Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 2 de Setembro de 2016 Ríos

Os poderes de Galicia

A cultura é o noso maior activo. Fonte: Galicia espallada.

O noso Estatuto, que recolle a condición de nacionalidade histórica de Galicia, debuxa unha serie de institucións para o exercicio do autogoberno. Os poderes da nosa comunidade artéllanse sobre a base da división habitual de funcións reservando para o exercicio de cada unha delas un órgano específico. O artigo 6, por exemplo, reivindica o papel do Parlamento, da Xunta e do seu Presidente. E o capítulo III abunda nas facultades da Administración de Xustiza en Galicia, no marco da distribución competencial establecida co Estado. Ata aquí, todo canto podiamos esperar.

Galicia conta, non obstante, cunha importante singularidade recollida de forma oblicua no propio estatuto. O artigo 32 encomenda ao Consello da Cultura Galega a defensa e promoción dos valores culturais do noso pobo. Unha norma de 1983 debulla esa previsión. A acción cultural é na súa práctica totalidade competencia autonómica e a cultura consolidouse como o signo de identidade mais sobranceiro de Galicia. A cultura é o noso activo máis valioso e sendo así o estatuto ten a virtude de incorporar unha peza de incalculable valor para a súa protección e desenvolvemento.

O debate sobre a reforma do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia (1981) pasou a mellor vida. Só mentalo semella cousa do demo para algúns. Non obstante, algún día haberá que retomalo. Daquela cumpriría situar a cultura non só como unha expresión de valores e dun patrimonio asociado coa nosa lingua, as nosas letras ou as nosas artes. Pola contra, cabe concibila tamén como un poder máis, á par do lexislativo, executivo ou xudicial, resaltando así a fortaleza e singularidade da nosa sociedade e o compromiso colectivo co seu desenvolvemento fronte ás tendencias homoxeneizadoras.

Unha Galicia con catro poderes non sería un fenómeno tan inusual nin nos sairiamos tanto do carreiro como algúns poderían pensar. Ademais de sistemas políticos con tres poderes, habituais no Occidente democrático desde a irrupción da fórmula do Montesquieu do Espírito das Leis, descartando os réximes de partido único, hainos tamén hoxendía  de ata cinco poderes, como acontece en Taiwan, poñamos por caso.

O recoñecemento dun poder cultural en Galicia, xa latente no propio Estatuto a través da figura, inédita noutras normas semellantes, do Consello da Cultura Galega, reforzaría o cultivo da nosa identidade e alentaría unha maior vocación de universalización. O empoderamento deste Consello é inseparable do proceso de revitalización da nosa cultura con independencia dos vaivéns da política do día a día. Innovar dende a reivindicación da transcendencia cultural reafírmanos en positivo e ábrenos máis portas ao progreso.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais