riada de críticas internacionais contra os Kirchner, medios de esquerda afíns ao matrimonio presidencial, como o diario Página 12, amosaron unha posición política favorable ás denuncias da presidenta arxentina sobre a “ilegalidade” na apropiación de Papel Prensa durante a ditadura militar. Pola súa banda, os editores dos diarios implicados (Clarín, La Nación e La Razón) argumentaron as presuntas pretensións do goberno por “acabar coa liberdade de prensa” e de apropiarse do monopolio mediático a través do control estatal, en clara alusión ao exemplo “chavista” en Venezuela.

En gran medida, o pulso entre Kirchner e os medios está moldeando o debate e o escenario político arxentino a curto e mediano prazo, obviamente enfilando estratexias de cara ás eleccións presidenciais. Con perspectivas de ganancia política aínda incertas, a remoción do pasado e do espectro mediático permite aos Kirchner acelerar a polarización política nun momento de crise económica e posible conflitividade social. Pola súa banda, a oposición tenta maximizar o caso Papel Prensa-Fibertel para aglutinar unha unidade política aínda irreal, diluída en aparentes personalismos políticos irreconciliables.

De certificarse un novo espectro mediático, recortando legalmente os resortes de poder dos medios privados opositores baixo a perspectiva de converterse nun monopolio estatal con medios politicamente afíns, a Arxentina estaría observando un proceso moi similar ao que ocorre noutros países da rexión, como Venezuela, Bolivia, Ecuador ou Nicaragua, onde o pulso entre os respectivos gobernos cos monopolios mediáticos privados ditará as pautas do acontecer político, social e cultural deses países.

Removendo as bases do pasado mediático arxentino, os Kirchner estarían calculando unha estratexia política de gran alcance, non unicamente traducida en intereses políticos e electorais. Con riscos e incertezas, nun momento en que a xustiza arxentina recupera a memoria histórica para investigar ás vítimas do franquismo en España e da ditadura militar arxentina, a batalla mediática entre Kirchner e os medios poden abrir novas e inesperadas perspectivas políticas.