Unha análise de Cintia Piñeiro, estudante en prácticas da USC

Os medios galegos ante as eleccións arxentinas 2015

A importancia de Arxentina en Galicia ven determinada polo preponderante peso da diáspora, cunha significación que no imaxinario galego identifica ao país suramericano como a súa “quinta provincia”. Cando menos, uns 600.000 galegos se afincaron definitivamente na Arxentina entre 1857 a 1960, principalmente nas súas principais zoas urbanas, constituíndo unha importante pegada sociocultural, económica e política neste país.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

A importancia de Arxentina en Galicia ven determinada polo preponderante peso da diáspora, cunha significación que no imaxinario galego identifica ao país suramericano como a súa “quinta provincia”. Cando menos, uns 600.000 galegos se afincaron definitivamente na Arxentina entre 1857 a 1960, principalmente nas súas principais zoas urbanas, constituíndo unha importante pegada sociocultural, económica e política neste país.

Estímase que, na actualidade, aproximadamente 10 millóns de persoas de ascendencia galega están dispersas en varios países de Europa e América, aglutinados miles de eles arredor de ducias de Centros Galegos, asociacións e sociedades, moitas delas fundadas a finais do século XIX. Neste sentido, o maior grupo de persoas de orixe galega na diáspora reside en Arxentina, con máis de 100.000 galegos.

Ao mesmo tempo, nos últimos anos, a nosa Comunidade acolleu a multitude de emigrantes arxentinos que deixaron o seu país por mor de diversas crises socioeconómicas e políticas. Segundo a Organización Internacional para as Migracións, no seu informe Perfil Migratorio de Arxentina 2012, a poboación arxentina que se atopaba fóra das súas fronteiras xeográficas representaba o 2,4 % da súa poboación, sendo o Estado español o principal destino migratorio, cunha porcentaxe do 30%.

Noutra perspectiva, para Galicia, o voto dos emigrantes volveuse chave nos diversos procesos electorais, a tal punto que nas últimas eleccións á Xunta de Galicia (2012), a campaña electoral no exterior centrouse sobre todo na Arxentina.

Escasa e desigual información

Habida conta as circunstancias sinaladas, as eleccións presidenciais arxentinas previstas para o próximo 25 de outubro cabería consideralas de gran interese para a nosa Comunidade. É así? Como se reflicte nos medios galegos? Revisamos as versións dixitais dos principais medios impresos galegos sobre o tratamento das eleccións arxentinas 2015. Neste sentido, concentramos a atención nos seguintes xornais galegos:

-        El Correo Gallego

-        Faro de Vigo

-        La Voz de Galicia

-        La Región

-        La Opinión

-        El Progreso

-        Atlántico Diario

            Tras revisar cada un dos citados medios, pódese observar un desigual tratamento informativo sobre as eleccións arxentinas.

            Por exemplo, tanto El Correo Galego como La Región e Atlántico non publican ningunha noticia sobre este tema. Por outra banda, El Progreso, La Opinión, Faro de Vigo e La Voz de Galicia si ofrecen un tratamento informativo sobre as eleccións arxentinas, aínda que con notables diferenzas. Mentres que La Opinión só informa nunha ocasión sobre as recentes eleccións primarias (PASO) realizadas o pasado 9 de agosto, facendo un pequeno resumo destas así como dos principais candidatos, outros xornais como El Progreso e Faro de Vigo publican dúas noticias cada un sobre o mesmo contexto nestas eleccións. A primeira sobre a imposibilidade legal da actual Presidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, de presentarse como candidata nestas eleccións xa que a Constitución arxentina prohibe dúas reeleccións consecutivas (Fernández xa foi elixida en 2007 e 2011). Ademais desta noticia, ambos diarios informaron tamén sobre os resultados electorais das PASO.

La Voz de Galicia tamén publicou unha breve memoria sobre os resultados electorais das primarias arxentinas. Ademais, con anterioridade, este diario realizou un estudo sobre as distintas sondaxes que podían dar pistas sobre o posible gañador destas eleccións.

As noticias sobre Arxentina que publica La Voz de Galicia non cesan coa publicación dos resultados das primarias arxentinas senón que inclúe un estudo mais minucioso sobre o tema, con detalles destacados na Arxentina. A última crónica realizada deste xornal aborda a vida privada do gañador das PASO, o candidato oficialista da Fronte para a Vitoria (FpV) Daniel Scioli, a quen moitos comparan co matrimonio protagonista da serie televisiva House of Cards.

Paralelamente, a revisión nos medios dixitais galegos, así como nos medios audivisuais, incrementou a sensación de escasa atención sobre o proceso electoral arxentino. Medios dixitais como Praza Pública, Galicia Dixital e Galicia Confidencial, non comentan información algunha sobre o proceso electoral arxentino. Só Sermos Galiza realizou unha nota previa ás eleccións PASO, cunha información sobre eleccións parlamentarias en Haití. Tampouco aparece unha información específica sobre o proceso electoral arxentino dentro da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), así como as canles V Televisión (pertencente a La Voz de Galicia) e TeleVigo.

Como podemos observar, a maioría dos medios galegos non acometen un estudo ou seguimento habitual deste tema. Sendo Arxentina un país tan importante para a nosa Comunidade, as informacións son notoriamente escasas. Case a metade dos nosos principais xornais non publican nin unha soa noticia sobre as primarias arxentinas, sendo estas eleccións de gran interese por constituír o primeiro test electoral no que a familia Kirchner non presenta candidatura tras doce anos no poder.

Convén igualmente dicir que, aínda que xornais como Faro de Vigo e La Voz de Galicia dan conta brevemente dos acontecementos máis destacados, en particular os resultados das primarias ou a imposibilidade constitucional da candidatura da actual presidenta arxentina, o seu tratamento supón unha información bastante limitada, denotando unha escaseza de atención informativa de cara a un tema relevante para Galicia, a súa diáspora e proxección exterior.