Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
IGADI 4 de Decembro de 2019 Mansilla Blanco

OTAN en crise, Eurasia en ascenso

O declive “atlantista” fortalece o eixe sino-ruso

Mentres en Londres dábase inicio (3-4 decembro) ao mais tirante cumio da OTAN coincidindo co seu 70º aniversario, Putin e Xi Jinping fortalecían a asociación estratéxica entre Rusia e China inaugurando o “megaproxecto” de gasoduto Siberia Power, que subministrará 38.000 millóns de metros cúbicos de gas natural ruso a China a través de 3.000 quilómetros. Unha OTAN na súa peor crise, motivada polas disputas internas entre Francia, EUA e Turquía (por certo, aliado estratéxico do eixe sino-ruso) implica observar o seu paulatino declive como motor da relación hexemónica “atlantista”, toda vez o eixe euroasiático trazado por Beijing e Moscova amosa o seu mais elevado nivel de relación, confirmando as expectativas do progresivo traspase hexemónico da clivaxe atlántica á euroasiática.

O cumio de Londres evidencia o estado de crispación e de desacordos existentes na Alianza Atlántica, persistentes dende a chegada de Donald Trump á Casa Branca. Trump aposta polo “atlantismo” vía Brexit, toda vez critica a Europa por non “cumprir coas cotas de gasto en defensa”, onerosas para Washington. Simultaneamente, a UE polarízase ante a consolidación da relación estratéxica sino-rusa. De feito, a declaración final deste cumio da OTAN confirmou, por vez primeira, a preocupación do "atlantismo" ante o reto que supón o ascenso de China, especialmente en materia militar e tecnolóxica.

O punto de maior irritación verificouse coa lapidaria declaración do presidente francés Emmanuel Macron de que a OTAN padecía de “morte cerebral” e de que Europa debía “resetear” as súas tensas relacións con Rusia, vixentes dende a crise de Crimea en 2014. Pola súa banda, o presidente turco Recep Tayyip Erdogan ameazara con bloquear varias das propostas deste cumio, en particular aquelas referentes á intervención militar turca en Siria contra as milicias kurdas do YPG, ata agora respaldadas por Washington.

Precisamente, Turquía, Rusia e China foron os temas de maior preponderancia no cumio da OTAN, ademais de Siria e o combate contra o terrorismo global. Estes tres países veñen deseñando relacións cada vez mais estratéxicas, determinadas polos intereses económicos e cada vez mais xeoestratéxicos, tal e como se observou coa constitución en 2017 do denominado “Grupo de Astaná” para definir o pos-conflito sirio.

A pax rusa en Siria fortaleceu aínda mais a relación bilateral ruso-turca, toda vez o proxecto xeopolítico das Rutas da Seda impulsado por China coloca a Turquía (e colateralmente a Siria) como un territorio chave de tránsito. Paralelamente, Turquía acaba de adquirir o sistema defensivo antimísiles ruso S-400, espallando así as críticas e temores por parte da OTAN de que o Kremlin estea tentando utilizar a Turquía como “socio discordante” que contribúa a minar a hoxe aparentemente inerte unidade atlántica.

Coincidindo coa “morte cerebral” da OTAN pregoada por Macron, Putin cualificou o proxecto Siberia Power con China como “o acordo do século” e “un evento histórico”. A inauguración do proxecto, iniciado en 2014, coincidiu igualmente co 70º aniversario das relacións entre a República Popular China (RPCh) e a ex URSS. É o resultado dun investimento de US$ 55.000 millóns entre a multinacional rusa Gazprom e a Corporación Nacional de Petróleo de China (CNPC) e ten unha duración de 30 anos. Un período, tres décadas, ata o 2049 e 2050, no que precisamente as expectativas están cifradas no definitivo impulso da “globalización chinesa” vía Rutas da Seda.

A “retórica” de Putin co respecto ao proxecto Siberia Power ten claro sentido xeopolítico, obviamente dirixido a pulsar efectos colaterais con Bruxelas, sé da OTAN e da UE. O “histórico” do acordo confirma o alcance do eixe euroasiático sino-ruso, que ten unha das súas principais variables precisamente en Turquía, socio estratéxico da OTAN desde 1952, pero cuxo presidente Erdogan está reorientando cada vez mais a súa política exterior cara Eurasia e os intereses xeopolíticos motorizados por Beijing e Moscova.

As cifras son elocuentes neste sentido. As sancións occidentais e as tensións de Occidente con Moscova trala crise de Crimea (2014) fortaleceron a China como o principal socio comercial ruso. Pola súa banda, Rusia é o décimo socio comercial chinés, destacando as súas exportacións en materia prima, principalmente hidrocarburos e gas natural, esencial para o elevado consumo enerxético chinés. Pola súa banda, China exporta a Rusia maquinaria, tecnoloxía e bens de consumo, contribuíndo así co proceso de modernización da infraestrutura económica rusa que tanto ansía Putin, a fin de impulsar a competitividade económica do país.

Paralelamente, Siberia Power é un proxecto que lle permite ao Kremlin expandir o seu peso xeopolítico, principalmente no sector enerxético, dun xeito similar ao gasoduto Nord Stream 2, orientado a abastecer de gas natural a Europa. Debe destacarse que aproximadamente un 35% do consumo enerxético europeo provén precisamente de Rusia, factor estratéxico que ben puido influír na esixencia de Macron de reconducir mais favorablemente a relación entre a UE e Rusia. Incluso, xa está en marcha outro proxecto Siberia Power 2, de 3.000 millóns de metros cúbicos anuais de gas natural ruso.

Pero outros acontecementos simultáneos, mais dentro do hemisferio occidental, denotan os alcances destes contrapesos xeopolíticos entre os eixes “atlantista” e “euroasiático”. Coincidindo co cumio da OTAN e a apertura do gasoduto Siberia Power, celebrouse en Bogotá a 30º xuntanza de consulta do Tratado Interamericano de Asistencia Recíproca (TIAR), un mecanismo da “guerra fría” para moitos obsoleto no mundo actual.

Este cumio do TIAR enfocou na activación de maiores sancións e illamento hemisférico contra o réxime de Nicolás Maduro en Venezuela, precisamente o principal aliado do eixe euroasiático sino-ruso-turco en América Latina.

Con cambios políticos (Bolivia), electorais (Uruguai, Arxentina) e turbulencias sociais (Colombia, Chile) configurando unha nova realidade en América Latina, Washington tenta reafirmar os seus imperativos estratéxicos nunha rexión, a latinoamericana, onde recentemente os seus rivais China e Rusia viñan alcanzando alianzas estratéxicas (Venezuela, Cuba), agora visiblemente ralentizadas ante a reorientación política dereitista a nivel hemisférico (Brasil, Colombia, Bolivia, Chile, O Salvador, entre outros) enfocada en recuperar as relacións estratéxicas coa Casa Branca.

Pero a discordia transatlántica entre EUA e Europa, confirmada neste crispado cumio da OTAN en Londres, albisca posibles reequilibrios xeopolíticos para o hoxe distanciado aliado europeo. Quizais as palabras de Macron busquen asentar un alternativo contrapeso “euroasiático”, con sentido preventivo, ante o previsible declive “atlantista”.

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais