Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
A Nosa Terra 24 de Novembro de 2010 Ríos

OTAN – Rusia: ¿borrón e conta nova?

No cumio de Lisboa da pasada fin de semana, a OTAN aprobou un novo Concepto Estratéxico que vai servir de folla de ruta para os próximos dez anos. Unha das novidades esenciais dese Concepto é o empeño por construír unha asociación estratéxica “real” con Rusia, superando a dinámica de enfrontamento máis recente e que culminou na guerra de Xeorxia do verán de 2008. Pero, ¿é factible esa asociación? 

Para facela “real”, ambas as dúas partes deben superar as diverxencias políticas e a desconfianza, circunstancias que veñen de lonxe e que imporán a súa inercia no futuro inmediato. Dende o final da guerra fría, tense falado en numerosas ocasións desta “asociación”, involucrando a ambos actores, pero sempre con escaso éxito. En distintas ocasións, de Ieltsin a hoxe, ambos tentaron establecer unha relación baseada na cooperación e na asociación. O alargamento da OTAN ao Leste abriu unha etapa de inestabilidade que só mudou de rumbo coa chegada de Obama á presidencia, mellorando os lazos bilaterais a medida que se recuperaba a atmosfera de cooperación entre Washington e Moscova. 

En Lisboa, a OTAN certificou, unha vez máis, que Rusia non é un inimigo, senón un socio estratéxico, e esta aceptou o convite para traballar coa OTAN no control dos programas nucleares doutros países e na creación do escudo de defensa antimísiles. Na loita contra o terrorismo e noutros campos, a OTAN precisa de Rusia, sinalando espazos cun notable potencial para facilitar a cooperación. Pero sería iluso pensar que toda a bagaxe de desconfianza do pasado vaise esfumar por arte de maxia dun día para outro. 

A ninguén escapa que o interese da OTAN en atraer a Rusia ao seu entorno é inseparable desa vocación por evitar a súa aproximación a China, que constitúe o rival estratéxico de maior calado de Occidente e con quen colabora na Organización de Cooperación de Xangai. Esa tensión euroasiática vai perdurar.

A OTAN evitará no inmediato futuro algúns dos temas máis espiñentos na relación con Rusia (como o alargamento á Transcausasia). Por outra banda, a ningunha das dúas partes interésalle a confrontación. Non obstante, vailles custar coexistir cando os seus respectivos intereses naturais rivalicen. As diferenzas van a estar presentes durante moito tempo e, por iso, o camiño para asimilar esta cooperación será longo e disputado, podendo malograrse como aconteceu xa con anteriores intentos.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais