Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Xornal de Galicia 4 de Maio de 2011 Larson

Osama, Barack Obama e os comicios de 2012

Desde as controvertidas eleccións do ano 2000 en EE UU, dubidosamente gañadas por George W. Bush e o seu partido no Congreso, houbo uns momentos, en grande parte bélicos, macabros e ultra nacionalistas, que serviron para “curar as feridas sociais e unir o país” logo da polarización causada por elas. O 11-S foi o primeiro. Como podemos esquecernos da mítica frase “ou estades connosco ou estades contra nós”? Despois, curiosamente máis que o inicio da invasión a Afganistán, foi a de Iraq: “shock and awe” total. En menor medida, contamos a captura de Saddam Hussein. Poderiamos tamén incluír a elección de Barack Obama como primeiro presidente de raíces africanas en EE UU, pero ese último aire de cambio e unión política só durou até uns poucos días despois da súa toma de posesión. Agora, chega o asasinato de Osama Bin Laden.

Pregunta: que teñen en común os tres primeiros eventos? Resposta: todos ocorreron antes das eleccións de 2004, as cales tamén dominou o partido republicano, nunha vaga de fervor nacionalista. Ari Fleischer, o antigo secretario de prensa de Bush, no que atinxe á morte de Bin Laden, asegurou: “Tanto me ten a política, é unha gran noticia para o noso país”. Pregunta: por que tiña o Sr. Fleischer que involucrar a política? Resposta: porque os republicanos non saben falar doutro xeito.

A min non me gusta profundar no miolo, nas cerna política dos republicanos. Baixar ao seu nivel non é un pracer. Pero chegou o momento de que todos eles recoñezan que levan case dez anos sacando proveito político da miseria provocada por aquel 11-S de 2001. Agora pásanse facturas e os republicanos non saberán que facer. Os demócratas pódense aproveitar case sen dicir nada a respecto da morte de Bin Laden. Explícome. As eleccións de 2008 eran especiais por un motivo en concreto. Non houbo nin un candidato á reelección nin un vice presidente á procura dun ascenso laboral. É dicir, o campo dentro de ambos os dous partidos estaba completamente aberto. A estas alturas do ciclo electoral, en maio de 2007, xa se presentaron máis de 15 candidatos entre os dous partidos. Agora é lóxico que ninguén do partido de Obama se presente: a pesar da crise, segundo as enquisas, Obama mantén unha decente imaxe entre a opinión pública –que vai mellorar agora. Pero, que parece impedir aos posíbeis candidatos republicanos que se presenten agora?

O ámbito político actual, máis aló da crise, non favorece a Obama directamente, senón que obstaculiza a campaña do partido opositor. Os candidatos republicanos, canto máis esperan para presentarse, menos tempo teñen para “venderse”. E non vai ser doado. A historia contemporánea probou que as tácticas de Bush, e, por asociación, dos republicanos que o apoiaban cegamente no seu momento, os mesmos que son os posíbeis candidatos actuais, non serviron de nada. A guerra de Iraq non facilitou a presente vaga de cambio no Medio Oriente nin serviu para matar a Bin Laden. Pero debemos recoñecer dúas cousas: que a caza de Bin Laden non é patrimonio de Obama, e, que, tristemente, en gran parte este seguiu a política exterior de Bush.

Aínda así, entre a fanfarra nacionalista, quen quere presentarse agora? Os medios de comunicación están ocupados de momento, como estaban antes coas revolucións –se así as podemos chamar– en Tunisia, Exipto, Iemen, Bahréin, Siria, etc. Ademais, a “retirada” das forzas áreas estadounidenses da coalición da OTAN en Libia provocou unha reprobación republicana total a Obama por ser frouxo e indeciso en canto á política exterior. Quizabes Obama nos aprendeu que non era a mellor idea empezar outra guerra, como fixo Bush en Iraq, cando o obxectivo suposto durante os últimos dez anos era localizar a Bin Laden.

Obama non necesita aterrar na cuberta dun portaavións para anunciar unha “misión cumprida” –esperemos que así sexa unha vez xa, polo menos en Afganistán– para que o electorado tome nota. Obama xa non terá que defender a súa política exterior en vésperas das presidenciais de 2012. Os feitos, as súas decisións, falan por si mesmos, a opinión pública vaino apoiar e os medios falan tanto que polo momento os republicanos non poden facer nada. Xustiza poética.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais