Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos Novos 6 de Xaneiro de 2015 Ríos

Os modelos en causa

Xa falemos da economía, da seguridade ou da xeopolítica, a evolución da situación internacional en 2014 ofreceunos un balance desigual caracterizado tanto pola aceleración das reformas nos modelos tradicionais como polo rexurdir das tensións entre os principais protagonistas do acontecer global.

No económico, o ano 2014 seguiu marcado por unha recuperación mundial feble e un crecemento mediocre. Segundo o FMI, a taxa media de crecemento mundial roldaría o 3,3 por cento. Pero detrás desta cifra hai unha dualidade de crecemento que convén non perder de vista. Mentres os países desenvolvidos medraron un 1,8 por cento, as economías emerxentes e os países en desenvolvemento medraron un 4,4 por cento. Dunha maneira máis contundente, se fixamos a atención en dous importantes motores da economía mundial, EUA e China, as taxas respectivas (2,2 por cento fronte a un 7,4 por cento) son ben ilustrativas.

Esa intensificación da diferenciación entre as economías desenvolvidas e en desenvolvemento é unha das tendencias afirmadas en 2014. EUA logrou recuperar terreo en virtude da aplicación dunha política monetaria que lle permitiu certo respiro; pola contra, Xapón e Europa, aplicando outras fórmulas, non necesariamente coincidentes entre elas, obtiveron rendementos menores: 0,9 e 0,8 por cento respectivamente. No seo dos BRICS, tamén podemos identificar situacións ben diferenciadas: China e India experimentaron un crecemento rápido (7,4 e 5,6 por cento, respectivamente), pero Brasil e Rusia deberon encarar un crecemento feble (0,3 e 0,5 por cento, respectivamente) con alta inflación, depreciación das súas moedas e fuga de capitais.

Un segundo dato a ter en conta é que, pese ás dificultades, as economías dos países en desenvolvemento seguen a medrar por riba da media, aínda que de xeito mais moderado. O crecemento en 2014 foi inferior nun 0,3 por cento ao experimentado en 2013. Segundo as previsións do FMI, o crecemento previsto para este grupo de países no período 2015-2018 será do 5%, inferior en dous puntos ao período 2003-2007.

A prolongación desta tendencia significa que se reduce a distancia e o crecemento do Sur e o declive do Norte. As economías emerxentes moderan o seu ritmo, mentres que os países desenvolvidos anticipan unha recuperación do crecemento económico. Non obstante, o auténtico motor da economía mundial, medrando por riba da media, seguirá radicando nos primeiros. A tendencia que apunta ao crecemento do Sur e un declive do Norte é aínda plenamente válida.

Un cuarto aspecto está relacionado coas reformas, os axustes, as transicións, outra tendencia que atravesa o mundo de Norte a Sur. As reformas estruturais están á orde do día. Para uns isto significa apostar pola re-industrialización (caso de EUA que ven de crear ata oito centros de innovación manufatureira), pasa para outros por unha maior apertura (caso da China, especialmente na orde financeira pero tamén no modelo produtivo) ou un cuestionamento do Estado de benestar no caso de Europa. En calquera caso, todos os modelos parecen en causa e son obxecto de reformas de diverso calado que implican mudanza cualitativas de diverso signo. A outro nivel, propostas de integración en bloques económicos como o TPP, a RCEP, e os acordos entre os grandes conxuntos xeoeconómicos participan dunha liberalización negociada á marxe das respectivas sociedades entronizando o liberalismo máis destrutivo da cohesión social. En paralelo, a través do grupo BRICS e propostas netamente asiáticas xorden mecanismos e procesos que alentan un gran salto no eido das infraestruturas e a conectividade, con proxeccións que alcanzan a África e a América latina, onde o papel da China vai crecer exponencialmente. Trátase do Novo Banco de Desenvolvemento, do Banco Asiático de Investimento en Infraestruturas, dos corredores económicos que teñen ao xigante asiático como referente ou a revitalización das rutas da Seda, tanto terrestre como marítima. O novo mapa conta xa non só con trazos ben definidos senón cun financiamento asegurado.

Unha quinta cuestión afecta ao proceso de desdolarización global e a reorganización do sistema financeiro internacional. A posición hexemónica do dólar leva tempo sendo ameazada polo auxe das economías emerxentes, e moi especialmente polo papel de China, que fomenta a internacionalización do iuan e os acordos con terceiros países para comerciar nas respectivas moedas. O Senado de EUA rexeitou novamente o plan de reformas do FMI, aprobado en 2010, con vistas a facilitar a participación e a gobernanza desta institución incorporando os cambios experimentados na economía global. A forte oposición de Washington augura un longo e tortuoso camiño e alenta a estratexia envolvente de Beijing.

As grandes crises do 2014

En primeiro lugar, cómpre referirse á Ucraína. O conflito no leste tivo serias repercusións na orde internacional e no plano xeopolítico. As relacións entre Occidente e Rusia caeron ata o nivel mais baixo desde a fin da guerra fría e o continente europeo volveu novamente a ser o teatro de confrontacións entre os tres grandes conxuntos xeopolíticos que compoñen o mundo, a saber, Asia-Pacífico, o Medio Oriente e Europa.

En segundo lugar, cabe referirse á aparición da organización “Estado Islámico” (EI), convertida dun día para outro na organización terrorista máis poderosa e mais influente do mundo. O seu ascenso en Siria e Iraq transformou a paisaxe política do norte de África e de Oriente, tanto Próximo como Medio. O EI pon a proba os intereses xeopolíticos de Irán e a esfera de influencia rusa na zona, pero tamén representa unha ameaza para China (entre os seus obxectivos figura a “liberación” de Xinjiang). A apelación á guerra santa e a estender a ameaza terrorista a todo o planeta pon contra as cordas a estratexia occidental de resposta que aglutina a 22 países. Este novo foco de inestabilidade global ofrece unha lectura inequívoca: Occidente recolle as consecuencias dunha práctica de longa data. Cabe recordar que un dos obxectivos do EI é reverter os efectos dos acordos Sykes-Picot, concluídos secretamente polas potencias europeas en 1916. Este acordo permitiu fixar libremente as fronteiras dos Estados nos seus dominios de influencia e de control do Medio Oriente. O apoxeo do EI é a expresión do fracaso das políticas intervencionistas dos países occidentais, á vista de canto acontece en países como Siria, Iraq ou Libia.

En terceiro lugar, a reaparición do virus do Ébola provocou a morte de máis de 5.000 persoas e fixo sonar a alerta sobre o sistema de saúde publica internacional, vítima dunha crecente desatención como consecuencia das prioridades marcadas por gobernos e institucións a nivel global, que desmerecen o valor de servizos públicos básicos para a poboación. As consecuencias deste proceder poden ser dramáticas.

Cómpre igualmente facer referencia a outros factores perturbadores da situación global: o auxe das disputas terrestres e marítimas nalgunhas zonas sensibles, o cambio climático, o ciberterrorismo, os prezos da enerxía ou a seguridade alimentaria e aérea.

O xogo das grandes potencias

A crise de Ucraína foi o catalizador da política de expansión da influencia política e estratéxica cara o Leste de EUA e Europa, fenómeno que provocou unha contraofensiva de Rusia, dando paso a unha nova etapa conflitiva nas relacións co mundo occidental. A crise permite a Washington matar dous paxaros dun tiro: debilitar a Rusia e situar a Europa baixo o seu manto para reavivar a OTAN. Trala anexión de Crimea, Moscova reforzou a súa estratexia de reequilibrio cara o Leste e aumentou a súa cooperación estratéxica con China. Por outra banda, tentou tirar proveito das contradicións e diverxencias entre Europa e EUA para reforzar os contactos e as negociacións con algúns países europeos.

A rivalidade entre China e EUA dunha parte e de Xapón de outra, entrou en areas movedizas. Washington bátese en numerosas frontes pero é en Asia-Pacífico onde concentra progresivamente as súas forzas, botando man dunha estratexia de reequilibrio na rexión centrada na contención de China. No plano militar, aumentaron os investimentos en certos dominios como os sistemas de alerta rápida e de longa distancia ou a multiplicación do recurso aos drons de vixilancia, reforzando o control sobre China. Neste sentido, tamén compre destacar que algunhas directivas de cooperación con Xapón no eido da defensa, foron modificadas. Quedou claro que o tratado de seguridade entre Washington e Tokio aplícase ao entorno das illas Diaoyu/Senkaku, en disputa con Beijing. Con Filipinas, tamén con rivalidade no mar da China meridional, EUA asinou outro acordo que afonda na cooperación en defensa ao tempo que levanta parcialmente as restricións sobre as exportacións de armas a Vietnam, outro referente das tensións co xigante asiático, ou inclúe na axenda o aumento das súas tropas en Australia.

No político, aumenta tamén a importancia concedida aos seus aliados e socios. O apoio pechado a Xapón ou a operación de sedución de India van acompañados de intervencións nos diferendos territoriais decantándose polas alternativas que mais poidan incomodar a Beijing. Obama visitou Xapón, Corea, Malasia, Filipinas e Myanmar, avanzando promesas de axuda en materia de defensa e financeira. No económico, pula por pechar as negociacións do TPP, encallado nas diferenzas con Xapón.

No que se refire a Tokio, o triunfo de Shinzo Abe en decembro deixa aberta a  hipótese da radicalización cara a extrema dereita que xa apreciamos nos últimos tempos. A política de “normalización” impulsada polo PLD pretende desembarazarse das restricións especificas que limitan a súa defensa e co apoio de Washington podería modificar a Constitución pacifista imposta trala segunda guerra mundial.

EUA e Xapón achegan posicións para conter de conxunto a China, encarreirando os conflitos que a enfrontan con algúns países veciños da man do “dereito” e das “regras internacionais”, opcións que malamente poden disimular o principal obxectivo de promover os seus intereses xeopolíticos estratéxicos e económicos, en cuestión polo auxe amarelo.

O momento chinés

China, que vive unha década decisiva para afirmar o éxito do seu proceso de transformación interna e o seu poderío global, atravesa un momento complexo condicionado pola necesidade de promover reformas estruturais que deixen paso a un novo modelo de desenvolvemento nun contexto político marcado pola recuperación da credibilidade interna do PCCh (loita contra a corrupción, reforma xudicial, impulso ao Estado de dereito, etc.) e as tensións na súa arquitectura político-territorial con referencias tan importantes como Xinjiang, Tibet, Hong Kong ou, noutro plano, Taiwan.

No ámbito externo, 2014 foi testemuño do auxe da diplomacia de veciñanza. Cos ollos postos en Asia-Pacífico, a promoción de APEC ou da CICA (Conferencia de Interacción e Medidas de Confianza en Asia), as Rutas da Seda, o estreitamento dos vínculos con Rusia ou a consolidación da OCX (Organización de Cooperación de Xangai), entre outros, sinalan un novo comezo para esa rexión na que albisca un “destino compartido” que debe ser xestionado a partir da propia singularidade civilizatoria asiática, é dicir, baixo o seu liderado e con EUA, como moito, nun segundo plano.

En suma, a afirmación das tendencias dos últimos anos no desenvolvemento internacional e a transición cara novos modelos contextualizan un mundo máis volátil. A complexidade crecente do xogo entre as grandes potencias plásmase na xeración de propostas de gran alcance por parte dos emerxentes que fortalecen o proceso de  acumulación das bases dun cambio sistémico global.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais