Os tirapuxas estruturais axitan a orde global

O ton principal das estratexias de seguridade nacional da Administración Trump foi sintetizado no discurso que o vicepresidente Mike Pence pronunciou en outubro de 2018 no Hudson Institute. Washington identifica a China como o principal rival estratéxico, o único en condicións de quebrar a súa hexemonía global. Alertados polo énfase do presidente chinés Xi Jinping en tirar proveito da actual oportunidade para lograr a revitalización nacional culminando o proceso de modernización iniciado a finais do século XIX, a Casa Branca rebentou abruptamente a política de cooperación iniciada nos anos setenta do pasado século pasando da contención tibia dos últimos anos á confrontación aberta.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

O ton principal das estratexias de seguridade nacional da Administración Trump foi sintetizado no discurso que o vicepresidente Mike Pence pronunciou en outubro de 2018 no Hudson Institute. Washington identifica a China como o principal rival estratéxico, o único en condicións de quebrar a súa hexemonía global. Alertados polo énfase do presidente chinés Xi Jinping en tirar proveito da actual oportunidade para lograr a revitalización nacional culminando o proceso de modernización iniciado a finais do século XIX, a Casa Branca rebentou abruptamente a política de cooperación iniciada nos anos setenta do pasado século pasando da contención tibia dos últimos anos á confrontación aberta.

Neste contexto debemos enmarcar a propia guerra comercial (non se trata só, como din, de corrixir o avultado déficit estadounidense) e a tecnolóxica como tamén os intentos de exercer presión mesmo interna para transformar o seu modelo político e económico e igualmente de limitar o incremento da influencia de China en todo o mundo. Isto último afecta especialmente, en primeiro lugar, ao propio espazo asiático pero igualmente a África ou América Latina, e tamén a Europa (onde se atopa o maior mercado de Huawei fóra do propio país). Washington trata de conter a expansión tecnolóxica de China, en especial das redes 5G nas que Beijing leva a dianteira, co recorrente argumento da seguridade e co claro propósito de beneficiar as súas propias empresas e preservar o abano das alianzas que lidera. Eis a punta de lanza que parte as augas e onde, a pesar das enormes presións, EUA está a colleitar importantes reveses que poderían acentuarse nos próximos meses. Por exemplo, Londres aprobou a participación de Huawei na creación das redes 5G no propio Reino Unido.

Mais aló do determinante factor tecnolóxico, nunha perspectiva mais global, a Iniciativa da Franxa e a Ruta é o principal expoñente da globalización baixo a éxida chinesa, privilexiando o desenvolvemento das infraestruturas sobre outras variables, e situándoa como contrapunto da desmundialización que promove Trump a favor do fortalecemento da alianza anglosaxoa (entre Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Australia e Nova Zelandia).

Na orde xeopolítica, o pulso estratéxico ten numerosas frontes abertas. Trátase, en primeiro lugar, de acoutar a influencia e a significación global dos acrónimos que China puxo en marcha nos últimos tempos, dende os BRICS ao BAII (Banco Asiático de Investimentos en Infraestruturas). A “comunidade de destino compartido” que promove o liderado chinés é interpretado por Washington como un claro intento de marxinar a súa influencia en determinados actores. Por iso, a Casa Branca trata de asegurarse a posición dos aliados tradicionais, isto é, a UE, Xapón, etc., evitando que basculen do outro lado. Igualmente, tenta debilitar os puntos de apoio que puideran servir de cabezas de ponte para as estratexias chinesas (países de Europa Central e Oriental ou de América Latina e África). Por último, promove a reactivación da contenda ideolóxica arredor dos valores e ideais utilizando como referentes principais a defensa da democracia (Hong Kong) ou a liberdade relixiosa (tibetanos, uigures). O escenario complétase coa crítica aproximación a Taiwán, a illa rebelde que China reclama como próximo territorio a recuperar baixo a fórmula “un país, dous sistemas”.

(o texto completo en Informe Galicia 2020, dirixido por Luís Álvarez Pousa).

En temposdixital.com